Venres. 29.03.2024
El tiempo

Avanzan as obras da rúa Bos Aires en Carballo, que contará cunha reforma integral

O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras, Luis Lamas, nas obras da rúa Bos Aires.
O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras, Luis Lamas, nas obras da rúa Bos Aires.
Avanzan as obras da rúa Bos Aires en Carballo, que contará cunha reforma integral

O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras, Luis Lamas, achegáronse ata a rúa Bos Aires, que ademais de ser un dos escenarios da actual edición do Festival Internacional de Arte Pública “Rexenera Fest”, está sendo obxecto dunha reforma integral grazas a un investimento de 280.775,27 euros. Os traballos, executados pola empresa local Vázquez y Reino, avanzan a moi bo ritmo.

O obxectivo da actuación é a mellora integral dunha rúa que contaba con servizos urbanísticos obsoletos, con canalizacións de fibrocemento e redes aéreas de electricidade e telefonía, ademais de beirarrúas de cemento moi estreitas. O proxecto da arquitecta carballesa María Vázquez Esmorís inclúe a substitución das redes de abastecemento de auga e saneamento, a instalación de rede de augas pluviais e o soterramento dos servizos de electricidade e telefonía, ademais de cable e gas.

O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras, Luis Lamas na rúa bos aires 2

En canto ao tratamento en superficie, a rúa Bos Aires será de plataforma única, cun único carril de circulación en formigón e beirarrúas de baldosa granítica. A actuación complementarase coa plantación de árbores, a colocación de mobiliario urbano e, como elemento diferenciador, a incorporación de xogos infantís que formarán parte da propia rúa.

A próxima actuación na rede viaria urbana realizarase nas rúas Vila de Laxe, Vila de Corcubión e Vila de Noia, nas que investirán 250.770,83 euros. A mesa de contratación do Concello de Carballo vén de facer proposta de adxudicación á empresa Excavaciones y Obras Candal, que vén de executar a reurbanización da rúa Campo da Feira.

Comentarios