Xoves. 28.03.2024
El tiempo

As entrevistas do GDR: Jorge Mira

As entrevistas do GDR: Jorge Mira
Comezamos hoxe cunha nova sección. Unha sección que chega gracias ao traballo do GDR Costa da Morte. Dende esta asociación polo desenvolvemento rural, a xornalista Paula García Costa vén de comezar unha xeira de entrevistas a senlleiros personaxes da bisbarra. Así, en QPC traeremos as primeiras preguntas dunha completa entrevista para incentivar aos nosos lectores a achegarse polo activo blog da entidade gdrcostadamorte.wordpress.com. Sen máis deixámosvos coas primeiras preguntas da entrevista ao polivalente físico baiés Jorge Mira, o mellor embaixador da Costa da Morte, como así foi premiado na última Xunta Empresarial da FECOM por parte da APTCM (vemos como recolle o premio na foto).
  • O feito de nacer nunha vila afastada das grandes cidades supúxolle unha dificultade engadida á hora de triunfar?
Diante de nada, non sei se triunfei ou non… Pero o que si é certo é que moito do que fixen na miña vida se debe á miña formación académica, e obtela para min non foi fácil, porque estar en Baio implicaba unha grande dificultade engadida. Para os rapaces da miña época era raro rematar a EXB e ir ao instituto, só íamos unha minoría, basicamente porque os de Baio tíñamos que ir á Coruña, Santiago ou Carballo, que foi o que eu fixen. Ir á Coruña ou Santiago implicaba pasar meses fóra da casa estando interno. Ir a Carballo implicaba madrugar todos os días, coller o autocar de liña e voltar a Baio case ás nove da noite. O tempo de desprazamento era, na práctica, dunha hora de ida e outra de volta. Imaxínese, perdía dúas horas diarias cos desprazamentos… Eran sacrificios impensables para os rapaces de Baio de agora, para os cales ir ao instituto é tan trivial como ir á escola. Gustaríame que os rapaces de hoxe en día soubesen valorar o que teñen, fixándose nos sufrimentos e dificultades que pasábamos antes…
  • Na súa opinión, cales son os puntos fortes da Costa da Morte? E as principais eivas?
O principal punto forte é, sen dúbida, a súa posición xeográfica de privilexio, con todo o que iso conleva a nivel paisaxístico, meteorolóxico e calidade do entorno. É un luxo o aire que respiramos, as vistas que temos diante dos ollos e alimentarse do que dá a nosa terra e o mar, por poñer un exemplo directo. Á marxe diso, na Costa da Morte a xente ten unha excelente capacidade de traballo. A principal eiva, pola contra, é o baleiramento de xente e recursos que se está a producir cara ás zonas urbanas, que fai que o modelo de desenvolvemento non sexa todo o sostible que sería desexable. Hai tamén unha atomización de certos esforzos que non é conveniente… Cada vez máis, os minifundismos están destinados ao fracaso…
  • Onde se atopan as mellores oportunidades de desenvolvemento para a Costa da Morte?
No punto forte que sinalaba antes: nesas condicións que a fan ser un paraíso, un agasallo para a vista, e unha despensa sen par. Por exemplo, á marxe do evidente potencial turístico de calidade, eu son dos que pensa que a Costa da Morte pode ser un provedor de produtos alimenticios de luxo, procedentes tanto da terra como do mar. A imaxe de marca “Costa da Morte” ten un valor incalculable.
  • Que é o que máis lle gusta da Costa da Morte?
A sensación de fogar, de estar na casa. Nacín aquí e en ningún sitio estou como aquí. Non son capaz de concebir vivir noutro sitio ou non ter a esta terra a tiro de pedra. Esa valoración tan intimamente subxectiva supera a calquera feito puntual que se me poida pasar pola cabeza…

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios