Mércores. 17.04.2024
El tiempo

A Pipa: Cargada de paixón

A Pipa: Cargada de paixón
Pedro Pichin non puido facer nada na derrota do Lira ante o Ponteceso no Pinguel Pedro Pichin non puido facer nada na derrota do Lira ante o Ponteceso no Pinguel Xornada apaixonante a segunda na Liga da Costa, con dous conxuntos que contan as súas participacións por triunfos e encabezan a táboa: Mazaricos e Camariñas. Por detrás, un bloque de tres equipos con catro puntos, que tampouco coñecen a derrota. Por abaixo, continúan sen sumar Coristanco e Malpica, e non coñecen a vitoria, pero xa puntuaron, Buño, Cerqueda e Baiñas. A Esteirana mostrou as súas credenciais en Cee, onde venceu e convenceu ante un Unión que viña de sumar os tres puntos en Malpica. Os de Esteiro, moitísimo orde e forte traballo, souberon sacar rendemento ao seu bo nivel e sacaron un importante triunfo nun terreo que non é nada fácil. Bo partido en Buño, onde o Cerqueda viuse sorprendido por un Camariñas disposto a todo esta tempada. Os locais, como fan habitualmente, levaron o control do balón, pero sen gran perigo, mentres que o Camariñas, moi ben plantado, soubo aproveitar a súa oportunidade para dar un golpe sobre a mesa e arrincar os tres puntos en xogo. Gran partido en Louro do conxunto preparado por Oscar Leis, que venceu e convenceu ante un Coristanco que viu como os locais, tras un primeiro tempo moi igualado, rompían o partido co gol de Juan de Celia tras saír dos vestuarios na segunda metade. A partir dese 2-0, o Montelouro soubo xogar co marcador e, á contra, alcanzar un amplo resultado maquillado ao final polo tanto de Curral para o Coristanco. En Camariñas, o Muxía non puido cun rocoso e ben armado Mazaricos, que coa incorporación de Roberto Amoedo na súa zona de retaguardia alcanza unha gran solvencia na súa zona defensiva. Os locais, que encaixaron no último minuto da primeira metade e no inicio da segunda, intentárono todo, pero non foron capaces de ameazar ao conxunto amarelo, que sacou tres puntos moi importantes. Triunfo cómodo do Corme ante o Malpica, en duelo marcado polo tempranero gol de Lucas, que deixou KO ao conxunto preparado por Repi, acrecentado con dous goles máis antes do descanso para os pupilos de Anxo, ata colocar un claro 3-0 ao término dos primeiros 45 minutos. Tralo descanso, un Corme moito mástranquilo e un Malpica que maquillou o resultado co tanto de Dariel. Bo partido en Outes, onde os locais sufriron moito para derrotar a un Buño moi ben organizado sobre o terreo de xogo e que se adiantou no marcador, para empatar antes do descanso os homes de Cambeiro. Na segunda metade, e cando se entraba no tramo final, unha indecisión da zaga visitante propiciou o tanto do triunfo blanquinegro. Tras un primeiro tempo igualado, con tres goles no primeiro cuarto de hora, o Sporting Zas alcanzou un triunfo máis amplo do esperado ante un Baíñas que, na primeira metade, mostrouse a bo nivel pero na segunda, tralo 3-1 local e con dez homes, viuse claramente superado polos locais, encaixando dous tantos máis e véndose impotentes para frear o xogo zaseiro. Outro gran partido viuse en Ponteceso, onde os pupilos de Tito Pedreira medíronse a un Lira chamado a ser un dos protagonistas da competición. O choque foi de poder a poder e de intenso ritmo por parte de ambos conxuntos, resolto na segunda metade co gol de Dieguito aos catro minutos da reanudación, suficiente para que o Ponteceso sumase os tres puntos en xogo pese aos intentos do Lira de alcanzar un mellor resultado. Na próxima xornada, varios encontros concitan a atención dos afeccionados. Por unha banda, os líderes recibirán nos seus respectivos terreos de xogo a Cee, en Camariñas, e Baiñas, en Mazaricos, dous partidos apaixonantes sen dúbida. En Esteiro prepáranse para recibir ao Corme, mentres que o Lira será o anfitrión do Sporting Zas. Rivalidade en Buño, coa chegada do invicto Ponteceso. Non o terá nada fácil o Malpica que recibirá a un Outes disposto a amargarlle a festa aos locais, , mentres que Coristanco e Cerqueda buscarán estrear o seu casillero de triunfos na Rocheira. Partido de gran igualdade en Muxía, onde os locais recibirán a un crecido Montelouro.

