Venres. 29.03.2024
El tiempo

Carballo, capital global da cultura dixital

Carballo, capital global da cultura dixital
O Pazo da Cultura porase de novo de gala para o Carballo Interplay O Pazo da Cultura porase de novo, como o ano pasado, de gala para o Carballo Interplay

A cuarta edición do festival de contidos dixitais Carballo Interplay FIP arrinca este xoves 4 de maio. O Pazo da Cultura vestirase coas mellores galas para, dende as 16:00h da tarde, acoller as mellores webseries do planeta, e dar comezo aos tres días de actividades que converterán a vila galega na capital global da cultura dixital.

O Carballo Interplay convertese así, un ano máis, nunha magnífica oportunidade para coñecer o que se está cocendo no mundo das webseries a nivel global.
Así que vaian preparando as gafas de pasta para achegarvos ao Pazo, porque as actividades do Carballo Interplay son de acceso libre e gratuíto ata completar aforo.

Fogueo

O prato forte da primeira xornada será a estrea de Fogueo, a longametraxe coa que David Sainz -creador das webseries “Malviviendo” e “Entertainment”- conta a historia duns perdedores que só teñen unha opción para levar a cabo o seu soño: facelo eles mesmos. Un pouco o que pasou tamén detrás da cámara, xa que Fogueo é unha "toleada" gravada en 5 días, grazas a numerosos compañeiros que se deixaron seducir pola idea. Despois da proxección, o público asistente poderá falar do filme con David Saínz e Teresa Segura, padriños do Carballo Interplay.

 

Webseries en galego

Webseries galegas finalistas do Carballo Interpay 2017 Webseries galegas finalistas do Carballo Interpay 2017. De esquera a dereita arriba: Teño unha horta; Hai vida en Bran; Aventura. Abaixo: Galician Crime e Dallejas. Antes, ás 19h, catro proxectos de webserie competirán nun pitching público polo beneplácito do xurado do premio ao mellor proxecto de webserie en galego. Os catro proxectos finalistas son o drama existencialista Albedrío, creado por J.S. Raimundi e Álex Vázquez e protagonizado por Melania Cruz e Tito Asorey; a comedia de situación Efectos Secundarios, creada e protagonizada por Pablo Cobos e Paula Ballesteros-Arias; a comedia con pequenas tinturas dramáticas Hai vida en Bran, creada e protagonizada por Ángela Andrada, que se acompaña por un nutrido grupo de personaxes que rompen estereotipos; e máis a comedia fantástica Megamadriñas, que mestura o mellor da épica dos superheroes co máis enxebre do rural galego, baixo a batuta de Antón Coucheiro, Paulo Rubal e Joseba Muruzábal.
A webserie gañadora recibirá un premio de 1.500 euros para gravar os 3 primeiros capítulos.

 

Apertura da sección mundial

O Auditorio do Pazo acollerá tamén as proxeccións dalgunhas das 35 webseries de todo o mundo que participan na sección oficial do Festival. Ás 18h proxectaranse as webseries en galego: Antolepsia, Galicia Crime, As Aventuras de Po, Dalle Jas e Teño unha horta en San Sadurniño. E ás 16h30, haberá un menú degustación con webseries de Alemania, Arxentina, Reino Unido, Nova Zelanda e Israel.

Como vén sendo habitual nas últimas edicións, o humor terá unha presenza abafadora, pero as temáticas son moi variadas: ciencia ficcción, horror, aventura, sátira política... Tamén haberá oco para o drama, o documental e o thriller. E, por suposto, un amplo abano de mesturas e experimentos formais e conceptuais, tan propios do sector máis atrevido e imaxinativo do audiovisual contemporáneo.

 

Peter Brandon

Unha das citas máis especiais será a estrea mundial de Peter Brandon, o proxecto de Porco Bravú que mellor representa este festival. Foi a webserie gañadora do premio ao mellor proxecto de webserie en galego, na 1ª convocatoria que fixo o ano pasado o Carballo Interplay. E onde mellor que facer a estra mundial en Carballo, como colofón final á segunda sesión, venres ás 22:30h.

Os seus creadores non son novatos nin alleos ao festival. Porco Bravú son o colectivo audiovisual formado por Jorge Boquete, Óscar Cruz, Javi Lopa, responsable de webseries como “Conversas con Cunqueiro” e El Método Sueco ou a curtametraxe “El comediante”.
Peter Brandon é unha comedia galega con tintes dramáticos que satiriza o sector audiovisual a través duns personaxes inadaptados que queren atopar o seu lugar no mundo.
O protagonista non é outro que Pedro Brandariz é un cómico galego que, a punto de cumprir 40 anos, está perdido na súa vida. Perdeu a ilusión polo seu traballo e síntese estancado profesionalmente. Quere dar o paso definitivo cara o seu éxito, facerse co público máis novo e ser recordado polo seu novo estilo de comedia. Para conseguilo adopta unha nova identidade, agora Pedro Brandariz é Peter Brandon.

 

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios