Venres. 19.04.2024
El tiempo

Seis municipios da bisbarra inician a nova campaña do proxecto Apego

Seis municipios da bisbarra inician a nova campaña do proxecto Apego
Apego Chega unha nova campaña do proxecto Apego - que ten como obxectivo facilitar a socialización en galego desde o nacemento - ao que están adheridos os concellos de Carballo, Carnota, Mazaricos, Muros, Ponteceso e Vimianzo. Así, nos vindeiros días comezaran a traballar coas familias residentes en calquera destes municipios e que estén interesadas en incorporar o galego á crianza dos seus fillos e fillas. En total son xa 23 os concellos que están adheridos ao programa que fomenta a crianza en galego chegando así a un millón de habitantes. Apego procura aumentar a porcentaxe de nenos e nenas que reciben o galego desde o berce e arroupar o seu uso no proceso de socialización ata os 6 anos. Dentro das accións que se realizan, a máis coñecida xa é a entrega de cadansúa caixa con información e recursos en galego ás familias que acceden a formar parte da comunidade do programa. A partir desa adhesión, reciben periodicamente información e propostas para que os seus fillos e fillas se acheguen á lingua e á cultura galegas con naturalidade desde as primeiras idades. Para lograr isto, ademais dos espazos na rede onde se facilitan recursos, varios concellos publican materiais específicos para divulgar a oferta de actividade infantil e tamén reforzan a programación con convocatorias nas que as nenas e nenos poden gozar, aprender e relacionarse na lingua galega. Grazas ao medre do proxecto, coas novas incorporacións, Apego está xa producindo novos recursos, nesta ocasión materiais audiovisuais para a súa difusión nas redes. Trátase de pezas de vídeo para transmitir os obxectivos do proxecto, explicarlles o funcionamento ás persoas que desexen sumarse e divulgar de xeito atractivo algúns contidos que, ben seguro, as nais e pais han considerar útiles (unha canción para ir durmir composta especialmente para este proxecto, xogos de dedos, os sons dos animais, as cores, as froitas, como atar os cordóns...). A distribución destes materiais farase a partir da canle en Youtube do proxecto Apego e tamén das súas redes sociais.
O proxecto Apego desenvólvese desde os servizos de normalización lingüística (SNL) dos concellos participantes, a onde se poden dirixir as persoas que desexen máis información ou sumarse á comunidade de usuarias. Máis información Novas relacionadas

Fonte

Comentarios