Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Carmen Blanco protagoniza a Galería Mulleres da biblioteca de Muxía

Carmen Blanco protagoniza a Galería Mulleres da biblioteca de Muxía
A biblioteca municipal de Muxía ríndelle durante este mes de maio a súa particular homenaxe a Carmen Blanco no marco da súa Galería Mulleres. Nacida en Lugo en 1954, Carmen Blanco é escritora e mestra de literatura galega. Como ensaísta centrouse principalmente nas interrelacións de poder, muller, sexo, cultura e literatura, temática feminista e libertaria na que abriu camiño en Galicia. Formou parte do movemento feminista galego dende os seus inicios nos anos setenta dentro da asociación galega da Muller e Feministas Intedependentes Galegas. Nos anos oitenta e noventa participou na revista feminista "Festa da Palabra Silenciada" e colaborou na sección feminista colectiva de La Voz de Galicia. É a autora da letra do himno galego da Marcha Mundial das Mulleres - "Marchando máis alá" (2000) - interpretado por Pilocha e Milladoiro. En 1977 formou unha tribuna libertaria denominada Unión Libre con Claudio Rodríguez Fer con quen posteriormente coordinou "Unión Libre. Cadernos de vida e culturas". Carmen Blanco foi a creadora do heterónimo Emma Luaces en homenaxe á anarquista rusa Emma Goldman e á súa liñaxe materna das Luaces da aldea de Ver, co que publicou unha versión galega de Safo de Lesbos e o poemario "Lobo azul" nos cadernos Unión Libre. Mantivo a sección "Musa libertaria" na revista Marea Negra dende o ano 2004. Pertencente a familia represaliada polo franquismo, é secretaria da asociación para Dignificación das Vitimas do Fascismo dende a súa fundación no ano 2005 e forma parte do Consello da Memoria dende o 2006. Ademais, cultivou a creación plástica deseñando e ilustrando varios poemarios. A biblioteca municipal de Muxía dispón dalgunhas das súas obras entre as que se atopan "Mulleres e independencia", "Atracción total", "María Mariño. Vida e obra", "Sexo e lugar", "Novoneyra, un cantor do Courel a Compostela" e "Carballo Calero".  

Galería Mulleres de Muxía

Máis novas relacionadas

Fonte

Comentarios