Xoves. 18.04.2024
El tiempo

Como afecta a nova Lei de Espectáculos Públicos aos partidos do Fútbol da Costa e outras actividades deportivas?

Como afecta a nova Lei de Espectáculos Públicos aos partidos do Fútbol da Costa e outras actividades deportivas?
  Pouco se fala, para a súa incidencia, da nova Lei 10/2017, de 27 de decembro, de Espectáculos Públicos e Actividades Recreativas, que entreou en vigor o pasado 2 de xullo. Unha desas leis imposibles de cumprir, sobre a que xa estivemos repasando como afecta ás verbenas, que mesmo poderían necesitar ata 7 seguros. Hoxe, coa axuda dos técnicos municipais do Concello de Santa Comba, analizamos como afecta a lei aos partidos do noso fútbol, así como a outros eventos deportivos que se dan na comarca.

Como afecta a Lei ao fútbol?

Imaxe dun partido no campo de Agra da Filgueira de Louro Imaxe dun partido no campo de Agra da Filgueira de Louro-Foto-Edu Olveira Hai que diferenciar dous tipos de competicións, as federadas e as non federadas, dado que unhas teñen unhas obligacións federativas e as outras non. En ambas, dando por feito que o propietario da instalación (os concellos na súa totalidade) xa ten seguro pola propia instalación, só habería que contratar o seguro da actividade. Desde fai uns dous anos, a propia Federación de Fútbol esixe xa un seguro de responsabilidade civil os clubes, polo que non habería que presentar nada. Nas non federadas, organizadas por entidades, ou por os propios clubes, habería que contratar un seguro específico por cada unha delas (por número de asistentes), ademais de presentar a declaración responsable como documentación básica. Dado que neste tipo de actividades, sobre todo as de fútbol 7, teñen estruturas móbiles, eventuais, portátiles ou desmontables, os propietarios das mesmas deben presentar a documentación correspondente, incluídas as tabernas dos organizadores. Deberá terse en conta tamén varios aspectos importantes, tanto nas federadas como nas non federadas:
  • 1. A cartelería, que ten que indicar un responsable do clube ou entidade, un teléfono de contacto e o coste das entradas.
  • 2. As bebidas alcohólicas, esta prohibida a súa venda e consumo pola lei de drogas de Galicia, nas instalacións deportivas.
  • 3. O control de acceso e interiores, que para actividades de máis de 100 persoas esixe axentes de seguridade con licencia. Uns para para o acceso e outros para o control interno (remite a normativa sectorial).
A normativa tamén indica que o seguro de responsabilidade civil non inclue ben inmuebles nin as persoas da organización, polo que esto, incluidos os que traballen nas tabernas deberían ter un seguro específico, si o fan en forma de apoio e colaboración da entidade organizadora ou como membros da mesma.  

Como afecta a outras actividades deportivas ou culturais?

