Venres. 29.03.2024
El tiempo

O alcalde de Ponteceso chama “usurpador” ao veciño cormelán e o PP acúsao de "cacique"

Concentracion de vecinos en Corme
O veciño afectado, Ángel da Baneira, arroupado polos seus veciños na concentración de onte
O alcalde de Ponteceso chama “usurpador” ao veciño cormelán e o PP acúsao de "cacique"

Complícase cada vez máis a problemática en Corme respecto ao muro do veciño Ángel da Baneira. Un veciño que denuncia unha “persecución” do Concello e que era respaldado polos seus veciños nunha concentración na mañá deste luns.

O asunto salta, ademais, de cheo, á vida política municipal, tralas últimas declaracións do goberno municipal e o PP. Un goberno municipal que directamente chama “usurpador” ao veciño, entendendo que o muro de pedra e o portalón que ten debaixo da súa casa non está rexistrado nin no Catastro nin no PXOM, aprobado en 2015 co goberno popular, e que o veciño non realizou ningunha alegación.

O Concello insiste en que o camiño é de titularidade municipal e mesmo por embaixo pasan as canalizacións, e por iso segue adiante co expediente de reposición da legalidade que inclúe a demolición do muro e do portal de madeira. De feito, xa impuxo dúas multas coercitivas ao veciño “usurpador”, cuio importe xa supera o valor da obra a realizar, polo que optou pola execución subsidiaria, aprobada nun pleno cheo de polémica e sacada adiante co voto de calidade do alcalde. Ademais, o Concello ía levar a cabo demolición este mesmo luns pero decidiu aprazala, “por prudencia”, e ante a mobilización veciñal, “á espera do que dispoñan os tribunais”.

No medio atópase o veciño que recibiu a licencia para rehabilitar unha vivenda un pouco máis arriba pero que ten cortado o acceso ante esta situación.

Muro e portal de madeira da discordia en Corme
Muro e portal de madeira da discordia en Corme

O PP sitúase do lado veciñal

Na concentración tamén estivo o voceiro do PP, Daniel Froxán, que aproveita a situación para chamar “cacique” a un alcalde que “lle mete a culpa de todos os seus males ao PP”. “O PXOM de 2015 conta con centos de iniciativas e, no tema en cuestión, está claro que o equipo de redacción presenta unha proposta de camiño público nun lugar onde antes só había servidume de paso. Asumido este erro, preguntámonos como, o Sr. Alcalde, ten tanta presa para executar esta previsión do PXOM e non outras, como por exemplo os aparcamentos contemplados en frente do Concello, que afecta a unha finca da súa titularidade”, pregúntase.

”Pedimos ao Alcalde que remate coa persecución a este veciño e que respecte que todo mundo non ten porque pensar nin actuar a favor dos seus intereses. O Concello non é a súa casa, Sr. Carballido”, arenga Froxán.

Novas relacionadas

Comentarios