Xoves. 18.04.2024
El tiempo
José Luis Louzán
21:18
06/03/09

A utopía Democrática do mundo de nada

A utopía Democrática do mundo de nada
As verdades como puños de José Luis Louzán

Quen sabe porque, pero o feito e que pasou. Unha especie de sentimento común, unha caste de experiencia múltiple asoballou a un pais enteiro e provocou tal desorientación nas mentes dos cidadáns, que na vez de acudir adoctrinadamente a onde os seus respectivos lideres os mandaban, decidiron esta vez por si mesmos.

Onde o líder dixo “vótame a min” a mente afirmaba “decide por ti mesmo”. Onde o medio de comunicación afirmaba “malo,l malo, mellor este outro” a mente repetía “decide por ti mesmo”. E aquela vez, unha masa indiferente e sectaria converteuse nun grupo de unidades, de individuos, que decidiron por si mesmos e votaron o que quixeron. Aquela vez o voto en branco foi masivo, as tendencias diluíronse nun crisol de partidos, de ideas, coma se de repente un país enteiro espertase e se erguera como un todo de diversidade e convencemento.

A utopía fíxose realidade. Os partidos políticos como tales desapareceron, afundidos nun pozo mesto de indiferenza, de ignominia, gañado a pulso por anos de corrupción e desfachateces cometidas con cartos públicos no nome dun ben común falsario e mal entendido. Os que antes eran lideres convertéronse en simples cidadáns, abocados o ostracismo polo desmesurado dos delitos cometidos, polo grave da súa propia falta de ética e vergoña propia. A cidadanía reclamou que novas propostas ocuparan o lugar de aqueles, e de entre os seus iguais xurdiron nomes, xurdiron persoas dispostas, humildes e traballadoras, de intachable pasado e vocación de servizo recoñecida, que renunciaron de partida a calquera distinción, e calquera beneficio, o tempo que manifestaban dos seus limites, das esquinas das súas responsabilidades, para evitar equívocos futuros, para evitar novas frustracións e desilusións.

No mundo da utopía, despois da revolución democrática nas furnas, chegou a revolución nos espíritos e nos corazóns. Despois de demostrar que a masa mudara en individuos, chegou o momento de facer que os indecisos, que seguían existindo naquel paraíso de claridade ideolóxica, comprenderan que nada ia ser igual. Que nunca mais a partidocracia, nunca mais a autarquía nin a delincuencia consentida dos que facían as leis. Nunca mais a política do bar, a do interes. Nunca mais un goberno definido por unhas siglas falsarias.

Despois da escuridade a luz volveu o mundo da utopía política democrática.

No mundo real, o Partido Popular acumula imputados por estafa e financiación ilegal do partido, alcaldes de SOE e BNG son acusados de prevaricación, ediles de diversos partidos de esquerdas centro e dereita acumulan denuncias e pleitos. E como sempre, nunhas eleccións “manipuladas” polos medios de comunicación un partido gañou e outros perderon, un quedou coas tarxetas de crédito dos cartos públicos e outro deixou de poder usala a vontade.

E nada cambio no mundo real. A fin de contas non se trata de nada importante, so de decidir por nos durante catro anos. Nada mais... e nada menos.

  • José Luis Louzán.

Comentarios