Martes. 16.04.2024
El tiempo

Camariñas no lampexar do tempo (IV): Vila mariñeira consolidada

Faro Vilán. Anos 30
Faro Vilán. Anos 30
Camariñas no lampexar do tempo (IV): Vila mariñeira consolidada

A Camariñas de mediados do século XIX era xa un núcleo consolidado que bordeaba o areal do Curbeiro, –en realidade debería chamarse do Corveiro, en referencia á pedra dos corvos mariños que había na enseada–. Unhas 300 casas constituían esta vila mariñeira, que acollían unha poboación de máis de mil habitantes. A comunicación por terra coas cidades máis próximas da Coruña e Santiago era moi deficiente, con esta última unía un camiño de ferradura. Por iso o transporte marítimo era o máis habitual para comunicarse con outros destinos. Dispoñía dunha pequena dársena –o peirao vello– construída no século anterior con capacidade para acoller uns 14 barcos de ata 50 tm. Exportaba produtos agrícolas e peixe curado e salgado, aínda que por estes anos as fábricas de salgadura apenas tiñan actividade polo escaseza de sardiña. Tan só había unha escola elemental, na que o alumnado era case todo masculino. As importacións reducíanse a produtos de consumo local: bebidas, aceite, cal, ferro etc. As mulleres –dinos Madoz– que se ocupaban en facer encaixes.

Pois por estes anos cando se construíu o antigo faro do cabo Vilán, de moi pouca potencia para unha costa tan perigosa coma esta, e ademais nun emprazamento que non era o axeitado. Neste primeiro plan de faros primouse o das Sisargas e Fisterra, en detrimento do Vilán, de tal maneira que aos poucos anos da súa inauguración, xa se viu a necesidade de construír o novo Vilán, que entraría en funcionamento en 1896, converténdose nun dos faros máis emblemáticos de toda a costa peninsular e o primeiro en dispoñer de enerxía eléctrica.

Co andar dos anos o aspecto da vila foi mellorando e así polos anos vinte do pasado século, presentaba unha aparencia atractiva e harmónica, sobre todo na parte da fachada marítima. “Tiene buen caserío” –manifesta Carré Aldao–. Sobre o areal que a circundaba construíuse a vía que comunicaba a estrada de Santiago coa que levaba ao cabo Vilán e levantouse un dique ou malecón para a protección dos embates do mar.

Por aquel entón aínda non chegara a luz eléctrica, pero xa tiña comunicación a través do telégrafo. A pesca continuaba a ser a principal actividade dos seus habitantes. Sardiña, congro, abadexo, xurelo ou percebe, eran as especies que máis se capturaban. A través do seu porto exportábase, ademais de peixe curado ou salgado, cereais e madeira. Anos máis tarde ampliáronse as instalacións portuarias, primeiro cun dique perpendicular á antiga dársena e logo con outro central que se asentou sobre a Pedra do Curbeiro.

A industria do salgado, de moita tradición, e máis tarde a de conserva, serán os motores principais de desenvolvemento da súa economía. Se na primeira metade do século XIX, houbo momentos de gran escaseza de sardiña que obrigaron ao peche das factorías de salga, cara ao último terzo dese mesmo século a sardiña regresa de novo ás rías e as industrias de salgadura volven a activarse. En Camariñas varios empresarios dedicaranse a esta actividade, un deles, Andrés Cerdeiras Pose, instalouse neste porto en 1884, procedente de Sardiñeiro e fundará a empresa Salazones Cerdeiras. Será o primeiro membro dunha familia de empresarios que se dedicarán primeiro á salga e despois á conserva. Continuará coa actividade o seu fillo Jesús Cerdeiras Castro, que se fixo con outras pequenas factorías e creou a marca Conservas Cerdeiras, iniciándose así na industria conserveira. Logo continuarán os seus fillos Jesús e Andrés que ampliarán a actividade da empresa baixo a denominación Industrias Cerdeimar. Segue actualmente a cuarta xeración coa fabricación de conserva e envasado de varios produtos relacionados co mar, que soubo adaptarse ás exixencias tecnolóxicas e de mercado dos tempos actuais.

Capital do Encaixe

Grupo de nenas palillando na Mostra do Encaixe de 2006 copia
Grupo de nenas palillando na Mostra do Encaixe de 2006

Diante da falta dunha resposta histórica veraz sobre a orixe do encaixe, a imaxinación popular creou varias lendas como explicación da súa procedencia. Desde que o inventaron os celtas ou que chegou por mar traído por gregos ou italianos, ata o relato máis estendido que conta o naufraxio dun barco nesta costa, do que se salvou unha dama italiana que se quedou a vivir en Camariñas e ensinoulle a palillar ás mulleres desta vila. Fermosa lenda esta última cos ingredientes precisos para unha atractiva recreación histórica.

