Xoves. 28.03.2024
El tiempo
09:30
20/06/12

As terras fisterráns na época de Fernando Blanco: do Antigo Réxime ós tempos contemporáneos (VI): o nacemento do concello de Cee

As terras fisterráns na época de Fernando Blanco: do Antigo Réxime ós tempos contemporáneos (VI): o nacemento do concello de Cee

No plano administrativo, despois da Guerra de Independencia moitas cousas cambiarán e así, os territorios que hoxe forman o concello de Cee deixarán de formar parte da provincia de Santiago. Ó promulgarse a Constitución do 1812, pasa a formar parte da provincia única de Galicia e ó facerse a división de Galicia en catro provincias, polo D. de 27 de xaneiro de 1822, e despois unha segunda polo D. de 30 de novembro de 1833, nas dúas ocasións se integra na provincia nova da Coruña, onde segue. Ademáis, durante o trienio liberal e coa resturación da Constitución no ano 1820 crearase un concello na vila que ó establecerse a nova división xudicial pola Deputación o 3 de marzo de 1820, queda comprendido no partido xudicial de Vimianzo. Logo o facerse un novo reparto polo R.D. de 21 de abril de 1834, cambia de cabeceira o formar parte do partido de Corcubión, no que permanece ata o de agora.

Rematando a década de 1820 realízase, por parte da igrexa Compostela, un estudio que inclúe o valor das rentas e freguesías do arcebispado. É a última vez que os datos de Cee aparecen cos de seu anexo, Lires, que pouco despois, nos primeiros anos da década de 1830 pasará a ser parroquia por sí. Na vila de Cee, as renta e décimos seguen a ser levados polo Arcediago quedando para o párroco os tributos menores (como a oblata que os fieis pagan a razón de 1 real e 26 mrs. por matrimonio mentras que os labradores pagan en especie: ½ ferrado de millo e unha ducia de ovos). As capelas fundadas por patróns laicos, a de s. Xoán Bautista e a da Trinidade están semiabandoadas e as súas misas non se cumplen desde fai algúns anos. A ermita da Magdalena non se atopa nun estado mellor, faltándolle desde fai moito tempo incluso a porta de entrada. Das cofradías, só quedan a de San Roque, que se atopa na práctica case que extinguida, a do Santísimo Sacramento, que se constitúe en xullo de 1825 con 62 veciños que acordan a súa unión á fábrica parroquial, e a de Ánimas, que é a única que subsiste normalmente aínda que con bastantes dificultades, o que levou a que tivera que cambiar as condicións de ingreso xa que coas cotas dos cofrades non chegaba para facer frente a tódolos gastos derivados do falecemento dos seus membros. Así, no ano 1824 decídese pasar a media libra de cera en vez da libra enteira o gasto de velar e enterrar ós cofrades. Tamén se aumentan as cotas de entrada en función da idade (así, de 7 a 20 anos: 20 reais; 20 a 30: 30 rs.; 30 a 40: 40 rs. etc.) para deste modo evitar a la Cofradía mayores dispendios que es incapaz de soportar su renta.

Voltando a organización administrativa do territorio, será polo R.D. de 23 de xullo de 1835 cando se den os primeiros pasos para o establecemento da división municipal que chegou ata os noso días. En maio de 1836 publícanse no BOPCO, número 123 do 11 de maio, os novos concellos creados polo partido xudicial de Corcubión. Entre os sete que se nomean non aparece ningún que leve ou teña o nome de Cee. O feito atopase en que o concello de Corcubión, segundo figura no proxecto, comprende en total nove parroquias, entre elas as que logo serían de Cee, e as de Corcubión e a Redonda. Unha vez pasado o plazo de observacións o expediente foi levado a sesión da deputación de 6 de xuño de 1836, e nela adoptaron, os seguintes acordos: o concello de Corcubión queda reducido a vila de Corcubión e a parroquia de San Pedro da Redonda. As demais parroquias que figuraban nel, pasan a formar outro concello co nome de Cee, e coa capital na vila de Cee. Acto seguido a Deputación da Coruña procedéu a publicar a distribución dos novos concellos (BOPCO número 139 do 18 de xuño de 1836) no que o concello de Cee, aparece con sete parroquias, xa que a de Codesos aínda non a integra en Pereiriña, 605 veciños e 2769 habitantes.

  • Víctor Castiñeira (vmcastineira[arroba]quepasanacosta.gal).

       


Novas relacionadas

As terras fisterráns na época de Fernando Blanco: do Antigo Réxime ós tempos contemporáneos

A gran crise europea

Especial Guerra da Independencia

As terras fisterrás no século XVIII

A Baixa Idade Media na Costa da Morte: As orixes das terras de Nemancos

As parroquias do concello de Cee: notas sobre a a súa poboación

Que pasou na Costa na época moderna

A Asistencia hospitalaria na Galicia do século XVI

Que pasou na Costa

Elección Histórica da Costa da Morte

Especial Bicentenario de Víctor Castiñeira en La Voz de Galicia

Fonte

Comentarios