Imprimir

Carballo e Cee suspenden os cobros das taxas municipais

que pasa na costa | 25 de marzo de 2020

A resposta municipal á crise econónica que se nos vén enriba pode ter alternativas como as que pon en marcha o Concello de Cee. Suspendeu o cobro das taxas, renda e canon de distintos servizos municipais dende o decreto do estado de alarma, afectando á escola de música, a de teatro, a gardería, as actividades deportivas, os alugueres dos locais municipais do centro comercial e as taxas do postos do mercadillo dominical, entre outros servizos.

No paquete de medidas se inclúen os locais de titularidade municipal do centro comercial cuxa actividade foi suspendida polo Real Decreto do pasado 4 de marzo. Neste sentido, non se cobrará por parte do concello o aluguer que coincida co periodo de suspensión da actividade.
Margarita Lamela explicou que na mesma situación están os postos do mercadillo dominical.

En relación aos impostos delegados a cobro na Deputación de A Coruña como o Imposto de Bens Inmobles (contribución), do cemiterio municipal, o imposto de vehículos de tracción mecánica; a recollida de lixo ou os vados permanentes, seguirán o disposto pola Deputación en canto a pospoñer ata despois do día 30 de abril o inicio do periodo voluntario de pago, se ben as datas concretas fixaranse no seu momento.

 

Carballo adía

Concello de Carballo tamén vén de adoptar unha serie de medidas encamiñadas a reducir a presión fiscal sobre a veciñanza. Quedan en suspenso todos os cobros, liquidacións e procedementos executivos de recadación, e no caso das instalacións deportivas, ademais, descontaranse as cantidades correspondentes aos días de peche.
As medidas concretas son as seguintes:    
1.- Non se poñerán ao cobramento os padróns do primeiro período de recadación (IVTM, taxas lixo-vivenda e lixo-comercial, e taxas vaos permanentes) ata que pase o estado de alarma.
2.- Paralízanse todos os procedementos executivos de recadación (premas, embargos, etc...), e os prazos dos mesmos.
3.- Non se emitirán novas liquidacións tributarias durante este período de alarma.
4.- Non se xirarán cargos bancarios dos contribuíntes que teñan concedidos aprazamentos/fraccionamentos dos tributos municipais.
5.- Téñense suspendido todos os prazos de pagamento das liquidacións emitidas e postas ao cobro antes do Decreto de alarma.
6.- A duración do prazo do período de alarma computarase como período inhábil a todos os efectos tributarios, tanto de termos coma de prazos.
7.- Suprímese a atención presencial nas oficinas, pero continúa aberto o portelo electrónico, a atención ao contribuínte por e-mail, e o funcionamento telemático, en servizos mínimos, dos servizos tributarios.
8.- Non se xirarán liquidacións mensuais polos abonos pola utilización das instalacións deportivas municipais, ao se atoparen pechadas ao público. Ademais, as persoas usuarias non terán que pagar nin os abonos nin as cotas dos cursos correspondentes aos días que dure o peche das instalacións deportivas municipais polo estado de alarma.
 

A atención ao contribuínte realizarase a través de correo electrónico na dirección [email protected] e, subsidiariamente, a través do teléfono gratuito 900 132 204. Lémbrase que os contribuíntes poderán facer xestións e consultas a través da Oficina Virtual Tributaria da Deputación.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cee/cee-suspende-cobros-das-taxas-municipais/20200325122531118549.html


© 2020 que pasa na costa

COPYRIGHT 2019 QUE PASA NA COSTA

Banner xunta axudas copia