Martes. 23.04.2024
El tiempo

Cheo absoluto no fin de curso da Escola de Música de Carnota

Cheo absoluto no fin de curso da Escola de Música de Carnota

Malos tempos, no económico, para as Escolas de Música. Que non para a súa incidencia. Cada vez que demostran o seu arte, o público responde. Como aconteceu en Carnota, que uns días despois da demostración do arte tradicional que aínda gardan, sacaron os instrumentos máis modernos e se puxeron a tocar.

A cita tivo lugar o mércores 20 de xuño, ás 19:30h no salón de actos do Concello de Carnota. Era o agardado Concerto de fin de curso da escola municipal de música. O local empezouse ateigar de xente dende as 19:00, pero ás sete e media, hora exacta do comezo do recital non collía un alfiler.

O salón quedou minúsculo para sentar ás máis de 200 persoas que asistiron ao concerto. Cadeiras plegables coa programación do evento en cada unha delas, collían aos espectadores para dar comezo ao desfile de artistas, grandes e pequenos, onde non faltou nada.

Dende a primeira actuación, a coral polifónica da escola, xunto co grupo de gaitas e o coro infantil, que deixaron ao público boquiaberto coa fermosa peza Fisterra, ata a última que a fixeron só os profes e foi unha versión de "Un xiro teatral", de Manolo garcía, foi unha demostración do moito traballo que se fai na escola.
Repertorio clásico, pop, folk, rock, soul, jazz, solistas, vocalistas, etc. Todo amenizado por dúas presentadoras de luxo (nai e filla alumnas da escola) e por cinco mestres que non pararon de animar a festa.

Agora toca descansar. Dende o venres 22 a escola de música pechará as súas portas por vacacións ata o vindeiro mes de setembro, que se empezará coas matrículas do novo curso.

Novas relacionadas

Fonte

  • Concello de Carnota.

Comentarios