Desde o século XV xa se acredita a presenza do encaixe en Galicia, pero será no seguinte século cando se incremente o seu uso na vestimenta de gala da nobreza e nos enxovais da igrexa. Polos datos que nos achega o Catastro de Ensenada (1753) sabemos que esta artesanía se practicaba en toda a costa galega e nalgunhas zonas de interior. A cidade de Pontevedra e a vila de Noia eran dous núcleos nos que se cita un elevado número de mulleres que exercían este labor. Por esta época tamén estaba moi estendido polo litoral da Costa da Morte, pero máis que destacar polo número de palilleiras, facíao pola cantidade de tratantes ou vendedores de encaixe que había. A maior rendibilidade sacábana o vendedores de Corme, seguidos dos de Muxía, Corcubión e Cee.

Pasados os anos, aínda que esta práctica continuou por toda esta nosa rexión costeira, o centro desta actividade vai situarse nas parroquias que bordean a ría de Camariñas, onde tamén se concentrará a súa comercialización. Primeiro nas vilas da Ponte do Porto e Muxía, e máis tarde, na de Camariñas.

O gran salto comercial produciuse a finais do século XIX cando se abriu o mercado dos países hispanoamericanos, sobre todo Cuba, Arxentina, México ou Porto Rico. Os vendedores ou puntilleiros porteños, muxiáns ou camariñáns acudían en persoa ou tiñan representantes naqueles países que se encargaban de distribuír o encaixe que se enviaba desde o porto camariñán, onde estaba a aduana da zona, ao porto coruñés do que partían os barcos con destino a aqueles países. O feito de centralizarse os envíos no porto de Camariñas, potenciou o nome desta vila como lugar de orixe de toda esta artesanía. O auxe deste comercio americano mantívose ata finais dos anos vinte do pasado século, momento no que se viu afectado pola crise que sufriron as economías daquelas nacións. Despois de desaparecer aquel gran mercado exterior, a venda deste produto artesán limitouse ao mercado interior, que tamén sufriu unha caída durante os anos da Guerra Civil e a posguerra. Logo experimentaría unha lixeira recuperación ata os anos sesenta, nos que volve a entrar nunha grave crise motivada polo escaso valor que se lle daba aos produtos artesáns, eclipsados polos de tipo industrial. Comezará a súa recuperación nas dúas décadas seguintes cando de novo a artesanía recupere o seu valor e o encaixe faga acto de presenza en exposicións, mostras ou feiras que se organicen en Galicia, momento no que tamén o propio sector toma a conciencia de organizarse e realizar cursos de formación para as novas xeracións.

As autoridades municipais camariñás decatáronse da importancia que tiña para a economía local esta artesanía e implicáronse na súa conservación e promoción, o que deu orixe á creación da Mostra do Encaixe no ano 1991, que cada ano se celebra durante a Semana Santa, e a vila de Camariñas se converte na capital do encaixe europeo. Tamén contribuíu neste senso a fundación do Museo do Encaixe nesta mesma localidade o ano 1996 coa intencionalidade de dar a coñecer esta artesanía, pero tamén como centro de investigación e documentación da mesma.

Camariñas vista por ollos de fóra

Panorámica de Camariñas, 1929 (R. Caamaño) copia
Panorámica de Camariñas, 1929 (R. Caamaño)

A visión que nos dan dunha localidade os viaxeiros que se achegan a ela atraídos pola curiosidade de coñecela, adoita ser bastante diferente da que teñen as persoas que habitan na mesma.

A continuación expoñemos algunhas mostras de como describiron a vila de Camariñas algúns destes viaxeiros que a visitaron en distintos momentos do pasado século XX. O primeiro testemuño é dun reporteiro da revista madrileña Nuevo Mundo, que en 1914 visita as vilas de Ponte do Porto e Camariñas coa intención de realizar unha reportaxe sobre o encaixe. Respecto á vila camariñá escribe:
“El caserío, modesto, se tiende a la falda de su abrupta montaña, en cuyo lado opuesto se alza el faro Villano, como refugio de las iras de la Costa de la Muerte. Las calles son estrechísimas y tortuosas, dando la sensación de una población moruna. Las casas son oscuras, están bien ahumadas. En aquel admirable puerto de refugio, conocido mejor de los navegantes extranjeros que de los españoles, se ven algunas barcas que pescan en la cerrada y natural bahía, con destino a una fábrica de salazones que cerca de allí se encuentra”.

A este periodista procedente dunha gran cidade como era Madrid, o que máis lle impresionou desta pequena vila foi a estreiteza das súas rúas, que xunto co caleado das casas, pareceulle estar diante dunha poboación árabe. A seguinte descrición recóllea o escritor sevillano José Mas na súa novela Costa de la Muerte (1928), traducida ao galego en 1998, quen realizou varias viaxes a Galicia. A Costa da Morte foi unha das zonas que máis percorreu e serviulle de inspiración para a novela que leva ese título.
“Vivendas brancas que semellan folerpas de sal na amplitude dunha grande praia. É Camariñas. As casas non se parecen ás de Maltica (sic). En vez de balcóns e galerías locen enormes solainas que ocupan nalgunhas máis espazo que a propia vivenda. Estas solainas, á mesma altura do primeiro piso do edificio, son terrazas pintorescas , coa súa varanda, o seu antepeito, os seus tarros de plantas, as súas gaiolas de paxaros e os seus cordeis e arames para colgar roupa e artes de pesca. Estas baixas azoteas, que case se dominaban desde a rúa, daban á vila unha cor local, marabillosa, única. Nas solainas estaba sempre toda a familia. Alí o pescador cosía as súas redes e poñía ao sol os xurelos xa abertos.
Era tamén o toucador ao aire libre pois alí peiteábanse as rapazas e pasaban gran parte do día facendo encaixe de bolillos.
Unha vila andaluza trasplantada a Galicia era esta vila nos días claros”.

As solainas das casas foi o que máis lle chamou a atención a este narrador. Esas terrazas baixas nas que a familia pasaba moitas horas do día en épocas de bo tempo, e que representaban unha diferenza significativa con respecto ás casas de Malpica. No seu conxunto esta vila seméllaselle as das súa terra andaluza.

Por último temos a descrición que nos deixa a viaxeira inglesa Nina Epton, que nos anos cincuenta desembarcou no porto de Vigo para descubrir Galicia. Froito da súa viaxe foi o libro Grapes and granite (1956), tamén traducido ao galego.
“A primeira fileira de casiñas arredor da badía de Camariñas, e aínda a maior parte das da segunda fila, amósanlle ao visitante inmaculadas fachadas brancas; pero a fileira de máis atrás penetra en calellas sen laxear ata o grupo de vivendas amoreadas das costas da vila, as máis sucias, grisallas e afumadas; e logo chégase a un labirinto final de cortellos e grupos de “hórreos” empoleirados sobre estreitas paredes. Máis alá están os eternos balados, campos de millo e altas coles, e a illada igrexa de San Xurxo, un santo patrón popular ao longo desta costa norteña”.

Esta aventureira británica fainos unha descrición fotográfica da vila do encaixe a mediados do século pasado, desde a fachada marítima, coas súas casas brancas en primeiro plano, ata a paisaxe agrícola que veríamos ao fondo. Móstranos como á medida que nos introducimos no interior do núcleo, as casas amoréanse e van empeorando de aspecto ata tomar contacto coa aldea (o lugar da Grixa) formada por un labirinto de cortellos e grupos de hórreos empoleirados.

Os tres viaxeiros coinciden na percepción de Camariñas como un conxunto de casas amoreadas, con rúas estreitas e tortuosas, pintadas de branco que lle daba ese aspecto de vila andaluza. Personalidade que perdeu cando nas últimas décadas do século pasado sufriu un profundo cambio que supuxo a substitución da meirande parte das casas tradicionais por outras de nova construción, levantadas con novos materiais, o que lle imprimiu unha fisionomía diferente a este núcleo urbano.

 

Esta serie de artigos publicados baixo o título de “Camariñas no lampexar do tempo” tiña a intencionalidade, como manifestamos no primeiro deles, de coñecer mellor a historia da vila de Camariñas, pero tamén a pretensión de descubrir cales son os seus potenciais recursos para afrontar o seu futuro, ver as súas fortalezas e debilidades. As primeiras terán que constituír os piares do seu vindeiro desenvolvemento, e as segundas, servir para corrixir erros cometidos no pasado. Nestes tempos que se nos transmite que todos imos vivir do turismo, convén non caer neste engano e non descoidar aqueles sectores que xa en épocas pasadas foron esenciais para a prosperidade da vida dos cidadáns. No caso de Camariñas, o mar, a pesca, a industria conserveira e a artesanía do encaixe, constituíron a base da súa economía. Coidar estes sectores e investir neles para lograr a súa modernización tecnolóxica será fundamental para o seu porvir.

O fortalecemento dos anteriores recursos non resulta incompatible co desenvolvemento do sector turístico, todo o contrario, contribúe a potencialo. Un turismo que no caso desta vila, tería que estar baseado nos importantes recursos naturais, históricos, artesanais e gastronómicos dos que dispón esta localidade e a súa contorna. Capitaneados polo seu buque insigne que é o faro Vilán, verdadeiro talismán desta costa. Agardemos que os seus lampexos esperten as conciencias para poñer en valor este lugar e o espazo natural que o circunda, co máximo respecto á obra que a man da natureza nos entregou.

 

Artigos da serie Camariñas no lampexar do tempo

Outros artigos de Xan Fernández Carrera

 

Outros artigos históricos de Suso Jurjo

Comentarios