Xoves. 25.04.2024
El tiempo

As cartas do Avó Pascasio: Quero falarche do Centro Galego de Bos Aires

As cartas do Avó Pascasio: Quero falarche do Centro Galego de Bos Aires
Moi querida neta Cristina: Antes de falarche do motivo desta carta fágoche chegar os meus parabéns porque non te encolles malia que o feroz réxime macricida quere borrarcte do escenario político. Os ataques inxustificados son froito do temor que lle teñen a unha muller que levou o país a un alto nivel de benestar xeral. Pódese mentir sobre a alta inflación e sobre a desocupación pero chega un día en que os votantes perden a confianza ao non ter para parar a olla. Ao darse conta de que foron enganados por mercenarios mediáticos volven ser persoas solidarias que apoian unha democracia social. Quéroche falar do Centro Galego de Bos Aires. Lembrarás que os avós sufrimos cando se desprazou ás autoridades electas por un interventor xudicial. Aquilo debería ser transitorio. Había que recuperar ingresos para ir amortizando débedas coa axuda do INAES ata a convocatoria de eleccións para novas autoridades da mutualista. Non foi posible durante o teu mandato. Debíase moito. Ademais, para rebentalo, creouse a traizón unha obra social coa finalidade expresa de roubarlle os socios ao Centro Galego. Pedinche que o visitases no teu carácter de Presidenta de Honra e recomendeiche que foses un 27 ou 28 de febreiro para facelo coincidir coas visitas de Eva Duarte e Juan Domingo Perón en 1950. Non puido ser xa que os innumerables compromisos inherentes ao cargo che deixaban escaso tempo libre. O actual interventor é afillado político do Grosso Malandra que ten en Porto Madero unha empresa denominada "Axencia Sentidos". O Centro Galego cae a pedazos: a) non hai ciruxía de tórax; b) non hai gastroenterólogo; c) non hai reactivos no laboratorio social; d) non hai médico interno de garda; e) o servizo de xeriatría atende dúas veces por semana. Hai máis problemas pero é suficiente para que vexas o grave empeoramiento desde que deixaches a presidencia. Doña Cristina era mala pero funcionaban todos os servizos médicos. Don Mauricio é un santo pero a asistencia médica é un desastre total. Erro de xestión? Aos avós non nos chamuyan máis. Somos vellos e coñecemos ben o terreo a beiras do Prata. Parécenos evidente que a bocha vai para fóra da cancha si o encargado de reactivar o Centro Galego é un protexido do Grosso Malandra. Explicámonos. O protector do interventor comezou sendo seminarista para logo laburar na empresa da Macri Famiglia que recolectaba o lixo de Bos Aires. Menem nomeouno intendente da capital. Aí empezou a lucrarse coas coimas das súas ex xefes ao asinar un convenio de recolleita de residuos urbanos que foi un afane total. Despois sacou lindas mordidas no proxecto edificio de Porto Madero. Actualmente é asesor, na sombra, do presidente Macri. Que se lle perdeu no Centro Galego? Hai un grupo de socios que se está movendo para denunciar o descalabro. Son boa xente pero chegan tarde. Cegounos o seu antiperonismo que os levou a autorizar nas urnas o latrocinio no Centro Galego. Non foron capaces de entender que a continuidade da entidade dependía do triunfo de Daniel de Villa Crespo sendo o macrismo un inimigo declarado da sanidade mutualista ou pública. Non é unha casualidade que o afillado de Grosso sexa o interventor. O traballo sucio teno que facer unha persoa de confianza. Debe eliminar os obstáculos para entregar as instalacións hospitalarias -con capacidade de internación para máis de 300 pacientes- a unha empresa médica privada. O activo grupo de socios pediu audiencia á ministra Stanley (Desenvolvemento) o 15 de xaneiro, están á espera. É curioso que non visiten ao ministro Lemus (Saúde) que supoño ten algo que dicir no asunto. O rescate complícase moito. Si volve a mans dos socios propietarios, faio deteriorado na cabeza, brazos e pernas. Os socios están esgotados. Contigo no goberno podíase conseguir un convenio sanitario especial que levase á estabilidade financeira ou tamén reflexionar sobre a nacionalización do hospital. Coas fieras macricidas non é posible o diálogo. A súa intención é facer caixa co esforzo honrado dos emigrantes que levantaron un fogar solidario na esquina de Belgrano e Pasco. Despídome. Voume correndo para ver a obra teatral "A cabeza do dragón" de Val Inclán. Por xentileza de Quico Cadaval imos gozar dunha representación histórica en idioma galego desde o Teatro Principal de Santiago de Compostela. O xenial don Ramón introduce nesta antiga fábula elementos actuais como a crítica social ou a corrupción política. Recibe o agarimo do avó emigrante que nunca se arrepentiu de viaxar desde os fermosos montes fonsagradinos ata a moi xenerosa terra arxentina. - Pascasio Fernández Gómez
  • Manuel Suárez Suárez. (mansuarez[arroba]quepasanacosta.com).

Outros artigos dende Lonxe de Montevideo

 

Fonte

Comentarios