Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Actualizan na rede a Ruta Marítima da "Costa do Solpor" de Lema Suárez

Actualizan na rede a Ruta Marítima da "Costa do Solpor" de Lema Suárez
O illote O Centolo e o opaco mar prateado nun día gris (foto XMLS) O illote O Centolo e o opaco mar prateado nun día gris (foto XMLS)

Xa está na Rede, no web da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG), a “Ruta marítima da novela «Costa do Solpor»”, coa novidade de que, ademais da versión en galego, tamén se inclúe a tradución ó castelán (“La ruta marítima de la novela «Costa do Solpor»” e ó inglés (“The route of the novel «Costa do Solpor»”).

Este roteiro vén sendo a continuación da ruta terrestre da novela, publicada no web da AELG en 2015: “Ruta Costa do Solpor: polos principais escenarios da Costa da Morte”. Se esta era a visión que se tiña desde terra do percorrido dos tres barcos que centran a trama da novela (a Hispaniola -a goleta do tesouro-, o An Ankou e o El Trueno -os navíos piratas que a apresan-), a visión dos personaxes nativos da Costa do Solpor que se implican (o Chavián, dona Mariña, o Crego Sabio...), nesta nova ruta vai prevalecer a visión que teñen desde o mar os tripulantes dos tres barcos implicados, en especial os ingleses da Hispaniola, tendo en conta que nel está os dous principais narradores: Jim Hawkins e o Dr. Livesey.

Con arredor de 70 fotografías inéditas -realizadas polo autor desde mar aberto cando estaba pensando a novela- podemos ollar paisaxes distintas das habituais: a punta do cabo de Fisterra desde a superficie do mar (“unha nave de pedra de velames arfados polo vento”, do poeta mariñeiro A. Nerium), os seus esgrevios cantís do seu lado oeste, as augas prateadas do Centulo, os perfís dos cabos da Nave e Touriñán ou a silueta mutante do cabo Vilán. Como remate, a escura boca da furna da Buserana, o “brazo tumultuoso” que penetra nas “moi negras entrañas do monte Cachelmo” (Miro Villar e López Abente), á que só se pode chegar por mar (por terra é imposible).

A idea de preparar esta ruta marítima partiu de varios participantes das excursións que se organizaran para a ruta terrestre. Participantes chegados de toda Galicia -mesmo de lugares tan distantes coma A Mezquita, Ribadeo ou o Baixo Miño- que encheron varios autobuses. Eles foron os que animaron ó autor a preparala. Traballo feito. Se se consegue levar a cabo todo o percorrido ou en parte, será un éxito, pois esta é unha das poucas rutas literarias existentes que teñen un percorrido por mar.

A parte oeste, a mar aberto, do cabo de Fisterra (foto XMLS) copia A parte oeste, a mar aberto, do cabo de Fisterra (foto XMLS)

Novas sobre Lema Suárez

Artigos de Lema Suárez en QPC

Fonte

Comentarios