A prensa de Corcubión ao servizo da Costa da Morte desde 1890 (2ª parte)
Xesús Torres Regueiro no seu artigo «A prensa corcubionesa» (Nerio. Boletín Informativo do Concello. Segunda Época. Número 1. Corcubión, abril de 1985, páxs. 4-5) sinala que a primeiros de século xurdiron dúas publicacións La Verdad (1903) e El Canta-Claro (1905) que define como «voceiros do deputado a Cortes polo distrito Ramón Sanjurjo Neira». Na política da época, que alternaba entre conservadores e liberais, este avogado e segundo Marqués da Casa Pardiñas chegou a ser deputado polo distrito de Corcubión nos anos 1901 (con 7768 votos de 8151 votantes nun censo de 10304 electores), 1903 (con 6689 votos de 6690 votantes nun censo de 10421 electores) e 1905 (con 3761 votos de 7333 votantes nun censo de 10350 electores), e xa a partir de 1907 e até 1919 polo distrito de Arzúa. A súa presenza no distrito de Corcubión, malia ser nado en Compostela e con ascendencia en terras de Vilagarcía da Arousa, estaba xustificada porque entre as súas propiedades naquela altura posuía pazos, terras e rendas anexas en Carrabete (Serantes, Laxe).
La Verdad (1903): A única información que manexamos sobre este xornal é a que ofrece Torres Regueiro e que reproducimos deseguida, depurando algunhas grallas.
«La Verdad subtitulábase "Periódico semanal defensor de los intereses del partido judicial". Apareceu no 1903 e debeu ter curta vida. Dirixiuno Emilio Waldemar, que anos despois seria secretario dos concellos de Corcubión e Cee. A publicación mantiña enfrontamentos con El Eco de Mugia, que viña a ser o eco do bando político muxián dos López Abente, quen defendian neste intre os intereses do candidato Blanco Rajoy, adversario político de Sanjurjo.»
El Canta-Claro (1905): A información sobre esta revista tamén é escasa. O artigo, sen asinar, «Prensa histórica corcubionesa» da enciclopedia dixital Galipedia mesmo sinala que se trataba dun periódico, cando o seu formato e o propio subtítulo evidencian que esta publicación periódica tiña vocación de ser unha revista. Dise: «El Canta-Claro foi un periódico editado en Corcubión en 1905. Subtitulada Revista literaria e independente, defensora de los intereses generales, apareceu en 1905. No número 9 (10 de decembro de 1905) apareceu un artigo en galego sobre a Festa das Neves. Tiña colaboradores en Muxía, Vimianzo e Camariñas.»
Torres Regueiro, despois de consultar o único exemplar conservado é máis explícito: «El Canta-Claro apareceu en 1905. Subtitulábase "Revista literaria e independente. Defensora de los intereses generales". O número 9 -único que coñecemos- é unha total apoloxía, con fotografía e todo, do político liberal español Moret, que viña de ser nomeado Presidente do Goberno. Na cabeceira figuraban estas curiosas e contraditorias lendas: "Los pueblos libres y agradecidos á sus protectores progresan notablemente" (¿os povos libres necesitan protectores?) e esta outra: "Corcubión no tiene caciques, y los desvelos y laboriosidad de los gobernantes, lo harán ser grande y floresciente".
Como curiosidade, tanto La Verdad como El Canta-Claro custaban 10 céntimos o exemplar, coas 4 páxinas e o formato típico da prensa da época.»
