Xoves. 18.04.2024
El tiempo

As campañas de trampeo demostran a expansión da avespa velutina

campana-vespa-velutina-zas1
As campañas de trampeo demostran a expansión da avespa velutina

Os datos demostran que a actividade da avespa velutina segue sendo moi intensa, xa que nas campañas realizadas nos anteriores anos capturáronse moitas menos especies no mesmo periodo. Así o comproban os servizos de Carballo e Zas estes días, facendo as primeiras “colleitas” das raíñas capturadas nas trampas colocadas por Concello e veciños colaboradores.

Leva dous meses en marcha a campaña de trampeo contra a avespa velutina en Carballo. Saben que é unha época clave xa que cantas máis raíñas se consigan atrapar a través das diferentes trampas colocadas por todo o municipio, menos niños aparecerán nos vindeiros meses. No concello bergantiñán, ademais do Servizo Municipal de Control de Pragas, hai 77 colaboradores/as repartidos polas 18 parroquias, que axudaron a colocar un total de 787 trampas, que permitiron capturar nada menos que 10.556 raíñas de avespa velutina.
A campaña prolongarase ata finais deste mes.

Ademais, o Servizo segue a disposición da veciñanza para a retirada de niños. No mes de abril foron retirados 6: 3 na parroquia de Entrecruces e 3 na de Sofán. Os avisos poden realizarse a través dos teléfonos 112 o 012 ou a través da APP do Concello de Carballo que podes instalar no teu teléfono móbil.

311 raíñas en Zas

campana-vespa-velutina-zas2

Por Zas tamén están traballando a campaña de trampeo da man da empresa especializada Serpa, e nos primeiros 15 días capturaron 311 raíñas. As máis de 70 trampas foron colocadas en puntos sensibles, como poden ser zonas de árbores con flor, froiteiras, regatos,…

O Concello anima á veciñanza a colaborar e poñen a disposición o teléfono do Concello de Zas (981 70 83 03).

Novas relacionadas

Comentarios