Xoves. 28.03.2024
El tiempo

A regueifa toma as aulas con Enreguéifate

A regueifa toma as aulas con Enreguéifate
Alba María e Lupe Blanco levando a regueifa as aulas Alba María e Lupe Blanco levando a regueifa as aulas

Segue medrando o proxecto Enregueifate, ese que convirte a Costa da Morte no epicentro do relevo xeracional desta arte oral. Durante esta semana, as bravas Lupe Blanco e Alba María, expoñentes da nova onda de regueifeiras galegas, están realizando varios obradoiros polos institutos de Carballo, ao tempo que comeza un aberto certame.

Obradoiros

O pasado luns 5 de marzo comezaban os obradoiros coas reguefeiras, e desenvolveranse ata o día 16. Neles participará todo o alumnado de 1º da ESO do IES Parga Pondal e IES Monte Neme, coa colaboración dos respectivos Equipos de Normalización e Dinamización da Lingua Galega, e do IES Alfredo Brañas, neste caso coa colaboración do equipo directivo do centro. Nestes obradoiros, impartidos polas regueifeiras Lupe Blanco e Alba María e polo regueifeiro Josinho da Teixeira, traballarase de maneira práctica e dinámica a improvisación oral e a técnica da regueifa desde os valores da igualdade e a diversidade.

Certame

Comeza o certame de regueifas en vídeo Enreguéifate, no que calquera persoa interesada pode participar cunha regueifa en vídeo até o vindeiro 15 de abril. Para participar neste concurso, incluído dentro do proxecto Enreguéifate, organizado polos concellos de Ames, Carballo, Santiago de Compostela e Teo –desde os seus servizos de normalización lingüística–, debe enviarse un vídeo regueifando a través do sitio web www.enregueifate.gal. A inscrición é aberta e de balde, e existen dúas categorías: unha xeral e outra escolar. A temática é libre, pero entre outros requisitos debe terse en conta que o vídeo non poderá superar os 3 minutos de duración e que nel deberán saír cando menos dúas persoas regueifando en lingua galega. En cada categoría haberá premios para a regueifa máis brava, a máis aguda, a máis diversa, a máis reivindicativa, a mellor cantada e a mellor falada. Esta é a segunda edición deste certame para a posta en valor da regueifa e o fomento da lingua a través dela. En 2017 organizouno o Concello de Santiago de Compostela, e este ano amplíase coa colaboración dos outros tres concellos implicados, entre eles o de Carballo.

Festival Regueifesta

A entrega de premios terá lugar o 2 de maio de 2018 no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, coincidindo co festival Regueifesta. Esta cita constitúe un punto de encontro de escolares de toda Galicia e doutros lugares coma Euskadi arredor da improvisación oral en verso. A ela acudiron o pasado ano unhas mil persoas e desta volta agárdase dobrar esta cifra.

Máis información

 

Novas relacionadas

  Fonte

Comentarios