Xoves. 25.04.2024
El tiempo
José Luis Louzán
10:13
03/05/13

Botando contas

Botando contas

O internet ten de particular que buscando un atopa de todo. Hai persoas preparadas, listas, ilustradas, que poñen o seu tempo para moitas cousas, entre outras, botalas contas de todo.

Resulta que varios paisanos estiveron botando as contas de que foi o que fixo o inútil integral de Rajoy e o seu goberno de pacotilla neste ano e medio que levan no poder, e a verdade é que merece a pena que eu hoxe aquí explique para que serviu tanta medida e tanto recorte.

Tratábase en 2011, lembrade, de “voltar a senda da regularización do sistema financeiro”, dicían, “dotando as contas do país de elementos que fagan que os mercados confíen en nós”, logrando así, polo visto que “flúa de novo o crédito ao tempo que rematamos co despilfarro”. Todas son frases extraídas dalgunha das comparecencias en rolda de prensa de Sorayita e compañía tralo Consello de Ministros de turno, un dos moitos que se dedicou o último ano e medio a acabar co estado do benestar e, de paso, a poñer en mans das elites financeiras o pouco que de público quedaba no país.

Pero mira ti por onde, dos 17 indicadores macroeconómicos dos que as axencias de cualificación, o BCE, a Troika, o FMI e cantas axencias existen no mundo da alta finanza para decidir si un país é serio ou non, en ano e medio non melloramos en ningún. En nada. Cero. Niente. Res.

Tomemos por exemplo maio de 2010. O paro rexistraba 4.612.700 desempregados, cifra récord por aquel entón. Hoxe, este mes de abril, a EPA certifica que en España hai 6.202.700 parados. Millón e medio mais, redondeando. A taxa de paro pasou así do 20% a un apabullante 26,78%. O paro xuvenil pasou dun abafante 42,06 naquel segundo trimestre de 2010 a un escalofriante 57,22. Marianico e compaña lograron que case 6 de cada 10 mozos non teña chollo. Bravo valientes!

Coas mulleres a cousa foi aínda mellor e pasamos dun desemprego feminino do 20,56 a un pasmoso 27,61, sete décimas máis. Outra cousa na que tampouco melloramos. Dásenos mal o do traballo. E a economía? Disque a dereita pégalle ben a iso dos números... disque.

Para nada. O país medraba aqueles aciagos días do goberno Zapatero a un pírrico -0,3. É dicir, non medraba. Minguaba. Recesión, para entendernos. Marianico mellorou esa cifra ata lograr afundir aínda mais a cousa, facendo que neste primeiro trimestre a economía medrase un -1,4. “Toma esa Zapatitos! Un punto peor aínda que ti”. Coma o importante non era isto, senón a famosa Prima de Risco, Mariano, despois de arduas xestións na Alemaña, en Francia, viaxando por medio mundo, convencendo a uns e outros e logrou que a Prima se situase nuns fantásticos 294 puntos. Bravo, aquí si que melloramos, non? ...non?.

Non. A Prima, naqueles remotos días do desgoberno socialista se situaba nuns alarmantes 160 puntos. Nada máis e nada menos. Claro que a Bolsa, outro terreo onde polo visto o PP se move coma Barcenas na neve, si que mellorou. Antes estaba mal e agora mellorou a moito peor. Pechaba aquel segundo trimestre o mercado de valores en 10.284 puntos. Nada que ver cos 8.416 cos que pechou Abril. Outro dato para a alegría e a esperanza.

O comercio minorista, o autónomo de toda a vida, sostén nada menos que 3 millóns de empregos dos que aínda seguen cotizando en España (e sen dereito a paro, por certo). Por iso é importante o Índice de Comercio Minorista. En 2010, aquel mes de Maio, o dato marcaba un 96,7. En Maio de 2013 cae ata o 79,6. As vendas caen en picado, un novo cravo no ataúde.

Por non apabuiar máis imos cos últimos se vos parece. Outra preocupación do goberno Pepero foi o control do gasto, ata poñer en perigo a educación e saúde publicas, con recortes nunca vistos, denunciados dentro e fora do estado Español por inexplicables e inaceptables nun estado serio e moderno. Todo por conseguir reducir a enorme débeda “herdada”, na linguaxe habitual do PP, do nefasto goberno Zapatero. Ben. A débeda sobre o PIB (Produto Interior Bruto, e dicir o qué damos producido entre todos) se quedaba en 2010 no 61,5%. En 2013 roza o 90,69% e din os analistas que en 2016 podería chegar, atención, ao 100 por 100. Eu sei en que non están gastando así que, a que carallo estades dedicando os cartos, banda de inútiles?

Unha ultima perla. O déficit empeorou seis décimas dende que Mariano Rajoy chegou a Moncloa. O goberno da austeridade gastou mais aínda que o seu predecesor. Nada, absolutamente nada xustifica ningunha das medidas que tomaron porque, en ano e medio, non foron quen de mellorar ningún indicador, ningún, dos que miden a mellora ou o empeoramento económico dun país. Ningún. Hai que ser rematadamente inútil para lograr semellante carambola.

Polo menos o recoñecen. O pasado venres, en Consello de Ministros, despois de coñecido o dato da EPA en abril, dato récord de desempregados neste país, o goberno admitiu que non prevé crear emprego na presente lexislatura. Ademais de inútiles, burros.

A única decisión admisible por parte deste goberno de papanatas, integristas e retrógrados é a dimisión en pleno e convocatoria de eleccións. Ningunha outra. Agardo que, para entón, o miolo dalgúns dos que nos meteron neste lío (os votantes do PP) volte a normalidade e abandone a tolemia que sostén que algo que é rematadamente peor a calquera cousa para eles e mellor ao socialismo. Zapatero era outro inútil integral pero Mariano parece terlle tirado a medalla Douro.

Que alguén lles diga os dous que non é unha competición a ver quen é mais bobo e afunde máis o país. Nos bastamos sós.

  • José Luis Louzán (louzan[arroba]quepasanacosta.gal).

Novas relacionadas

Verdades

As Verdades como puños de José Luís Louzán

Fonte

Comentarios