Xoves. 25.04.2024
El tiempo

A arte urbana segue reinventando a Carballo

33426fab-3368-4b54-b900-771298484e33b
A muralista arxentina Milu Correch pinta no Forum a obra que foi vetada na pasada edición | Fotos: A.L. Crego
A arte urbana segue reinventando a Carballo

Quen decida pasear pola capital de Bergantiños ten, desde a semana pasada, un motivo máis para facelo. Carballo volve ser estes días un auténtico estudio de pintura ao aire libre coa quinta edición do Rexenera Fest, festival de arte urbana que reafirma a esta vila como punto de referencia da cultura urbana e da arte contemporánea.

Catro dos seis murais que conforman esta nova edición xa locen rematados. É o caso da medianeira da Avenida de Bergantiños pintada pola artista catalá Marina Capdevila, quen onte pola mañá se ocupaba de dar as últimas pinceladas ao seu mural, unha homenaxe ao Carballo dos anos 80, e no que se deixan ver tres avoas bañándose en augas termais. “Esta foi unha experiencia moi guai, dá gusto chegar a festivais máis rurais nos que a organización é unha pasada”, afirmaba onte ao teléfono a artista. Tamén están finalizados o mural dos valencianos Pichiavo na rúa Luis Calvo, que se encargaron de darlle cor á fachada de maior extensión deste ano co seu particular estilo que mestura cultura grecorromana e cultura do graffiti; o da artista asiática Satr na Avenida da Cristina e o da arxentina Millo na rúa Poñente.

3167a2ab-2d4f-41fd-b5f0-e7bb31ed2d56a57223a2-e128-4677-bf46-362ed7de55f0

85afec5f-a438-4674-a83f-e910061ac573

No exterior dunha das casas da rúa Vila de Negreira segue traballando a galega Lidia Cao. Conta que lle fai moita ilusión formar parte do elenco de artistas deste ano porque “eu comecei nunha masterclass do propio Rexenera, así que imaxínate”, di entre risos. Se todo vai ben e a chuvia o permite, Lidia ten pensado rematar antes deste venres. “Carballo é unha vila bastante grande con moita fachada fea, polo que son fundamentais iniciativas así que fomenten a loita contra o feísmo”, sostén.

ecaebd93-8ed7-4ef4-b7f5-e033050febefLidia Cao, de Ordes, inspirouse na infancia roubada para elaborar o seu mural.

Tamén segue mans á obra a muralista arxentina Milu Correch. Volve a Carballo, cocretamente ao Fórum, para representar a obra que tiña previsto facer na pasada edición, con dúas mulleres espidas como protagonistas, que finalmente tivo que vestir debido á oposición dos donos da medianeira. O remate deste mural está previsto en cuestión de horas.

Actividades paralelas

Dentro do Rexenera Fest, a tarde do sábado 8 terá lugar un ciclo de conferencias no que catro convidados de luxo, pertencentes a catro organizacións e eventos relacionadas coa arte urbana contemporánea, compartirán as súas experiencias co público, relatando a súa filosofía e traxectoria, coa intención de que sirva como foro para compartir experiencias e reflexionar sobre as distintas derivas que se están a levar a cabo no mesmo eido dende distintos puntos de vista. Cada un dos/as poñentes falarán de cadanseu proxecto nun formato de microconferencia, de 25-40 minutos cada un. A continuación, abrirase un tempo de debate no que o público asistente poderá formular as preguntas que considere oportunas. Relatores: Festival Parees de Oviedo (Asturias)/Polígon/ Urvanity Projects/Miau Fanzara (Museo Inacabado de Arte Urbano) do Concello de Fanzara en Castellón. Máis información en www.rexenerafest.gal.

Tamén o sábado, a 5ª edición do Rexenera Fest despedirase cunha festa por todo o alto, na que a música será a gran protagonista. O anfiteatro do Fórum Carballo, un espazo único e privilexiado rodeado polo mural de Aryz, participante na edición de 2015, acollerá as actuacións das bandas galegas Néboa, High Paw e Boyanka Kostova.

Como xa é costume, o domingo, derradeira xornada do Festival, estará dedicado a comtemplar e gozar dos murais que decoran os diferentes espazos urbanos do Concello de Carballo. Un ano máis, realizarase un roteiro guiado, dirixido polo equipo de Mutante Creativo, para descubrir un a un cales son e como se fixeron os murais desta 5ª edición e tamén os de anos anteriores. Esta actividade será de balde e aberta á participación de toda a cidadanía. De 17.00 a 19.00 horas.

Comentarios