Nerio (1920): Reelaborando a información que ofrecía o mencionado artigo de Torres Regueiro e engadindo algúns datos a maiores eu propio achegueime un pouco máis a esta revista, cando fun bolseiro de investigación no proxecto do Dicionario da Literatura Galega, que publicou Galaxia, coa coordinación da crítica e profesora de Literatura Galega na USC Dolores Vilavedra, sendo un dos redactores que elaborou as fichas dos volumes II. Publicacións periódicas (1997) e III. Obras (2000). No primeiro volume o artigo sobre Nerio é da miña autoría, aínda que por decisión editorial, que moito non comparto, as fichas non van asinadas polo autor da entrada de xeito que cada quen puidese responsabilizarse do texto que se publicou. Velaquí a miña achega:
«Nerio. Inicialmente tiña como subtítulo "Revista quincenal independente. Órgano defensor de los intereses de la comarca" e despois, en plena campaña pro-ferrocarril A Coruña-Carballo-Corcubión pasaría a chamarse "Órgano de defensa. Corcubión-Muros", ó se interesaren tamen os muradáns polo proxecto. De feito, foi un intento de prensa comarcal que serviu de axitador desta e, en menor medida, doutras reivindicacións. O primeiro número apareceu o 1 de xullo de 1920 e durou ata setembro de 1921, saíndo un total de dezasete. A publicación era quincenal, figurando como director Segundo Rey Fernández, se ben a alma mater era o mozo Pepe Miñones, que chegaría a ser deputado na II República. Nun principio constaba de dez páxinas que foron aumentando despois. Na derradeira comparecencia do periódico anunciaba a súa ampliación no número de páxinas, con aparición circunstancial cando así o demandasen as necesidades da zona, sen embargo este desexo non se converteu en realidade. Contaba con correspondentes en toda a comarca e entre os emigrantes, na Arxentina e en Cuba. Eran colaboradores habituais coñecidos personaxes da comarca como Esmorís Recamán, Lastres Carrera, Juan Díaz Fernández e Evaristo Vázquez Mouzo, ou escritores de prestixio no país como o xornalista Roberto Blanco Torres. Ademais das noticias de actualidade comarcal, sociedade, marítimas, agrícolas, traballos históricos e literatura, tiña abundante publicidade. No tocante á literatura galega, nas súas páxinas reproducíronse poemas en galego de clásicos como Rosalía de Castro e Curros Enríquez ou de escritores da zona como Gonzalo López Abente, Víctor Castro Rodríguez ou Emilio Waldemar, ademais dunha serie de coplas das históricas "parrandas de san Xoán e de san Pedro". Finalmente, tamén se debe mencionar o serial, en castelán, "La costa poética en la pos-guerra" de X. Campos Núñez".»
Da cumprida información ofrecida por Torres Regueiro nesa altura deixei fóra esta curiosidade: «Non faltaba a autopropaganda: "Lea usted Nerio. Es la mejor revista de pueblo que se edita en España. Selecta colaboración".»
Novamente, Luís Lamela na súa imprescindible biografía do deputado republicano corcubionés fusilado polo franquismo Pepe Miñones. Un crimen en la leyenda (1900-1936) (Edicións do Castro: 1991, dedica as 32 páxinas do capítulo 1. 4. «La revista Nerio», alén dos datos máis esenciais sobre a publicación e de incluír o seu primeiro editorial, a citar e mesmo nalgúns casos reproducir por completo os artigos de Pepe Miñones, con chamados á emigración galega en América, coa defensa da Terra fronte ao poder central, e de maneira central a reivindicación do denominado «Ferrocarril dos tres C» (Coruña – Carballo – Corcubión), como tamén a avogar pola unión das vilas de Cee e Corcubión nunha única entidade pobocional que se denominaría Neria.
Malfadadamente, máis unha vez, os exemplares que se conservan da revista Nerio están en diversas mans privadas, pois a monumental base de datos do proxecto Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia (http://biblioteca.galiciana.gal/gl/inicio/inicio.do) tan só posúe un único exemplar dixitalizado: Nerio. Órgano de defensa. Ano II. Número 13 - 24 de xullo de 1921, ao que corresponden as imaxes que acompañan esta anotación.
(ha continuar)
Vén de:- Miro Villar, ceense Doutor en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, é profesor de lingua e literatura galegas, ademais de poeta, narrador, tradutor e crítico literario en diversas revistas e publicacións periódicas. Autor do blog As crebas.
