Venres. 19.04.2024
El tiempo

A “Polafía”, unha auténtica viaxe en vídeo pola tradición de Cerqueda

A “Polafía”, unha auténtica viaxe en vídeo pola tradición de Cerqueda

Volvemos hoxe aos tempos do Entroido para disfrutar dunha auténtica tradición de Cerqueda, Malpica. A Polafía recolle a máis pura tradición oral, e dende xa a podemos disfrutar na rede.
Un total de 41 vídeos de distinta duración, desde 1.30 ata 5 minutos, amosan desde esta semana o excelente traballo de recolleita de literatura oral e música tradicional que a Asociación de Escritores en Lingua Galega, coa organización das asociacións Monte d’Arxa e Raigañas e co patrocinio da Deputación da Coruña e do restaurante Aldeola, realizou o Domingo de Piñata e que xa se poden contemplar desde calquera parte do mundo.

Coa súa visualización poderanse escoitar romances, coplas, fragmentos de regueifas de regueifeiros históricos como Cotelo da Ourada, Leonarda de Tallo e Cadete de Figueiroa, comparsas de Mens e Cerqueda, sucedidos, contos, lendas, ladaíñas, mandamentos, cancións de acordeón diatónico, de pandeireta e de gaita e a manifestación etnográfica dos Madamitos e Ghuardineros que foi rescatada hai décadas pola Asociación Cultural Raigañas.

A informante máis novo que aparece nas gravacións ten 4 anos e o de máis idade 97. Os informantes foron Miguel Anxo Calvo (O’Mighelo), Manuel Bouzas Souto (Manolo do Vinculeiro de Folgueira), Alberto Ordóñez, Florinda Bermúdez Castro (Florinda do Patricio), Jesús Lema Vecino (Suso de Xornes), Antonio Rodríguez Caravel (Antonio de Xornes), Teresa Reigía Pose (Teresa dos Cucos), Evangelina Trigo Vecino, Dolores Trigo Vecino (Lola do Panadeiro), dous grupos de pandereteiras de Raigañas, Dolores García García (Dolores de Mandían) e José Suárez Rodríguez, dous grupos de gaitas de Raigañas, os Madamitos, os Ghuardineros, os Vellos e Comitiva de Entroido.

Fest’Arxa

Por outra banda, para a tarde noite do vindeiro sábado 25 de xuño, a Asociación de Veciños Monte d’Arxa vai organizar a III Fest’Arxa na que os asistentes poderán realizar degustacións gastronómicas, escoitar unha regueifa a cargo de Suso e Antonio de Xornes ou baixar ó son do Trío Lembranza. O lugar de celebración será o Campo da Festa.

Máis información

Os vídeos están colgados na páxina de Internet da Asociación de Escritores en Lingua Galega (www.aelg.org) dentro da sección de Literatura de Tradición Oral.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa de A.VV. Monte d’Arxa.

Comentarios