Venres. 19.04.2024
El tiempo

Carlos Callón gaña o VIII Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo

Carlos Callón gaña o VIII Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo

O xurado do VIII Premio a artigos xornalísticos normalizadores do Concello de Carballo reuniuse o pasado venres 27 de abril, para decidir o artigo gañador deste certame, ao que se presentaron 37 traballos, e decidiu concederlle o premio, dotado con 1.000 euros e a publicación do artigo en A Nosa Costa, De Luns a Venres, Diario de Bergantiños, El Periódico de Carballo, Galicia Confidencial, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, Praza Pública, Que pasa na Costa, Sermos Galiza e Tempos Novos ao artigo titulado «Fai teu o galego», de Carlos M. Callón Torres. Un artigo que publicaremos o vindeiro 20 de maio.

Segundo o xurado, o recoñecemento deste artigo débese á súa capacidade para chegar a públicos amplos e incidir neles cunha linguaxe clara e sinxela, convidando aos lectores a lectoras a utilizar a lingua galega e facéndolles ver que é sinxelo e só é necesario querer. Destaca a enerxía, positividade e entusiasmo do artigo, que presenta a lingua como unha oportunidade, e apela ao compromiso individual das persoas para falaren galego.

Unha entrega con Vitaminas

E no marco da Campaña Vitaminas para o galego, o Concello de Carballo quere tamén compaxinar esforzos. Así o acto de entrega de premios levará por nome "Vitaminas para o galego", e nel haberá un concerto de Sés, a revelación musical da tempada. A cita será o mércores 16 ás 21.00 h, no Pazo da Cultura de Carballo, e a entrada é libre e gratuíta.

Os gañadores

Carlos Callón (Ribeira, 1978) é profesor de lingua e literatura galegas, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e voceiro da plataforma Queremos Galego. Publicou ensaios sobre lingua e política lingüística como "En castellano no hay problema" (Xerais 2010) ou "Como defenderes os teus dereitos lingüísticos" (Xerais 2011).

O xurado decidiu tamén outorgarlle un accésit sen dotación económica ao artigo «El veloz murciélago hindú comía feliz cardillo y kiwi...», da estudante ourensá Alba Cid Fernández, e recoméndalles aos medios colaboradores a súa publicación. O artigo cuestiona de maneira crítica o apropiamento da linguaxe e das palabras por parte do poder para cambiarlles o significado, para mudar o imaxinario da xente. E isto enmarcado cunha linguaxe inclusiva e cun imaxinario moderno.
Alba Cid (Ourense, 1989) é estudante de Filoloxía Galega e gañou numerosos premios literarios, como o de Relatos de Verán de La Voz de Galicia, o Ánxel Casal, GzCrea, o Francisco Añón, etc.

Xurado

O xurado do VIII Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo estivo composto por Belén Puñal, xornalista carballesa e colaboradora de diversos medios; Marcos Abalde, escritor e gañador da edición 2011 do certame; Pepe Blanco Alborés, técnico de normalización lingüística; e Nel Vidal, técnico de normalización lingüística do Concello de Carballo, como secretario, sen voto.

Obxectivo

Os obxectivos do premio son promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e promocionar o uso do idioma galego e promover o emprego do galego na prensa escrita.
Nas sete edicións anteriores deste certame foron premiados/as autores/as como Xurxo Fernández Carballido, Olga Patiño Abeixón, Ana Rodríguez Barreiro, Ramón Vilar Landeira, Miguel Mosquera Fociños, Séchu Sende, Kiko Novoa, Xesús Fraga, María Pilar García Negro, Marica Campo ou Marcos Abalde.

Novas relacionadas

Fonte

  • Concello de Carballo.

Comentarios