Venres. 29.03.2024
El tiempo

Camariñas estudia a nova vía Xacobea do Camiño da Resurrección

Santiago Vázquez cos concelleiros de Camarinas
Santiago Vázquez, segundo pola dereita, cos concelleiros de Camariñas
Camariñas estudia a nova vía Xacobea do Camiño da Resurrección

A raíz do libro do escritor ‘El Camino de Santiago y el Juego de la Oca’, de Sebastián Vázquez, o Concello de Camariñas comeza a estudar a posibilidade de sumarse ao Camiño de Santiago. O escritor desenvolver a teoría do ‘Camino de la Resurrección’, que iría dende Santiago ata Camariñas, pasando por Muxía.
En todo caso, a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, deixou claro que “o noso obxectivo non é ser fin do Camiño, só queremos ver a posibilidade de destacar Camariñas como un destino especial dentro deste itinerario que permitirá ao peregrino chegar ao ‘paraíso’ e completar a súa experiencia vital, a base do Camiño”.

Neste libro amósase o Camiño a partir dun código, o xogo da Oca, que tradicionalmente foi vencellado a este. Unha das ideas principais que o autor presenta na obra é que o Camiño consta de 14 etapas, mesmo número que o Via Crucis e que os días que van desde a lúa chea ata a nova, sendo 14 os meses lunares dos que consta o Camiño.

O xogo ten 62 casillas, 13 ocas e unha última chamada o Xardín da Oca polo que o autor fala de 63 casillas e 14 ocas. Esta última sería Camariñas, a fin do percorrido. A casilla de saída sería Col du Somport, o inicio do Camiño Inglés e a curiosidade e coincidencia reside en que hai elementos do xogo como as pontes ou a cárcere nos que a etapa correspondente coincide con lugares que contan con esa simboloxía como Puente de la Reina de Jaca (casilla 6), Puente de la Reina (casilla 12) ou a cárcere en Sarria (casilla 52).

Camariñas, “o paraíso”

Para iniciar o Camiño da Resurrección, despois de saír por Santiago o peregrino pasarase por Padrón, Noia, Fisterra e chegarase a Muxía. Alí, ademais de atoparse coa traslatio de Cereixo e a igrexa de San Julián de Moraime, baixará ata o santuario da Barca onde se atopa a pedra de abalar. Aí, segundo Vázquez, sería xusto o encontro entre Santiago e María, e segundo a lenda, irían por mar ata a ermida da Virxe do Monte, como demostran as pegadas dos pes que se conservan nunha pedra da ermida. Dende aí chegaría a Camariñas retrocedendo.

O autor aporta máis argumentos para soster a súa tese de que é en Camariñas onde acaba o Camiño da Resurrección. Entre outros son: “Por iso o luns de Pascua para celebrar a resurrección do Señor sóbese ata a súa ermida á Virxe do Monte en procesión. E por iso a Virxe patroa de Camariñas é a Virxe do Carmen, un nome que vén do árabe ao karmel, que significa “o xardín” e cuxo culto provén do Monte Carmelo en Terra Santa. Este é o Carmelo do Peregrino: o “Xardín da Oca”. Recordemos que nas culturas de Oriente os xardíns eran a representación na Terra do Paraíso ao que accedían os xustos logo da morte”.

”Volvendo á ermida, no altar achará unha pequena figura sedente da virxe co neno da cal ignórase a procedencia. Na súa man dereita porta unha piña. Este é no cristianismo o símbolo sagrado do coñecemento de que significa a unión entre ceo e terra”, continúa Vázquez.

”Na igrexa de San Xurxo, o peregrino debe deterse nunha imaxe clásica no Camiño: a de san Roque. Podemos ver nela detalles que merece a pena destacar. San Roque, ademais do can que tradicionalmente porta o pan, ten ao seu lado un anxo que leva unha copa que, claramente, alude ao viño. E o viño alude ao alimento da resurrección. Ademais, San Roque ten no chapeu as dúas chaves coas que se representa a Sa Pedro; é dicir, ao peregrino que se nutre xa co cáliz da resurrección, concédenselle as chaves da entrada ao paraíso, o Xardín da Oca”.

”Destaca tamén na igrexa a talla de Santiago. Esta imaxe ten a curiosidade de que loce non unha nin dúas conchas na súa atavío, senón cinco. Chama a atención tamén o gran libro pechado que ten na súa man dereita. Desde a perspectiva do bo saber ese libro é un mutus liber que peramenece pechado só para quen non sabe lelo. Para o peregrino que chegou ata aquí é xa unha posesión que forma parte del. As conchas recórdanos ao triunfo que significa vencer á segunda morte e converterse nunha estrela de cinco brazos que os exipcios chamaron seba e tan frecuente de ver nos teitos das súas tumbas”.

Presentación

O Concello de Camariñas e Sebastián Vázquez presentarán este libro ao público nunha data aínda sen concretar pero que previsiblemente será a finais de agosto. O autor explica que “o obxectivo desta guía é axudar ao peregrino á que a súa experiencia sexa máis profunda e completa, desenvolvendo un camiño como o da Resurrección, que é dos máis descoñecido e foi case olvidado”.

Comentarios