Artigos de Miro Villar en QPC
- Unha crítica á celebración do 12 de outubro nos versos de Antón Zapata García.
- Novos testemuños do franquismo de Eugenio López López.
- A romaxe da Barca desde a emigración bonaerense:
- A fundación en Bos Aires do xermolo da «Asociación Benéfica Cultural del Partido de Corcubión» e a unificación coa «Sociedad Cultural y Agraria del Distrito de Mugía».
- Feros Corvos, 1 (Inverno de 1997). A revista do Batallón Literario da Costa da Morte.
- Tres sonetos de Antón Zapata García no Día de Galiza do ano 1947.
- A Costa da Morte en Nova Ardentía. Revista Galega de Cultura Marítima e Fluvial.
- Efeméride: No 80 aniversario da publicación de «Na morte de Lexandro Bóveda» de Antón Zapata García.
- Efeméride: No 64 aniversario do pasamento do poeta Antón Zapata García.
- Os artigos literarios de Baldomero Cores no diario vespertino La Noche.
- Nemancos (1953-1954), a revista dirixida por Baldomero Cores Trasmonte.
- «O pino de Corcubión» en dous poemas de Xervasio Paz Lestón.
- Paco Souto, in memoriam.
- Efémeride: No 139 aniversario do natalicio de Gonzalo López Abente.
- El Eco de Mugía (1902-1904). No 115 aniversario dunha cabeceira da prensa costeira
- “A relixión do mar”, de Xosé Iglesias Lamela.
- Efeméride: 120 anos do naufraxio do «City of Agra» e un poema de Antón Zapata García.
- “O pino de Corcubión”, un poema de López Abente.
- Nos 80 anos (1936-2016) dun decembro negro na Costa da Morte.
- O naufraxio do HMS Serpent na novela Cadeas (Premio Xerais 2013) de Xabier López.
- Emigración e antifranquismo na poesía de Xervasio Paz Lestón (23/10/1898 – 1977).
- No trinta aniversario do colectivo de poesía «Un Medio» de Cee.
- «A Virxe d’a Barca», un poema de Juan Bautista Armada Losada, Marqués de Figueroa editado en 1917.
- Coplas populares na nosa lingua no Programa de Festas de Cee, agosto de 1952.
- Adagio por outono.
- A xeira do Seminario de Estudos Galegos en 1936 a Fisterra.
- «Saúde e Terra, irmá(n)s!». Exposición conmemorativa do Centenario das Irmandades da Fala (1916 – 2016).
- A vinte anos I Encontro de Escritores e Escritoras da Costa da Morte, primeira actividade do Batallón Literario.
- O poeta maltés Stephen Cachia critica o peche temporal do Museo da Pesca de Fisterra.
- No natalicio do escritor emigrante muxián Victorino Abente Lago.
- A Costa da Morte: poesía e paisaxe nos textos de Manuel María (III).
- A Costa da Morte: poesía e paisaxe nos textos de Manuel María (II).
- A Costa da Morte: poesía e paisaxe nos textos de Manuel María (I).
- Ceés / Ceesa e outras propostas filolóxicas polémicas en Xentilicios de Galicia e dos outros territorios de lingua galega.
- Os neofranquistas de Cee non queren mudar o nome do colexio público Eugenio López.
Novas relacionadas
- O Batallón Literario da Costa da Morte revive na rede.
- De pescos a montañeses. Os verdadeiros xentilicios da Costa da Morte.
- Os versos de Miro Villar musicados en clave indie.
- Miro Villar, un contacontos de primeira.
- Miro Villar espallou os seus haikus do Finisterrae Bretón pola costa ártabra.
- Miro Villar rebélase na charca da poesía para nenos.
- As Crebas de Miro Villar premiado como o Mellor Blogue Literario pola AELG.
- Miro Villar explica por que rexeita o Faro Nerio.
- Miro Villar: Estranxeiro na súa patria.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).