3ª Galega

Porteño e Ameixenda suman de tres en tres neste comezo de competición na Terceira da Costa, tras liquidar os seus compromisos con triunfo ante Corcubión e Seaia, respectivamente. Os dous comparten liderato neste inicio de campaña, con outros tres equipos invictos como os son Cabana, Muros e Laxe, este descansou nesta xornada. En Corcubión, dous conxuntos dos aspirantes a retornar a Segunda tralo descenso da pasada campaña, brindaron un bo partido, con dous estilos diferentes, pero onde os visitantes souberon sacar maior rendemento ao seu potencial e o seu fútbol directo para sumar un triunfo importante nun complicado terreo de xogo. Tampouco o tivo fácil o Ameixenda en Malpica, ante un Sporting Seaia que ata os últimos dez minutos mantivo o empate no marcador e, cun once visitante cun home menos, viu como os ceenses alcanzaban romper a contenda e sumar un triunfo importante por 2-4. Gran retorno do Muros ante os seus afeccionados, derrotando a un Nantón que é un dos serios candidatos a estar na zona alta da clasificación, pero un tanto celeste no primeiro terzo do choque foi suficiente para que o Muros alcanzase o primeiro triunfo da tempada ante as súas ilusionada afección. Partido de entrega, loita e con dous tempos moi diferenciados en Camelle, onde os locais, aos 50 minutos gañaban por 3-0 con solvencia, pero o once de Sil, nos últimos sete minutos, colocou o 3-2 no marcador e ameazou unha vitoria local que parecía consolidada trala vantaxe adquirida no marcador. En Castriz o once local derrotou sen moitas complicaciones a un novel conxunto do Outes B, que xa aos 8 minutos tiña un 2-0 no seu contra e que en ningún momento puxo en perigo a cómoda e ampla vitoria dos rossoneri ante os seus afeccionados, sumando os tres puntos en xogo. Tampouco se viu ameazado o Cabana en Vimianzo, ante un Castrelo que viu como os visitantes deixaban moi encamiñado o choque na primeira metade, cun 1-3 para os pupilos de Oscar Mingui. Na segunda metade, os aurinegros souberon xestionar a vantaxe no marcador para terminar conseguindo un novo tanto no último minuto da contenda pese aos intentos locais de recortar o marcador. Na próxima xornada gran partido en Laxe, coa visita do Castriz, así como en Cee, onde o Ameixenda recibirá ao Muros. O Camelle buscará manter a súa boa liña en Outes ante o filial, mentres que o Volantes quere sumar de tres en tres ante a visita do Sporting Seaia. Favorito o Nantón no seu duelo ante un Castrelo en formación, e gran duelo o que se espera en Cabana, onde os locais reibirán a un Corcubión que quere borrar a derrota da pasada xornada.

A Preferente

Non houbo derrotas en Preferente nesta xornada, cun triunfo, o do Dumbría no seu terreo do Conco, e dous empates, do Xallas na súa visita ás Pontes e do Sofán ante un potente Ordes. Os homes de Diego Lobelos, a base de traballo e bo fútbol, sumaron os tres puntos ante un Arteixo que aos 22 minutos perdía por 2-0, mostrándose sen ideas e estando a mercé o mellor fútbol dos locais. Na segunda metade, o Arteixo adiantou liñas, pero o Dumbría, cun fútbol control total, mantivo a vantaxe e sen mostrar fisuras non permitiu ningún atistbo de remontada aos roxiblancos. Gran partido o realizado polo Xallas no desprazamento ao Poboado, onde o As Pontes prometíaas moi felices co gol de Eloy na primeira metade, onde os locais estiveron mellor. Pero tralo descanso, o conxunto dirixido por Noé fíxose co control do partido, creando varias oportunidades ante a meta local, pero tivo que esperar ata o tramo final para conseguir un máis que merecido empate polo seu xogo e traballo. Nas Eiroas mereceu moito máis o Sofán ante o Ordenes, nun partido que se lle puxo costa arriba aos pupilos de Iván Cancela co tanto de inicio de Aguado, pero antes do descanso deron a volta ao marcador. Na segunda metade, gran traballo local para manter a vantaxe. Cando o partido languidecía, no último minuto, chegaría o empate visitante, que non fixo méritos ao sucedido sobre o terreo de xogo. Na próxima xornada, o Xallas buscará o seu primeiro triunfo ante un rocoso Escairón na Fontenla, mentres que Dumbría e Sofán renderán visita a Boimorto e Arteixo, respectivamente, dous conxuntos que non comezaron a competición a bo nivel, ocupando as dúas últimas prazas da táboa, pero non por iso han de confiarse nin un nin outro conxunto.

1ª Galega

En Primeira inauguran a súa casillero de vitorias Baio e Fisterra, ambos a domicilio, sumando os tres puntos en xogo en complicados terreos como o son Tordoia e Verdillo, pero facéndoo con bo fútbol e amplo guarismo final. O Soneira cedía un empate en Vimianzo ante un dos candidatos ao ascenso, o Sigüeiro. Comezando polo Municipal de Vimianzo, o once de Rafa Pais viu como un vello rockeiro do fútbol, como o é Juanito, colocaba ao seu equipo con vantaxe no marcador, igualando a contenda o Soneira na segunda metade, co tanto de Aarón e merecendo alcanzar o triunfo no tramo final do choque. En Tordoia, o Baio reafirmou o seu bo traballo cun triunfo incuestionable ante un conxunto local que se viu superado polo traballo dos blanquiazules, que comezaron a cimentar o seu éxito na primeira metade co gol de Santi Díaz e rematárono na segunda co doblete de Brais Lado. O Fisterra non deixo nin un atisbo de posibilidades ao San Lorenzo no seu terreo de Verdillo, cosechando o seu primeiro triunfo da competición ante un conxunto mermado polas baixas na súa liña defensiva e que xa antes do descanso viuse cun 0-2 desfavorable. A expulsión de Adrián, aos oito minutos da reanudación, terminou por desnivelar aínda máis o encontro e darlle aos verdes os tres puntos en xogo. Derbi na próxima xornada en Vimianzo, onde o Soneira repite en casa recibindo ao San Lorenzo necesitado de puntos. En Fisterra recibirán a visita dun Riveira que está na zona baixa da táboa, mentres que o Baio volve xogar lonxe da súa afección, rendendo vista a un Sigüeiro que suma tres empates e unha derrota pese ao potencial dos seus compoñentes.
  • Manuel Corredoira, Entrenador UEFA PRO, Nacional Nivel 3 de Fútbol e Director Deportivo pola RFEF, formador da Escola Galega de Adestradores, actual coordinador das Escolas de Fútbol Base de Zas e Delegado da Federación Galega de Fútbol para a Costa.
A pipa de Corredoira

A Pipa 17/18

Fonte

Comentarios