Imprimir

Bergantiños, da abundancia ao abandono

que pasa na costa | 16 de maio de 2020

Paisaxe agraria na primeira metade do s. XX da parroquia de Canduas (arquivo J. Vidal)
Paisaxe agraria na primeira metade do s. XX da parroquia de Canduas (arquivo J. Vidal)
A fertilidade das terras do val do Anllóns está recollida tanto na documentación histórica como na tradición popular. No Compendio del Estado de Altamira (1724) xa se fai alusión á excelente produción de trigo nesta comarca, pois cando fala da xurisdición de Mens dinos: “en cosecha de trigo tan copiosa, y de tan buena calidad, que a la tierra de Bergantiños, en donde está inclusa [a xurisdición], se llama por antonomasia, Campo de Galicia”. O ilustrado José Cornide (1764) tamén destaca a produción deste mesmo cereal na nosa bisbarra “El territorio de Bergantiños (...), produce  mucho trigo y de buena calidad”.

A cultura popular tiña esta mesma percepción en comparación coa pobreza das terras da montaña, así se expresa nesta cantiga popular: “Eu casei pra a montaña, / terriña de moito pan, / o forno da miña sogra, / bota silvas polo vran”.
Neste século XVIII a paisaxe comarcal era moi distinta á que vemos actualmente. O extenso espazo de terra cultivada, alternaba con zonas de monte baixo aberto e comunal, no que pastaba o gando e se extraía o toxo para estrar cortes e cañeiras. O monte arborizado, formado por carballeiras e soutos, era de moita menor extensión. 

No seguinte século, é dicir no XIX, aquela paisaxe apenas variou. O trigo, que ocupaba a maior superficie nas agras, ía destinado ao mercado, ben para a cidade da Coruña, ben exportado para zonas do Mediterráneo. O millo gana terreo sobre todo nos vales da zona costeira, e o cultivo da pataca xa estaba xeneralizado. No monte, á diferenza do século anterior, aparece a repoboación forestal do piñeiro, máis intensa na zona litoral. O poeta Eduardo Pondal,  bo coñecedor das terras bergantiñás, foi quen mellor soubo sintetizar a súa paisaxe nestes versos: “Ouh terra de Bergantiños, / ben te vexo desde lonxe,  / cos teus trigos e os teus pinos”.

Se nos trasladamos ao século XX, durante a súa primeira metade, tampouco se observan notables cambios no sistema produtivo agrícola da comarca. Este sector seguía a ocupar a meirande parte da súa poboación activa. Os produtos predominantes seguen a ser os mesmos que os do século anterior. Aumenta a superficie de cultivo do millo, pataca e fabas, e o liño case desaparece, ao substituírse pola industria téxtil. 

Na segunda metade deste século será cando se produzan profundos cambios neste sector. O baixo rendemento das explotacións agrícolas motivado por factores como o minifundio ou os baixos prezos dos cultivos tradicionais, provocou  o abandono de moitas familias da actividade agrícola. E moitas daquelas que permaneceron trataron de darlle unha nova orientación cara ás explotacións gandeiras por consideralas máis rendibles. Isto levaría á modificación no tipo de cultivos. O trigo, que fora o de maior presenza, practicamente desaparece, tamén diminúe a plantación de millo tradicional, utilizado agora tan só para a alimentación de animais domésticos; pola contra, aumenta de xeito notable a extensión de millo híbrido e doutras plantas forraxeiras utilizadas nas explotacións gandeiras. 

Este baixo rendemento do campo provocou o abandono do mesmo de moitos traballadores, que emprenderon o camiño da emigración cara aos países de Europa Occidental, sobre todo Suíza. Moitos outros incorporáronse á construción, cunha notable demanda de man de obra polo auxe deste sector neste período, impulsado polos cartos procedentes da emigración. 

A consecuencia de todo o anterior foi a existencia dunha poboación agrícola avellentada,  que se irá reducindo intensamente ano tras ano, minguando deste xeito as posibilidades de renovación do sector e, ao mesmo tempo, provocando o abandono de terras de labranza, que ocasionou  unha crise sen precedentes na produción agrícola.
Diante desta situación de emerxencia, as diferentes administracións mantivéronse á marxe, sen aportar ningún tipo de solucións. A agricultura, desde hai anos, deixou de ser un asunto prioritario para os nosos gobernantes,  que enfocaron a súa ollada  noutros sectores que consideraron máis atractivos e de maior rendemento económico como o turismo.

Países avanzados de Europa como Francia, Alemaña ou Suíza, por moitas razóns, consideraron a agricultura como un sector estratéxico de primeira orde, polo que resulta difícil atopar algunha zona da súa superficie agraria inculta, non obstante, no noso caso, permitímonos o luxo de abandonar terras de tan boa calidade como as bergantiñás e importar produtos que poderíamos producir aquí para consumo interno e exportar a outros mercados. 

Na situación que estamos a vivir motivada pola pandemia do Covid-19, na que gran parte dos sectores económicos se viron afectados, comprobouse como a agricultura foi un dous poucos que se considerou de primeira necesidade, imprescindible para o sustento da poboación. Isto debería motivar a reflexión dos nosos responsables políticos e inducilos a mudar a súa actitude cara a esta actividade, que precisa unha urxente reforma que a dignifique e impulse a súa produtividade. 

A defensa do medio rural non só se xustifica pola produción de alimentos, que xa sería suficiente, senón que a fixación de poboación no campo aporta moitos outros beneficios. Actúa como garante do coidado do medio ambiente, minora o impacto medioambiental das zonas urbanas, contribúe ao coidado do monte e evita incendios, axuda á conservación do patrimonio natural e histórico e potencia a oferta dun turismo rural de calidade. Por canto tempo máis permitiremos o abandono do noso medio rural? Consentiremos que as feraces terras de Bergantiños queden asolagadas pola maleza?
 

 

 

Artigos da serie Camariñas no lampexar do tempo

Outros artigos de Xan Fernández Carrera

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/costa-da-morte/bergantinos-da-abundancia-ao-abandono/20200516105409119474.html


© 2020 que pasa na costa

COPYRIGHT 2019 QUE PASA NA COSTA

Banner xunta axudas copia