Venres. 19.04.2024
El tiempo

As obras nas rúas Saturniño Cuíñas e Cemiterio Vello completarán a urbanización da contorna do CEIP Xesús San Luís Romero

As obras nas rúas Saturniño Cuíñas e Cemiterio Vello completarán a urbanización da contorna do CEIP Xesús San Luís Romero
A mesa de contratación do Concello de Carballo aprobou xa a proposta de contratación das obras das rúas Saturnino Cuíñas e Cemiterio Vello, que completarán a urbanización de toda a contorna do colexio Xesús San Luís Romero. O proxecto, que será adxudicado nos vindeiros días, ten un prezo de licitación de 245.000 euros. Entorno da Rúa Saturnino Cuiñas en Carballo Na rúa Saturnino Cuíñas xa se instalaron os servizos no tramo comprendido entre Fotógrafo Xosé Vidal e Xesús San Luís Romero aproveitando a primeira fase das obras, que se levou a cabo o ano pasado. No treito que vai desde San Luís Romero ata Emilio González López, onde actualmente hai treitos discontinuos de beirarrúas, poucos servizos e un pavimento en mal estado, instalaranse novas redes de abastecemento de auga, saneamento, pluviais, alumeado, canalizacións de electricidade, teléfono, fibra óptica e gas canalizado. Pero ademais da colocación de todos os servizos soterrados, o proxecto inclúe tamén un novo acabado superficial idéntico ao das rúas Xesús San Luís Romero e Fotógrafo Xosé Vidal, mellorando deste xeito a mobilidade. Os 12 metros de ancho que ten a Saturnino Cuíñas dividiranse en zonas peonís de 3 metros de ancho en cada beira, aparcamento con cespeado portante de 2,40 metros e previsión de arborado entre as prazas, e un carril para o tráfico rodado de 3,60 metros de ancho. Aproveitando esta actuación tamén se acondicionará a zona de aparcamento situada entre as rúas Saturnino Cuíñas e Xílgaro, que mellorará o servizo para as persoas usuarias do Fórum Carballo. Aínda que o groso do proxecto desenvolverase na Saturnino Cuíñas, na rúa Cemiterio Vello, precisamente para garantir a accesibilidade en toda a contorna do centro educativo, tamén se construirá unha zona peonil de 1,90 metros de ancho con pavimento de adoquín. O proxecto completarase co acondicionamento dos pasos peonís adxacentes ao colexio cunha capa de zahorra natural endurecida con cemento. O proxecto completará as actuacións promovidas polo Concello de Carballo no ámbito do CEIP Xesús San Luís Romero, onde, ademais da mellora das rúas, están a rematar os traballos de peche do pavillón deportivo. Dentro da campaña de mellora da seguridade nas contornas escolares tamén se atopan en fase de contratación as obras nas rúas Eduardo Blanco Amor, Camilo José Cela e Celso Emilio Ferreiro, que teñen un orzamento de 343.781 euros e que cambiarán por completo o perímetro do colexio A Cristina.

Comentarios