Venres. 29.03.2024
El tiempo

Atopan restos dunha ermida milenaria no Monte Pindo

Atopan restos dunha ermida milenaria no Monte Pindo
Na xornada do pasado sábado, 20 de agosto, O Pindo acollía a celebración do I Simposium Monte Pindo. No mesmo, o presidente da Asociación Monte Pindo Parque Natural, Xilberto Caamaño, anunciou o achádego duns restos milenarios. Trátase dunha inscrición en pedra no Campo de Cortes, que segundo apuntan as primeiras hipóteses, ten uns mil anos de antigüidade e trataríase da data fundacional da antiga ermida que estaba neste lugar. O caso xa está nas mans de especialistas na materia. Foron máis dun cento de persoas as que se achegaron ata O Pindo para participar neste Simposium para amantes do Olimpo Celta. Na sesión matinal, e logo do descubrimento, Xoan Lestón, veciño de Caldebarcos, botou a andar a mañá cun recital poético da súa colleita. Logo deixou a praza para o escritor Francisco Xosé Fernández Naval “Chisco”, que trouxo unha conferencia sobre a tradición oral, a historia, os mitos e as lendas no Monte Pindo. Seguidamente, foi Juan Ramón Vidal Romaní, xeólogo e director do Instituto de Xeoloxía Isidro Parga Pondal, quen explicou que é o Monte Pindo dende a perspectiva histórico-científica. Para pechar a mañá, o escritor Xosé Manuel Lobato presentou o libro “Máxico Tear Natural”. Estivo acompañado de Miro Villar. Logo do xantar, a tarde comezou con novas conferencias. A primeira delas chegou da man do biólogo Martiño-Fiz López Lindoso, relator da iniciativa do Parque Natural do Monte Pindo. López Lindoso salientou as moitas vantaxes e a ausencia de inconvenientes do Parque Natural. E rematou coas ponencias a fotógrafa Maribel Longueira, que amosou a súa obra fotográfica en torno ao Monte Pindo. A xornada rematou cun debate aberto baio o título “Monte Pindo, Parque Natural?” Apoios dende o Concello Merche Díaz, tenente de alcalde e veciña de O Pindo, foi a encargada de achegar no Simposium a postura do concello, baixo a vontade do propio rexedor municipal, Ramón Noceda. Díaz agradeceu o traballo da Asociación e agradeceu a presenza na actividade dos asistentes. Por último, Mario Maceiras, secretario da Asociación Monte Pindo Parque Natural, clausurou a xornada pedindo a unión veciñal na procura do mellor para o Olimpo Celta.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios