Xoves. 28.03.2024
El tiempo

A alcaldesa Sandra Insua debulla a actualidade de Camariñas nos #DirectosQPC

A alcaldesa Sandra Insua debulla a actualidade de Camariñas nos #DirectosQPC

Este xoves 14 de maio tivemos unha nova parada na rolda de alcaldes e alcaldesas que abríamos o pasado martes co rexedor de Santa Comba nos #DirectosQPC, que facemos cada día ás 15:00h da tarde na nosa páxina de Facebook. Unha rolda de entrevistas para coñecer como afrontan os concellos a chamada “desescalada”, e para ver como como poden axudar para que a recuperación económica e social sexa máis efectiva.

Hoxe fixemos parada en Camariñas, falando con Sandra Insua, que recoñeceu a complicada situación que viviu durante toda esta crise sanitaria apenas cun ano de experiencia na alcaldía. Repasou a xestión da crise dende o Concello, apuntando historias tristes e as mostras de solidariedade e compromiso vividas, e explicou como ve a reapertura ao longo desta semana e non agochou a súa preocupación pola “despreocupación” da mocidade nesta saída do confinamento.

Insua explicou as medidas económicas que ten pensado poñer en marcha despois de xuntarse coa Asociación de Empresarios e de Promoción Turística de Camariñas e pendente de ofrecer aos comerciantes facer unha Asociación semellante para xestionar as posibles axudas nominativas que o Concello poida destinar a estes sectores.

Recoñeceu a dificultade para realizar campañas a nivel comarcal, tanto a nivel turístico como económico, pero apuntou o gran traballo dos ADL da Costa da Morte e o seu Plan de Reactivación, que vai servir de referencia.

Tamén se amosou rotunda na defensa da “sanidade pública” como leva demostrando o concello dende hai anos, apoiando as reivindicacións de familias e profesionais, e deu conta dos avances do proxecto comarcal do Centro de Atención Temperá, que está liderando Dumbría, e que vai collendo forma e pronto se abrirán espazos destinados en Dumbría e mais en Vimianzo, pero que será flexible en función da demanda dos concellos da zona.

Sobre a aparición das alcaldesas, en feminino, na política municipal dende o comezo desta lexislatura, Insua recalcou que unha das cousas que máis nota é que as “mulleres somos máis de dito e feito, non lle damos demasiadas voltas”, apuntando a boa sintonía que mantén coas rexedoras de Vimianzo e Cee.

Tamén recoñeceu a mala situación económica do Concello e o antes e despois desta pandemia en materia de xestión municipal, formulada para facer menos obras e aforrar algo máis.

Sobre infraestruturas, Insua recoñeceu que o Centro de Día aínda tardará en ser unha realidade pois aínda están pendentes da compra dos terreos (hai dúas posibilidades a día de hoxe); sinalou que o PEPRI podería ir adiante agora que por fin o Concello ten unha interventora en exclusiva despois de ano e medio; e avanzou que o ambicioso proxecto do Auditorio do Mar, aproveitando ao edificio da Lonxa Vella, non poderá ser un auditorio polas restricións de Portos pero que si que se recuperará e se convertirá nun posible Museo do Mar (ou museo subactuático).

Comentarios