Xoves. 28.03.2024
El tiempo

A “BiblioRevolta” de Antón Fraguas e as Letras Galegas chega a Carballo

A “BiblioRevolta” de Antón Fraguas e as Letras Galegas chega a Carballo

Por algo é unha das Bibliotecas máis utilizadas de Galicia. Porque non para de armar iniciativas para facer vir á veciñanza. Así, despois dunha revolucionaria Semana do Libro e a Lectura, na que participaron case 2.000 persoas e houbo que colgar o cartel de “non hai convites” en todas as actividades, a Biblioteca Rego da Balsa prepara xa a revolta das Letras Galegas.

Unha nova revolución arredor da figura de Antón Fraguas e con diferentes propostas lúdico-culturais que encherán o mes de maio.

O programa arrinca o sábado 11 co Curruncho Pop, un ciclo de concertos para todos os públicos, que desta volta inclúe a presentación da obra de Jaime Gonzalo Can, “El milagro alemán” (19.30 horas) e o concerto de Pantis (20.30 horas).

Antón Fraguas será o protagonista das dúas seguintes propostas, que completarán coa programación específica do Día das Letras Galegas. O mércores 15, os nenos e nenas de 3 a 12 anos gozarán coas historias de Antón Fraguas no Bosque da Moura, e o xoves 16 poderase coñecer máis en profundidade ao autor homenaxeado este 17 de maio cunha actividade para toda a familia arredor da súa figura.

A música volverá o mércores 22 con Luis Vallecillo e un espectáculo para nenos e nenas a partir de tres anos, e o xoves 30 Xabier Maceiras presentará a Antoloxía das confidencias de Picadillo. A programación estenderase aos primeiros días de xuño cun obradoiro para rapaces e rapazas a partir de 12 anos que impartirá a ilustradora Laura Tova os días 4, 11, 18 e 25, e o espectáculo Xan Perillán e a maleta máxica, de Os monicreques de Kukas, o día 5 para nenos e nenas de 3 a 12 anos.

Todas as actividades son gratuítas, aínda que para os espectáculos infantís é preciso recoller convite previamente.

Ludoteca para bebés

Paralelamente, as familias tamén poderán acodir ás citas para bebés de 0 a 3 ans na Ludoteca. Este 29 hai un obradoiro de estimulación da linguaxe; o 20 de maio Ana Ferradás fará unha sesión de ioga a través dos contos e o 21 recibirán a visita de Xarope Tulú co espectáculo Bichocas. O 4 de xuño toca Babaluva Teatro e A trastenda dos contos traeralles o 11 de xuño a historia Levántate Xan! Neste caso as actividades tamén son gratuítas, previa inscrición.

Bibliorevolucion na Rego da Balsa de Carballo Programa copia

Comentarios