Venres. 19.04.2024
El tiempo

Axenda Virtual das Letras Galegas na Costa da Morte

Letras Galegas Virtuais 2020
Axenda Virtual das Letras Galegas na Costa da Morte

Chega o 17 de maio máis estrano que lembramos. O Día das Letras Galegas escapa das rúas e céntrase nas redes. Se a Real Academia Galega adiou o pleno conmemorativo ao 31 de outubro, así como os actos presenciais, son ducias as actividades que terán lugar esta fin de semana nas redes.

Un 2020 que lembra a figura do ferrolán Ricardo Carvalho Calero (1910-1990), historiador da literatura, crítico literario, filólogo e escritor que traballou arreo pola dignificación do idioma e da cultura galegas.

#ODezasete, o Festiletras Virtual

Non vos perdades este domingo o #ODEZASETE, unha programación virtual para este domingo na Páxina de Facebook Festiletras. Preto de corenta mulleres e homes do mundo das Letras, das ciencias e das artes que foron enviando vídeos de curta duración cunha interpretación literaria, científica ou artística para este #Dezasete especial.

Gala Virtual en Carballo

Tamén o domingo, a partir das 12:00h, Lupe Blanco guiará unha Gala virtual con música carballesa.

#EuFaloGalego + #QueremosGalego

O domingo ás 12:00h teremos todos que sumerxirnos no Twiitter e chiar coma se non houbese un mañá #EuFaloGalego ata convertilo en tendencia mundial. Así nos invita a comunidade OrgulloGalego, como a Plataforma Queremos Galego, con ánimo cultural e reivindicativo, que ademais vén de estrear este vídeo de Uxía, xunto ás Tanxugueiras e Faia:

Contacontos zaseiro

Será a ratiña de Lonxedetodo Lilí Gruyere a que faga un contacontos en directo no FB do Concello de Zas, o sábado ás 12:00h.

#AsLetrasnarede de Carnota

Carnota convoca unha iniciativa enviando un un pequeno vídeo recitando ou dramatizando un texto de Carvalho Calero, de calquera autor ou autora en lingua galega ou unha creación propia en galego a [email protected].

Malpica propón unhas ‘Letras Galegas colaborativas’

O Concello de Malpica, a través da concellería de Cultura, propón unhas ‘Letras Galegas colaborativas’ para que a veciñanza achegue ás redes municipais as súas pezas favoritas da cultura galega. Desenvolverase a través de comentarios no Facebook do Concello de Malpica, os usuarios e usuarias poderán compartir as súas achegas, quedando así rexistradas para que todas as persoas poidan velo e empaparse das experiencias dos demais.

Caxoto Contacontos en directo para Vimianzo;

A rapazada vimiancesa poderá gozar de Caxoto Contacontos o vindeiro domingo, 17 de maio, a través de Internet, e ás 12:00 horas a través do Facebook do Concello de Vimianzo. Este contador de contos será o encargado, de xeito virtual, de facer unha función de contos para a programación ‘Actívate Vimianzo’ e que o vindeiro domingo servirá para conmemorar o Día das Letras Galegas.
Ademais, xa está dispoñible o servizo de biblioteca, mediante o cal os usuarios poderán concertar cita previa no 881 98 47 90 para acceder ao servizo de préstamo.

Novidades sobre as Letras Galegas.

Comentarios