Venres. 29.03.2024
El tiempo

Aprender creando con mestres da casa

Aprender creando con mestres da casa
Semana do Libro 2014 Ceip Santa Eulalia de Dumbria

A formación ten moitos camiños. E por Dumbría saben labrarse os seus sendeiros. Coa axuda dos libros, ademais. Seguindo a estela dos últimos anos, o CEIP Santa Eulalia volcouse co fomento da lectura e da creatividade nunha completa V Semana do Libro. A semana do libro costeiro ademais, pois os 5 persoeiros que pasaron polo centro son D.O. Cultura Costa da Morte.

Parte da culpa a ten un deses profesores enrollados que gasta tempo libre en abrir novas portas aos seus alumnos. Un deses mestres que non se ciñe só ao programa educativo, ou que polo menos o adapta ás posibilidades do territorio. Dani Mato e todo o grupo de profesorado do centro, con mención especial a Aurora Meitín Rouco e Josefa Toba Quintáns, son un exemplo, coma outros da bisbarra, que demostra que cando se quere, se pode formar doutro xeito.

Así, durante unha semana, os alumnos dumbrieses puideron escoitar e falar con 5 artistas da zona: os ceenses María Lado, Rocío Leira e Suso Bahamonde, o pontecesán Miguel Anxo Mato Fondo, todos escritores, e o dramaturgo Artur Trillo.

Estaba tamén programada a visita de Soledad Felloza, pero a última hora non puido acodir a traer os seus contos por motivos persoais. Pero non faltan recursos no cole, de xeito que os nenos e as nenas de Educación Infantil, xunto ao alumnado de 1º curso, tiveron a oportunidade de gozar dunha representación de “Pulgarcito” por parte dos compañeiros de 6º, dirixidos polo seu titor, Emilio. Eso é sacar proveito á cultura feita na casa!

Así que repasamos un a un, e gracias aos textos dos propios alumnos, como foi cada visita.

Estrea con María Lado

Maria Lado no CEIP Santa Eulalia de Dumbria copia

Hoxe, día 22 de abril, visitounos a segundo ciclo, a escritora María Lado. Dividiunos en varios grupos, os cales tiñamos que pensar algunha historia que viramos na televisión ou nalgún libro. Despois, cada grupo, ía contando a súa historia aos demais. A continuación, tivemos que inventar un conto a partir dunha frase que María nos dicía. E, por último, iniciamos un conto dicindo todo o que fixemos pola mañá ata chegar ao colexio, para despois ler en alto e continuar o conto cunha frase que nos dixo María e que valía para ampliar e rematar a nosa historia.

Para rematar a visita, María deu a coñecer o gañador do concurso de contos en terceiro, que foi Carlos Costa Carabel.E tamén tivemos un detalle con María, para agradecerlle a súa visita.

”Game Over” con Suso Bahamonde

Suso Bahamonde no CEIP Santa Eulalia de Dumbria

Hoxe, 23 de abril, os nenos e as nenas de segundo ciclo estivemos con Suso Bahamonde. Fixemos as seguintes actividades. Suso dounos un debuxo e mandounos inventar un diálogo, segundo o que nos transmitira a ilustración. Despois, cada un de nós leu a súa creación.
Na seguinte actividade estivemos completando un poema escrito por Suso, titulado “Game Ove”r e, despois, comparamos co orixinal.
A continuación, fixemos dous grupos. Suso entregou un poema, partindo as estrofas, de xeito que uns tiñan os versos do principio e outros os do final, e así formamos un poema entre todoos.
Na última actividade, Suso entregounos un folio en branco a cada grupo. Ditou dúas palabras, “amizade” e “lúa”; cada un fai unha frase e, logo, segue o seu compañeiro, continuando así o conto ata que chega ao do principio, que é o que remata.

Sen tempo para máis, Suso entregou o premio do gañador do concurso de contos de 4º, que foi para Eloy Fernández Santabaya. E tamén lle fixemos entrega a Suso dun detalle por vir á Semana do Libro do noso colexio.

Unha doble visita poético teatral

Miguel Anxo Mato Fondo no Cole de Dumbria

O 24 de abril, foi un xoves especial, pois viñeron á biblioteca do colexio dous escritores, Miguel Mato e Artur Trillo.Con Miguel, os nenos e as nenas de 5º e 6º, estivemos falando sobre un conto seu chamado “Xope de Lilaina”, que trata dun boneco que se volve persoa porque se namora doutra boneca. Logo, debuxamos a “Xope” ou ao “Imitador de paxaros”. Para rematar a sesión, fixemos entrega do premio ao gañador do concurso de contos de 5º, que foi Denís Pazos Lema. Tamén lle fixemos entrega dun regalo a Miguel, agradecendo a súa visita, por suposto.

Logo da visita de Miguel, os nenos e as nenas de 6º estivemos con Artur Trillo, o cal explicounos como era o mundo do teatro, como interpretar un texto,… Para rematar a sesión, fixemos entrega do premio do gañador do concurso de contos de 6º, que foi para Sergio Trillo Vieites. Tamén lle entregamos un detalle a Artur Trillo, agradecendo a súa visita.

Artur Trillo no Cole de Dumbria

Rocío Leira pecha o ciclo

Hoxe, día 25 de abril, os nenos e as nenas de primeiro ciclo estivemos coa escritora Rocío Leira. Comezamos escollendo tres palabras que viñan nunha bolsa que trouxo Rocio. Con estas palabras tiñamos que facer un conto, e ao final, un debuxo sobre o mesmo. Cando rematamos todos, formamos unha fila e fomos lendo as nosas creacións.
Ao finalizar a lectura, pasamos a entregar os premios aos gañadores do concurso de contos. No primeiro curso a gañadora foi Laura Santos Cambeiro. No segundo curso, a gañadora foi Ainhoa Trillo Pousa. Por último, fixemos unha foto de todo o ciclo, xunto coas nosas titoras, Emma de 1º e Sonia de 2º, que nos estiveron axudando a facer os contos

Rocio Leira no CEIP de Dumbria

Unha semana ben completa, como podemos comprobar. Só nos queda darlle os meirandes parabéns a estes mestres comprometidos, e que sigan disfrutando e aprendendo os seus alumnos.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios