Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Camariñas organiza un campamento sobre o Camiño, o acondicionamento dos roteiros e as tradicións

PresentaciónVoluntariado2 Camariñas
Camariñas organiza un campamento sobre o Camiño, o acondicionamento dos roteiros e as tradicións

Onte, 21 de xullo, celebrouse a presentación do campamento de voluntariado que se celebrará en Camariñas ata o 31 de xullo e no que 11 rapaces e rapazas con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos, e chegados de diferentes lugares de Galicia, traballarán sobre o Camiño de Santiago, os roteiros de sendeirismo que pasan polo municipio e coñecerán as tradicións e os oficios dos camariñáns.

O acto de benvida aos participantes e aos monitores, que tivo lugar no Museo do Encaixe, correu a cargo da alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua; o concelleiro de Educación e Deporte, Fabián Canosa; e a concelleira de Cultura, Encaixe e Turismo, Encarna Liñeiro.

O campo de traballo, que conta cunha temática social e medioambiental, conta coa colaboración da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia e é a primeira vez que se organiza no Concello de Camariñas.

Os obxectivos sobre os que traballarán os participantes son os de potenciar o Camiño de Santiago a través do Encaixe no Camiño e do Camiño da Resurrección, o acondicionamento das rutas de sendeirismo e o coñecemento das tradicións da vila.

Camiño de Santiago

Debido ao contexto sanitario actual este ano non se celebrará a festividade do Encaixe no Camiño. O traballo neste senso xirará en torno á creación de materiais que poidan servir para a celebración do próximo ano.

Ademais, a outra liña de actuación servirá para poñer a primeira pedra do denominado "Camiño da Resurrección", proposto polo escritor Sebastián Vázquez no seu libro El Camino de Santiago y el Juego de la Oca onde detalla un itinerario alternativo ao Camiño Inglés no que o peregrino, despois de chegar a Santiago, remataría en Camariñas pasando por Muxía. Os participantes no campo irán desde Cereixo ata a Virxe do Monte e deixarán marcada en Wikiloc a ruta. Despois subirase á páxina web do Concello de Camariñas para que quede rexistrada.

Roteiros

Polas tardes, os voluntarios farán un traballo de campo para coñecer o rural, e as tradicións e oficios ancestrais:

  • Aprenderán a palillar e coñecerán as historias das palilleiras de Camariñas a través dos diferentes materiais cos que traballan ás mulleres palilleiras.
  • Coñecerán a través das mariscadoras e mariñeiros, técnicas básicas de pesca artesá.
  • Visitarán os diferentes museos de Camariñas para coñecer a súa historia.
  • Actividades náuticas como kayak, snorkel, bodyboard, onde aprenderán os coñecementos básicos.

Comentarios