Mércores. 24.04.2024
El tiempo

A Semana Gandeira de Mazaricos bate marcas de calidade e cantidade

A Semana Gandeira de Mazaricos bate marcas de calidade e cantidade
Poxa da Semana Gandeira de Mazaricos 2017 Así de chea estaba a Poxa da Semana Gandeira de Mazaricos 2017

Se cando dicimos que Mazaricos é a capital e a Cibeles do sector gandeiro galego é por algo. O Recinto Feiral da Picota, recibía esta fin de semana máis de 2.000 persoas chegadas de todas partes da xeografía galega, para a Semana Gandeira de Mazaricos, unha cita imprescindible para o mundo do agro. Dous días cargados de asuntos profesionais (con Xornadas Técnicas de primeiro nivel e unha das Poxas de xovencas máis famosas do país) e unha marea de actividades para todos os públicos.

IX Poxa de Gando Frisón con animais de elite

Poxa da Semana Gandeira de Mazaricos 2017 2

A gran cita desta Semana Gandeira sempre é a Poxa de Xovencas. E como non podía ser doutro xeito, centos de gandeiros achegáronse á cita para poxar polos 26 animais que se presentaban. O director técnico de Africor, José Moreira, conductor da poxa, esforzouse en subliñar o nivel de perfección que acadaron as vacas nas granxas galegas. “Xa non é preciso ir fóra para ter animais de alta calidade: non hai que ir a Alemaña nin a Suíza, están na granxa do teu veciño”, explicou. Ao fío disto engafiu que “fomentar o mercado a nivel Galicia tamén é un xeito de favorecer o sector”.

Ningún dos animais baixaron dos 1800€, sendo a poxa máis tensa a que tiña por protagonista unha Megabimba de SAT A Campa de Curtis. A xovenca, nacida en agosto de 2015, chegou ao “ring” de subasta cunhas cualidades morfolóxicas, xenealóxicas e de mellora xenética envexables e a un prezo de 2300€. Todo o público tivo claro que aquela era a vaca da mañá. E foron subindo, de 50 en 50 euros, sen demasiadas pausas entre poxa e poxa ata chegar aos 3650€. Moreira pediu un forte aplauso para o gandeiro pois “soubo valorar o salientable animal” que era a xovenca. Deste xeito, supera moito o prezo máximo do ano pasado, que saíu do ring por 2550€.

Polo demais, a gandería Nuveira de Mazaricos colocou a bo prezo aos 3 animais que levaba á poxa: 2200€, 2000€ e 2500€, o que supón unha boa mañá para os locais.

Ao final da poxa, que durou arredor de tres horas e media, levouse a cabo un gran sorteo en lotes e produtos por valor de 2000€.

Poxa da Semana Gandeira de Mazaricos 2017 2

As Xornadas Técnicas

A fin de semana completouse cun sábado doble: As xornadas dos pofesionais, e unha batería de actividades para toda a familia,

Xornadas Tecnicas da Semana Gandeira de Mazaricos 2017

As xornadas técnicas abrían as portas con Alejandra de la Barrera, responsable Grupo PS Vet Dairy- Quality S.L, e a súa charla sobre pautas para mellorar a calidade do leite. Tras ela foi o turno de Mónica Barrio e Ismael Fernández, veterinarios de Xénese, Equipo de Transferencia embrionaria. Xa non eran novatos en Mazaricos pois veñen de impartir un curso de inseminación teórico e práctico nesta materia pioneiro no Concello.

Logo dunha pausa para café, o director de BancoAgro (ABANCA), Jesús Combarro, aportou claves e datos para a elección do banco por parte dos gandeiros. Tras iso foi o turno do director da división de Servizos Agrogandeiros de CLUN, Ángel Miranda que fixo unha reflexión sobre se o sector vai no bo camiño. Abordou temas desde os forraxes, ao gasto en infraestrutura ou a eliminación de reses.

Manuel Rondón, xefe de vacún leiteiro de Nanta deu pautas para manexar e nutrir ás becerras do nacemento á cubrición. Pechou a sesión Albino Iglesias, veterinario do servizo de Alimentación de Seragro S. Coop. Galega cunha didáctica presentación con vídeos e imaxes sobre que poden facer os gandeiros fronte ao estrés por calor.

Clausuraron a xornada o alcalde de Mazaricos, Juan José Blanco Riveiro e a consel- leira de Medio Rural, Ángeles Vázquez. Blanco subliñou a importancia este tipo de xornadas “para que as persoas das explotacións gandeiras podan incluír novas técnicas nas súas explotacións, porque sería imposible concibir Mazaricos sen a gandería e a agricultura”. Pola súa banda, a conselleira reiterou aos gandeiros o seu compromiso para frear a directiva europea que afecta aos puríns e que esixe deixar de aplicar purín nas fincas sen que teña contacto co aire. Vázquez subliñou que “imos intentar por todos os medios que non haxa que aplicala para o ano, porque non ten sentido no caso galego, estamos facendo reclamacións catro comunidades autónomas”.

Tarde para a a familia

A primeira hora da tarde, os nenos e nenas de Mazaricos participaron na xinkana organizada por Eu Son Mazaricos. A actividade era lúdica pero grazas a ela tamén aprenderon cousas de cultura xeral do seu municipio e da actividade agrogandeira. A Banda da Balbina puxo música e animación antes da entrega dos premios dos concursos desta edición. Así, no caso do concurso fotográfico, a persoa gañadora da categoría de votación en Facebook foi Belén Trillo; as categorías de animais no rural e retrato no rural foron para Rebeca Conde, gañadora tamén o ano pasado, por último, na categoría de paisaxes rurais fíxose co premio Héctor Brea. O gañador do premio de postres lácteos volveu recaer en José Manual Carreira, gañador do ano pasado e chef do asador mazaricán Manduca. O premio do concurso de microrrelatos foi para Nuria Pampín Rey, por un relato digno do concurso de Relatos en Cadena da Ventana da Ser. O xurado fixo agradecemento especial aos nenos e nenas de 4º de primaria do CPI A Picota que participaron.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios