Venres. 19.04.2024
El tiempo

Chegan as primeiras festas do ano á #AxendaCostadaMorte

Chegan as primeiras festas do ano á #AxendaCostadaMorte
Volve unha fin de semana tímida en canto a citas co ocio e coa cultura na Costa da Morte; ainda que xa chegan as primeiras festas do ano coa celebración do san Vicenzo de Vimianzo. Coa mente posta xa no entroido, facemos un repaso pola principais citas da fin de semana vendo antes como virá o tempo; información que nos proporcionan os compañeiros de 4gotas.com.
Parte Costeiro O tempo na fin de semana vén marcado pola presenza de moitas nubes e moita humidade. Non choverá moito, pero si que os orballos estarán presentes en boa parte da fin de semana. Orballará na madrugada do venres, pero a partir do amencer apenas quedarán chuvias. Seguirán as nubes, pero os orballos non voltarán ata a madrugada do sábado (e especialmente ao litoral oeste). O sábado será o día con máis humidade. Orballará desde o amencer ata as 3-4 da tarde de xeito persistente. Non acumularán moita chuvia, pero si será un día pesado e gris. Na tarde seguirán os orballos máis intermitentes no litoral oeste (entre Fisterra e Muros) e apenas caerán no resto da Costa da Morte. Na madrugada do domingo pode orballar en calquera punto da comarca, pero a partir do amencer do domingo quedarán só no litoral oeste. Alí estarán presentes durante gran parte do domingo, o mesmo que nas zonas altas, pero no resto da Costa non choverá no domingo e no litoral norte abriranse algúns claros e as temperaturas chegarán aos 14 graos. As temperaturas na fin de semana serán moi suaves, variando entre os 10 e 13 graos, agás ese domingo pola tarde no litoral norte que serán un chisco máis altas. O vento soplará do sudoeste toda a fin de semana e terá refachos fortes no litoral norte durante o sábado. O mar calmaráse e as ondas estarán nos 4 metros durante o venres e o sábado baixando ata os 2-3 metros no domingo.

Principais citas da fin de semana

  • Inauguración exposición en Vimianzo. A sala de Exposicións Antón Mouzo, na Casa da Cultura de Vimianzo, acolle hoxe ás 20 horas a inauguración da exposición de Rosana Calvo e C. Beiro. A mostra poderá verse até o 18 de marzo de 2018.
  • Xornadas arqueolóxicas en Mazaricos. A casa da Cultura da Picote acolle hoxe pola mañá un encontro no que distintos expertos analizarán o patrimonio arqueolóxico do concello.
  • Teatro en Muros. O centro cultural de Muros acolle mañá sábado, ás 21:30 horas, a obra de teatro "Cranios privilexiados... ou crítica da razón perralleira" de Mofa e Befa, P.T. Excéntricas.
  • Festas de San Vicenzo en Vimianzo. Mañá, domingo e o luns a localidade de Vimianzo honra ao seu patrón, san Vicenzo. O sábado a música correrá a cargo do grupo Bomba, grupo D`Moda e Groove Amigos. Xa o domingo, haberá sesión vermú co grupo D`Moda. E o luns tan só haberá actos litúrxicos.

Exposicións

  • Tenda Turística Stoupa acolle este mes unha exposición do autor muradano Roque Rey.
  • Castelo de Vimianzo. A fortaleza así como a súa mostra de artesanía ao vivo pódese visitar martes a domingo de 10:30 a 14 e de 16 a 19 horas. Visitas guiadas gratuítas: sábado e domingo ás 12 e ás 19 horas.
  • Conxunto etnográfico do Mosquetín. O conxunto de muíños e batáns do Mosquetín abre as súas portas todos os días da semana dende as 11 horas ata ás 18 horas. Os sábados e os domingos hai visita guiada ás 13 e ás 18 horas.
  • As Torres do Allo, en Zas, abre sábados e domingos e festivos  (de 11 a 19 horas). Ademais, o pazo acolle unha mostra de pezas de Olería de Buño e ofrece visitas guiadas gratuitas ás 13 e ás 17 horas.
  • No dolmen de Dombate ofrécense visitas guiadas todos os días de 10:30 a 14 e de 16 a 18:30 horas.

Máis información

Fonte

Comentarios