Venres. 19.04.2024
El tiempo

Cerqueda vivirá un entroido marcado pola tradición etnográfica e pola literatura oral

Cerqueda vivirá un entroido marcado pola tradición etnográfica e pola literatura oral

Se ben xa ó longo destes anos a tradición etnográfica dos Madamitos e Ghuardineiros era o prato fundamental do Entroido en Cerqueda, neste 2011 a celebración dunha Polafía recuperará os vellos costumes das coplas, contos, romances, regueifas e música tradicional. Todo este xerme de actividades é a conclusión á que chegaron as asociacións Raigañas e Monte d’Arxa en colaboración coa Asociación de Escritores en Lingua Galega.

O programa Entroido Cerqueda 2011 desenvolverase en 3 xornadas nas que se combinarán xogos, literatura oral, música e danza tradicional, así como a gastronomía da época.

A primeira xornada terá lugar o vindeiro venres 4 de marzo no local sociocultural das Pozacas cos máis pequenos como verdadeiros protagonistas. Desde as 5 ata as 8 da tarde haberá unha gran festa de disfraces con animación antroideira. Ó remate da mesma degustarase unha chocolatada. Por outra banda, desde as 8 e media ata as 10 e media, para os máis adolescentes celebrarase por primeira vez un guateque xuvenil de entroido.

O día máis intenso de tradición antroideira será o Domingo de Piñata coa celebración do tradicional percorrido dos Madamitos e Ghuardineiros e coa novidade da gravación dunha Polafía. Os Madamitos arrancarán o seu desfile de bromas, danzas e músicas a partir das 11 e media da mañá por todos os lugares da parroquia. A Polafía celebrarase a partir das 5 da tarde no restaurante Aldeola. Nela, a Asociación de Escritores en Lingua Galega aproveitará para realizar unhas gravacións da tradición da literatura oral e da música tradicional da parroquia de Cerqueda. Gravaranse romances de cego, coplas, comparsas, regueifas, contos, lendas así como o repertorio de catro xeracións de pandereteiras da parroquia. O peche da Polafía virá dada coa última intervención dos Madamitos e Ghuardineros e coa actuación dos gaiteiros Raigañas. Na organización da Polafía participan a Asociación de Escritores en Lingua Galega, a Asociación de Veciños Monte d’Arxa, a Asociación Cultural Raigañas coa colaboración do complexo hostaleiro Aldeola.

A última iniciativa deste programa é o cocido de entroido que terá lugar o sábado 26 de marzo a partir das 10 da noite no restaurante Aldeola. Ademais da degustación de produtos típicos de época, os asistentes poderán contemplar o concerto humorístico do grupo Os Revenidos e bailarán coa orquestra Trebol.

Inscrición ao concido

Para participar no cocido é imprescindible inscribirse nos teléfonos 660 48 10 25 / 696 27 64 12.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa das A.VV. Monte d’Arxa e A.C. Raigañas.

Comentarios