Xoves. 25.04.2024
El tiempo

#AsLetrasnaRede: Carnota tamén celebra a data

as letras na rede carnota
#AsLetrasnaRede: Carnota tamén celebra a data

O Concello de Carnota pospuxo as actividades presenciais arredor do 17 de maio para outubro, como fixo a Real Academia Galega. Pero non quere deixar pasar a data sen lembrar ao ferrolán Ricardo Carvalho Calero (1910-1990), historiador da literatura, crítico literario, filólogo e escritor que traballou arreo pola dignificación do idioma e da cultura galegas.

Xa está en marcha #AsLetrasnaRede, unha iniciativa da Concellería de Cultura, Turismo e Normalización Lingüística, dirixida a toda a cidadanía, para lembrar a figura de Carvalho Calero.

Para participar cómpre gravar un pequeno vídeo recitando ou dramatizando un texto de Carvalho Calero, de calquera autor ou autora en lingua galega ou unha creación propia en galego. Outra posibilidade é realizar unha fotografía, un poema ilustrado, un debuxo ou calquera outra creación plástica sobre Carvalho Calero, algún autor ou autora do panorama literario galego ou a súa obra.

As creacións deben enviarse por correo electrónico a [email protected] ou a través do messenger de Facebook m.me/concellodecarnota e compartiranse nas redes sociais do Concello de Carnota durante o mes de maio. As persoas participantes deben indicar os teus datos e os do autor ou autora e obra de que se trate, e optarán a levar como premio un libro axeitado á idade.

Novidades sobre as Letras Galegas.

Comentarios