Xoves. 18.04.2024
El tiempo

A aviadora Amelia Earhart para o decembro da Galería Mulleres de Muxía

Camiño xa dos 11 anos leva Viki Rivadulla recuperando a historia en nome de muller.
cartel amelia earhart Galeria Mulleres Muxia Decembro 2020
A aviadora Amelia Earhart para o decembro da Galería Mulleres de Muxía

Este mes de decembro, a cita da Biblioteca da Muller do Concello de Muxía visita EEUU en avión para coñecer á pioneira aviadora Amelia Earhart (Atchison, Kansas 1898 -1937 no Pacífico), a primeira muller que realizou a travesía do Atlántico en solitario no proxecto que patrocinou outra muller, Amy Guest.

Foi enfermeira voluntaria durante a Primeira Guerra Mundial e visitando o Corpo Aéreo Real tivo o primeiro contacto coa súa vocación de aviadora.

Tomou clases con outra muller, considerada pioneira da aviación feminina: Neta Snook. Tras a travesía do Atlántico alcanzou moita fama e aproveitando esa popularidade, promoveu o uso comercial da aviación e defendeu a incorporación das mulleres a este novo campo profesional. Ao longo da súa vida completou varios récords.

En 1937, Amelia anunciou que tentaría dar a volta ao mundo utilizando un roteiro distinto do habitual nestas travesías. Ata entón, ditos voos realizábanse en etapas curtas a través dos ceos do hemisferio norte, pero Earhart tiña a intención, xunto co seu copiloto, Frederick J. Noonan, de circunvoar o globo nun bimotor seguindo a liña do ecuador. A penúltima etapa debía levalos ata a illa Howland, xunto a Australia, pero perdeuse todo contacto co avión. Algunhas fontes sosteñen que o avión viuse obrigado a realizar unha aterraxe forzosa nas illas Fénix,no Pacífico, onde os dous ocupantes sobreviviron como náufragos ata a súa morte. Isto contrasta coa versión oficial, que defende que o avión quedou sen combustible, o que provocou a súa caída en augas do Pacífico. Sexa como for, o final que tivo o voo de Amelia e o destino dos pilotos segue sendo un misterio por resolver.

Artigo relacionado

10 anos da Galería Mulleres Muxía

Fonte

  • A Biblioteca da Muller de Muxía, da man de Viki Rivadulla.

Comentarios