Venres. 19.04.2024
El tiempo

Bergantiños sae á rúa

Bergantiños sae á rúa
Multitudinaria manifestación en Carballo contra a mina de ouro de Corcoesto-Foto- @Salvemoscabana

Un luns máis amencemos con sabor a manifestación. Carballo acollía este domingo unha doble cita reivindicativa, en contra de dous asuntos ben distintos. Comezaban os Afectados polas Preferentes de Bergantiños e Costa da Morte alzando a voz e cortando as rúas de Carballo, e acabaron uníndose ao milleiro de persoas que se manifestaban, por segunda vez en dúas semanas, en contra do proxecto da mina de ouro de Corcoesto.
E non descansa Carballo, pois hoxe terá lugar un encerro convocado pola Fedanpa no IES Alfredo Brañas en contra da chamada "Lei Wert".

Como dicimos os primeiros en invadir as rúas foron os máis ruidosos. Tremenda a forza de todos os afectados pola Preferentes que non deixan de berrar que queren os seus cartos de volta. O anuncio por parte do goberno da "quita" do case 50% enerva aínda máis aos milleiros de afectados de toda Galicia, que seguen demostrando que loitarán ata o último alento.
Xa o fan cada xoves na feira de Carballo, e cada venres diante da oficina da NGB de Cee. Pero onte o fixeron de xeito multitudinario, arredor duns 400 manifestantes, que acabaron na praza do Concello esixindo xustiza.

Por unha comarca sen cianuro

Manifa en Carballo contra a mina de ouro-Foto- Salvemos Cabana 2

'Por un aire puro, sen arsénico nin cianuro: non á mina de Corcoesto' era o lema da manifestación que este domingo encheu Carballo. De novo, numerosos colectivos apoiaron a acción protesta central da campaña en contra da mina, que foi todo un éxito de participación e repercusión, unha vez que todos os medios de Galicia e de toda España están a falar da manifestación.

Os berros de "queremos aire puro, nin ouro nin cianuro" recordaban a indiganación da parroquia ante a declaración do proxecto como industrial estratéxico. E iso cando o Valedor do pobo vén de abrir unha investigación sobre o caso para estudar a incidencia ambiental, arqueológica e socio-económica da mina de ouro.

No remate da mesma o escritor Manuel Rivas, xunto á escritora carballesa Rosalía Fernández, pronunciaron o manifesto redactado polo escritor carballés Xurxo Borrazás, para a convocante Plataforma en Defensa de Corcoesto. Un manifesto que volvía recuperar esa pantasma que percorre as terras de ponda, esa pantasma con alento a cianuro e chamado Edgewater.
Rivas no que aseguraba que "a mina deixará unha ferida na zona que non cicatrizará nunca". Neste sentido, Manuel Rivas tamén criticou que o modelo de explotación mineira que se vai a pór en marcha en Corcoesto "é anacrónico e está fóra de tempo" debido a "a escasa rendibilidade social que ten" e aos "profundos danos" que xerará para o medio ambiente.

Ademais, no manifesto deixou claro que o proxecto "non é un problema local de Corcoesto, Cereo e Valenza. Non é un problema de Cabana, Ponteceso e Coristanco. Non é un problema de Bergantiños. A mina Corcoesto é só a punta de lanza dunha inmensa desfeita programada de norte a sur: a veta Malpica-Tui. É un problema de toda Galiza".

Manuel Rivas leu o manifesto contra a mina-Foto- Salvemoscabana

Esta manifestación convocada pola Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños, está apoiada como en ocasión anteriores por distintas organizacións sociais, políticas, agrarias, ecoloxistas, sindicais. Así e todo o portavoz de 'Salvemos Cabana', Ramón Varela, celebrou que os políticos "non encabezasen a marcha" pois, como sinalou, a eles correspóndelle realizar iniciativas en contra da mina no Parlamento" mentres que "a loita na rúa débena de levar a cabo os veciños da comarca".
Estas son as entidades que apoiaron a manifestación e a loita contra o cianuro: Adega, Verdegaia, rede Galiza Non se Vende, Senda Nova, Espazo Ecosocialista, Confederación Intersindical Galega, UC de Ferrol de CC.OO., Sindicato Labrego Galego, Bloque Nacionalista Galego, Alternativa Galega de Esquerdas, Compromiso por Galicia, Galiza Nova, Partido da Terra, Véspera de Nada, ASC O Iribio, Plataforma pola proteccion da Serra do Galiñeiro, Foro Social de Cangas, Instituto de Estudios Bergantiñáns, AA.VV. de Cereo, Contramínate de Laxe…

O luns, turno contra a LOMCE

Non a LOMCE

Xa enviaroin mesmo un comunicado á Xunta, pero é que a Federación de Anpas da Costa da Morte é nova, pero guerrilleira. Este luns, a FEDANPA únese á serie de peches expansivos contra a LOMCE que se van dar nas vindeiras semanas en toda Galicia.

O peche da Costa da Morte (15 de abril) está centralizado no IES Alfredo Brañas de Carballo. "Debemos convidar a tod@s a participar neste peche. Diante dun ataque sin precedentes na historia da democracia contra o dereito á educación, é necesaria a colaboración entre todas e todos, entre todas as organizacións e persoas que defendan o ensino público para conseguir un mellor futuro para a mocidade. Sen educación, as fillas e fillos do noso País, non teñen posibilidade", explican.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios