Martes. 16.04.2024
El tiempo

Cincuenta fogares de Carballo participan no programa de compostaxe caseira

Cincuenta fogares de Carballo participan no programa de compostaxe caseira
I e que como nos gustan estas novas coas que axudamos a coidar o medio. O Concello de Carballo, a través do proxecto Carballo Limpo, vén de presentar no Horto Infantil Municipal o seu novo proxecto de Compostaxe Caseira, que comezará a implantarse a partir do mes de setembro. O Concelleiro de Servizos, Luís Lamas, explicou que serán 50 vivendas as que poderán beneficiarse deste proxecto piloto recibindo gratuitamente un composteiro, unha bolsa de estruturante natural e a formación e seguimento preciso para poñelo en funcionamento. Os beneficiarios serán seleccionados de entre os habitantes de vivendas unifamiliares do medio rural e tamén cun criterio de reparto poboacional, tentando distribuír os composteiros nos máis de 180 quilómetros cadrados do municipio. De haber máis demanda que oferta, realizarase un sorteo entre as solicitudes presentadas. Está previsto que a experiencia se prolongue durante un ano co obxecto de formar, en verbas de Lamas, a "mestres composteiros" que axuden a implantar máis adiante a iniciativa no maior número posible de vivendas. As solicitudes para participar poden presentarse até o 31 de agosto no departamento de Medio Ambiente situado no primeiro andar do Concello. Segundo subliña o Concelleiro de Medio Ambiente, Marcos Trigo, o obxectivo desta iniciativa é "reducir o lixo depositado no colector, mellorar a reciclaxe e reducir a contaminación". O Alcalde, Evencio Ferrero, espera que "a compostaxe sexa útil no futuro para as familias do medio rural", seguindo coa tradición existente e "mellorando a calidade do compost".

Comentarios