Xoves. 28.03.2024
El tiempo

"O xurdimento de partidos coma VOX amosa que sempre temos que estar á alerta para non retroceder nos nosos dereitos"

37685221_10156473741432088_1194799617586233344_o
A baiesa Carmen V. Valiña é Doutora en Historia Contemporánea e Licenciada en Xornalismo e Humanidades.
"O xurdimento de partidos coma VOX amosa que sempre temos que estar á alerta para non retroceder nos nosos dereitos"

A xornalista Carmen V. Valiña (Baio, Zas, 1985) vén de publicar o seu último libro ‘Elas, as emigrantes mulleres da Terra de Soneira en Suíza’, que presentará a finais desta semana na Coruña e Compostela. A traxectoria profesional desta baiesa, que reside a cabalo entre Marrocos e Galicia, xira arredor dos temas de xénero, primeiro como profesora e agora como creadora e directora de Periféricas, unha escola online de feminismos alternativos. Carmen garda un recordo moi feliz da súa infancia en Baio, lugar no que naceu e ao que volve cada mes e medio: “Non importa a cantos quilómetros estea, esta é a miña terra e síntome profundamente orgullosa de ser galega”, di.

  •  Con que se atopará a persoa que merque o teu último libro?

Cunha historia da emigración das mulleres soneirás a Suíza contada por elas mesmas, a través das testemuñas de oito destas emigrantes a quen tiven o pracer de entrevistar. Pertencen a dúas etapas distintas: a dos anos 60 e 70 e a máis actual, a partires do ano 2008, cando se reactiva a emigración como consecuencia de crise económica, o que permitirá ter unha panorámica temporal ampla deste fenómeno con tanta relevancia na nosa comarca.

  • Nel fas unha homenaxe ás mulleres que estiveron ocultas no fenómeno migratorio galego. Que te levou a tratar este tema?

Fundamentalmente dúas razóns: por unha banda, a pegada da emigración cara Suíza na propia Terra de Soneira, que é a comarca na que nacín e na que dende nena puiden comprobar como esta emigración e as súas consecuencias estaban e seguen estando patentes no noso día a día; doutra banda, a miña especialización profesional no tema dos estudos de xénero, que sempre me leva, como docente e investigadora, a tentar subliñar o papel das mulleres en calquera acontecemento histórico.

A nivel bibliográfico son moi poucos os libros que abordaron o fenómeno galego cara Suíza, e moito menos aínda os que prestaron atención ao caso concreto das mulleres que partían

  • Con que historias te atopaches? Foi fácil o proceso de documentación?

Atopeime cunha enorme xenerosidade por parte das oito mulleres entrevistadas, que me contaron detalles persoais e moi emotivos sobre o seu traxecto migratorio: as dificultades que atoparon co idioma, as posiblidades que Suíza lles deu para desenvolverse profesionalmente, o distinto que era este país respecto a Galicia da que partiron, as posibilidades de retorno e tamén o lamento por ter retornado e non atopar aquí traballo despois da crise... En definitiva, as entrevistas con elas permitirónme engadir a parte persoal ás cifras oficiais, que resultan moito menos útiles, creo eu, para entender o trasfondo detrás de calquera proxecto migratorio. Foron ademais especialmente relevantes para construír a obra porque a nivel bibliográfico son moi poucos os libros que abordaron o fenómeno galego cara Suíza e moito menos aínda os que prestaron atención ao caso concreto das mulleres que partían, de xeito que os seus testemuños permitiron encher moitos deses ocos.

  • Presentas o libro esta semana na Coruña e Compostela. Para cando na Costa da Morte?

En efecto, o libro preséntase este xoves en Compostela e o venres na Coruña. Encantaríame dalo a coñecer tamén na Costa da Morte porque é de onde xorde todo o seu contido. De momento non hai datas pechadas pero agardo que en breve haxa ocasión de presentalo por aquí.

  • A túa traxectoria profesional xira arredor do feminismo. Como a resumirías?

Funme especializando en asuntos de xénero dende hai uns dez anos, co inicio dos meus estudos de doutoramento, e actualmente adícome ao tema a tempo completo como directora de www.perifericas.es, Escola de feminismos alternativos. Combino a dirección da escola coas clases que imparto online na Universidad Europea Miguel de Cervantes, UEMC, e con investigacións puntuais nas que estudo o papel das mulleres ao longo da historia, coma no caso deste libro, que puiden elaborar gracias a unha bolsa da Deputación da Coruña.

  • Como comentabas, actualmente dirixes Periféricas. A quen está dirixida? 

Pois a toda persoa con interese por aprender sobre temas vinculados coas mulleres que xeralmente non se ofertan nas universidades ou noutras plataformas: saúde, educación en igualdade, feminismos doutras partes do mundo... Xustamente a idea é que calquera persoa, independentemente do seu nivel formativo, poida acceder a cursos impartidos por docentes do máximo nivel e de plena actualidade dun xeito asequible.

  • Nesta escola tratades a diversidade do feminismo actual. Que contidos son os máis demandados?

Os contidos educativos e sobre temas de intervención social son especialmente demandados, coido que porque teñen unha aplicación directa e porque son temas de forte impacto sobre os que non se pode aprender noutros lugares. Entre os cursos favoritos ata o momento, dende que nacemos no 2016, figuran os de intervención con inmigrantes e refuxiadas, o de mulleres en prisión ou o de mediación escolar, pero actualmente temos ata 20 formacións, todas online, entre as que se pode escoller.

  • Que opinas da actual ola de feminismo?

Estamos nun momento á vez apaixonante e cheo de desafíos: por unha banda, no contexto español son cada vez máis as mozas que se definen como feministas sen medo ás etiquetas, pero tamén hai moitas persoas que consideran que a igualdade xa está lograda e non fai falta seguir reivindicando. O xurdimento de partidos coma VOX amosa, polo contrario, que sempre temos que estar alerta para non retroceder nos nosos dereitos, que nos custou séculos conseguir e que están lonxe de resultar garantidos para sempre.

Comentarios