Xoves. 28.03.2024
El tiempo
Miro Villar
17:12
07/09/17

A romaxe da Barca desde a emigración bonaerense

A romaxe da Barca desde a emigración bonaerense
Peregrinación de Cee a Muxía pola Romaría da Barca en 1929-Foto-Ramón Caamaño Peregrinación de Cee a Muxía pola Romaría da Barca en 1929-Foto-Ramón Caamaño

O poeta Xervasio Paz Lestón naceu o 23 de outubro de 1898 en Serantes, parroquia de San Xulián de Moraime (Muxía).Seus pais, Benito Paz Pérez e Rosa Lestón Quintáns, tiveron nove fillos, dos cales tres morren a pouco de naceren. Formaban unha familia labrega relativamente próspera, xa que neses anos posuían un casal de pedra, con tres cabaceiras e bastante terra de labor, segundo datos achegados polo fillo do poeta Juan Gervasio Paz, confirmados no poema autobiográfico «Pequena Historia». Daquela a presión tributaria foral era aínda a causa principal pola que emigraban os labregos, mesmo cando se trataba de familias en certa maneira pudentes. De feito, sabemos que seu pai, Benito Paz, viaxara á Arxentina antes da fin do século e tal vez en máis dunha ocasión.

Anos máis tarde, Xervasio Paz Lestón desembarca en Bos Aires con tan só 12 anos, pois alí chegou o 1º de xaneiro de 1911. De inmediato foi vivir e traballar nun almacén e despacho de bebidas que rexentaban seu pai e algúns dos seus irmáns. Na década de 1920 a 1930 o negocio prosperou e isto permitiulle regresar a Galiza entre xullo de 1925 e marzo de 1926. Esta estadía tiña como obxectivo visitar os seus proxenitores, pois o pai xa retornara, na casa familiar de Serantes. Foi a única vez que o poeta regresou, falecendo en Bos Aires o día que facía 79 anos, o 23 de outubro de 1977.

Malia o pouco tempo que pasou en Galiza, nos seus case 250 poemas hai sete composicións nas que o poeta lle canta á Virxe da Barca, coma se fose un romeiro máis. Son os poemas «Nosa Señora da Barca», publicado en 1930, «Sábado da Barca» (1945), «Domingo da Barca» (1948), «¡Qué festa a da Barca!» (1949), outro «Nosa Señora da Barca» (1956), e dous máis tamén cos títulos «Sábado da Barca» e «Domingo da Barca» que figuran nos mecanoscritos sen data de publicación. Todos amosan a devoción mariana enraizada na tradición popular. De feito, canta esta relixiosidade, intimamente unida á tradición, como parte fundamental do folclore popular. Ora ben, sempre aproveita os textos para evidenciar o seu agnosticismo. Así, no poema «Nosa Señora da Barca» (1930) fai unha fermosa e detallada descrición dos romeiros que acoden á ermida e dos santos fervores e as ansias místicas que os moven, para logo lembrar a aqueloutros que chegan ás romaxes de maneira pagá: Cubertos de polvo dos vellos camiños / arriban a ermida da Virxen da Barca / devotos que veñen cumprindo promesas / que, acaso, fixeron en horas amargas.(...) / Y ao par dos romeiros que traen acesas / no fondo do peito as místecas lampras, / arriban aqueles que van ás romaxes / buscando o rebumbio das festas paganas.

Curiosamente, será no poema «No corpiño», publicado en 1949, pero datado polo autor en 1925, onde se pode observar mellor a reafirmación no desexo humanista de se reencontrar co santuario chantado nas pedras da brava costa e tamén como se afasta dos que acoden para atoparen consolo, movidos pola devoción: ¡Catorce anos lonxe da terra adourada, / da terra que un día, de neno, deixara, / grabáronme a fogo no cerne da i-alma / o ardente deseo de verme na Barca! / (...) Ao estar cabo de ela, con fogo na ialma, / pensei n-esas xentes iñaras ou sabias / pra quenes lle foron consolo i espranza / a vista i o tacto das pedras sagradas.

Sobre o tema da paganía volve insistir novamente en «Sábado da Barca» (1945), outro magnífico texto etnográfico que se abre coa reprodución dunha copla popular e que logo describe as condicións nas que se fai a romaxe nos primeiros anos da posguerra: Hoxe non locen as roupas / dos tempos de Rosalía  (...) / e quizás tampouco traen / as mesmas arelas místicas: / (...) Tampouco veñen a pé, / camiña que te camiña, (...)

A crítica antifranquista que xa se intúe no anterior poema vaise facer moito máis evidente en «Domingo da Barca» (1948), que relata a romaxe dese ano. Aquí, a voz poética aínda incide na dualidade existente entre as persoas que celebran a festa relixiosa e a profana, só que agora tamén aparece outra idea cimeira que ten a súa cerna na situación de sometemento na que se atopa a Terra baixo a dictadura de Franco: Doce de setembro corenta oito, / domingo da Barca. / Pras xentes que creen, festa relixiosa; / pras outras, profana. / Pero para todos, creintes i ateos, / festa renomada, / festa lexendaria. (...) Hai pranto nos ollos; / hai fame nas caras. /¡Agochan os peitos sanguentes rencores / i hai odio nas almas!

Moito máis incisivo aínda é no outro texto máis curto que tamén se titula «Domingo da Barca» e que remata: Esquécese a fame / i a vil tiranía, / somente se pensa / na gran romeiría. / ¡Ai! cómo quixera / chegar a Muxía / un día da Barca... / ¡sin a tiranía!

Velaquí, en resumo, a visión sobre a romaxe da Barca nun dos nosos poetas que máis textos lle dedicou. Unha ollada, a de Paz Lestón, dunha persoa agnóstica que quedou fascinado pola intensidade do movemento humano xerado arredor da pedra abalatoria e do santuario.

  • Miro Villar, ceense Doutor en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, é profesor de lingua e literatura galegas, ademais de poeta, narrador, tradutor e crítico literario en diversas revistas e publicacións periódicas. Autor do blog As crebas.
 

Novas relacionadas

 

Artigos de Miro Villar en QPC

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios