Xoves. 25.04.2024
El tiempo

A artista antirracista Faith Ringgold protagoniza o xullo da Galería Mulleres

faith ringgold na Galeria Mulleres de Muxia
A artista antirracista Faith Ringgold protagoniza o xullo da Galería Mulleres

En plena ondada de mobilizacións en EEUU contra o racismo, Viki Rivadulla non perde a oportunidade para seguir contándonos a historia en nome de muller, dende o corazón da America afroamericana. Imos ata Harlem, en Nova Iorque, onde nacía en 1930 Faith Ringgold, Pintora, escultora, escritora , profesora, artista de performance e activista feminista e antirracista.

Licenciada en artes visuais. Profesora de arte na Universidade de California, recibiu 23 doutorados honorarios. Ao principio as galerías resistíanse a colgar as súas obras, debido á gran carga política das súas pezas, que poñían de manifesto a cultura racista en todas as súas expresións. Con todo, a Spectrum Gallery de Nova York apostou por ela e tivo neste espazo as súas dúas primeiras individuais.

A primeira serie que demostrou a madurez do seu traballo, foi American People Series (1963 a 1967): óleos sobre lenzo que plasmaban a sociedade que vivía. Escenas cruentas e directas que correspondían a unha realidade silenciada polos medios brancos. Nestes anos comezou a mergullarse no activismo antirracista e feminista, facéndose eco destes feitos violentos e clamando pola presenza de artistas –homes e mulleres- negros nos museos estadounidenses.

Nos 70, Ringgold comezou a facer tankas (inspiradas nunha forma de pinturas tibetanas enmarcadas en teas ricamente brocadas), esculturas suaves e máscaras con influencia africana.

Fixo a súa primeira colcha, Echoes of Harlem, en 1980, en colaboración coa súa nai. Estas colchas ou quilts serán fundamentais na súa obra, creando unha forma única de pintar utilizando o medio da colcha.

Como escritora gañou máis de 20 premios, incluídos o Caldecott Honra e o premio Coretta Scott King polo libro infantil mellor ilustrado de 1991. O libro baséase na colcha da historia do mesmo título. A colcha da historia pintada orixinal, Tar Beach, atópase na colección permanente de Solomon R.Museo Guggenheim de Nova York.

O traballo de Faith Ringgold é tan extenso como fundamental para a Historia da arte, exposta historicamente desde un punto de vista occidental, branco e masculino. Ademais, non só manifesta nas súas pezas as violencias racistas, ou as inxustizas sociais, senón que nos permite soñar, avogando nas súas obras por un mundo no que a raza e o xénero non condicionen as nosas vidas, como no significativo caso do mural no cárcere de mulleres de Rikers Island, onde mostra unha sociedade completamente aberta e chea de posibilidades para as reclusas.

Artigo relacionado

10 anos da Galería Mulleres Muxía

Fonte

  • A Biblioteca da Muller de Muxía, da man de Viki Rivadulla.

Comentarios