O proceso é común para todo tipo de actividades, da igual que sexan verbenas, actividades deportivas ou culturais, sempre basada na corresponsabilidade de todos os implicados. Así, o propietario da instalación deberá ter seguro da mesma e dar autorización específica (si é municipal xa serve coa declaración responsable). O promotor deberá ter seguro da actividade. E cada propietario de cada unha das estruturas móbiles, eventuais, portátiles ou desmontables que se instalen con motivo da actividade, deberán presentar a documentación técnica da estrutura, o seguro, e a certificación técnica de conexión eléctrica de baixa tensión. Si é sobre un vehículo deberá contar ademais con permiso de circulación e itv en vigor. E non hai diferencias entre o camión da Panorama, a taberna da organización, o arco inchable de meta dunha carreira popular, o inchable dunha boda, bautizo ou primeira comunión, a carpa do grupo de amigos para a merenda, a carpa para asistencia ou apoio para o equipo de competición ou os coches eléctricos ou tio vivo. Facendo un repaso pola Costa da Morte, e coa lei na man, todos os equipos de competición de probas deportivas como o Autocross de Carballo e Santa Comba, o Campionato de España de Salvamento e Socorrismo Acuático de Laxe e o Ézaro en Dumbría, os postos da Feira Medieval de Corcubión e a Mostra de Oleiría de Buño, ou os festeiros de Santa Margarita de Muiño, San Fins do Castro ou a Carballeira de Baio, por citar só uns exemplos, deberán presentar toda a documentación indicada, si pretenden instalar estruturas móbiles, eventuais, portátiles ou desmontables, que nos casos indicados son esencialmente carpas ou casetas. Para a gran maioría a documentación técnica non sería un problema, xa que se admite como válida a procedente do fabricante (si os propietarios a conservan) que ven no embalaxe de compra, incluso calquer pegatina, selo ou identificación do mesmo e de que foi fabricada conforme a normativa CE. O problema estaría no económico, xa que un seguro, cunha responsabilidade civil mínima de 150.000 euros, que é o que esixe a normativa non soe baixar dos 300 euros. Ademais de que durante o tempo que esten en uso para actividade teñen a consideración de establecementos abertos ao público. O tema das autorizacións e responsabilidade do propietario da instalación tampouco deixa de ser un tema complicado, que presumiblemente levará a desaparición dalgunhas actividades, a buscar outras ubicación, si se pode, ou ao seu imcumprimento, ao non querer os propietarios das instalacións corresponsabilizarse de nada nin contratar ningún seguro. Coa normativa na man entidades como Portos de Galicia ou Demarcación de Costas teñen que contratar un seguro paras as praias de Laxe e o Ézaro para que se poidan desenvolver o Campionato de España de Salvamento e Socorrismo Acuático. Os veciños propietarios do circuito de Autocross de Santa Comba, da Carballeira de Baio e das leiras donde se desenvolve Santa Margarita de Muiño, tamén deben facer o mesmo, contratar un seguro de responsabilidade civil, por número de asistentes ou capacidade da instalacións e ceder aos organizadores de forma específica e documental a instalación da súa propiedade. Esa autorización convirteos automáticamente en coorganizadores da actividade, e corresponsables do que suceda na mesma, xunto co organizador e o concello. E o mesmo sucede con instalacións propiedade da igrexia ou calquer outro titular. Esa corresponsabilidade solidaria vén establecida no artigo 23 da Lei 10/2017, de 27 de Decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, que literalmente di: “Dereitos e obrigas dos/as titulares e dos/as organizadores/as. 3.Cando o/a organizador/a do espectáculo público ou actividade recreativa sexa distinto/a do/da titular do establecemento público ou instalación en que se desenvolve, responderán ambos os dous solidariamente do cumprimento das obrigas establecidas no número 2 que lles correspondan conxuntamente atendendo ás circunstancias concretas en que teña lugar o espectáculo ou actividade, sen prexuízo do establecido no inciso final do artigo 28.3 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público". Esas obrigas as que fai referencia son moi diversas e incluen numerosas responsabilidades. Cítanse de forma literal:
  • a) Levar a cabo o espectáculo público ou actividade recreativa de acordo co anunciado e nas condicións ofrecidas ao público, agás por causa lexítima acreditada ou por razóns de forza maior ou de caso fortuíto debidamente xustificadas,
  • b) No suposto de que se produzan variacións da orde, data ou contido do espectáculo ou actividade, deberase informar delas coa antelación suficiente nos lugares onde habitualmente se fixa a propaganda ou nos espazos de venda de localidades,
  • c) Devolver ao público o importe aboado no caso de que o espectáculo ou actividade se suspenda ou se modifique de forma esencial e atender as reclamacións que por este motivo sexan procedentes, de acordo coa lexislación aplicable, salvo nos supostos en que se lle anunciase ao público, de forma expresa e clara, que os organizadores ou titulares reservan para si o dereito de modificar a programación ou nos supostos en que a suspensión ou modificación se produza unha vez empezado o espectáculo ou actividade e sexan debidos a causas fortuítas ou de forza maior,
  • d) Realizar os controis técnicos obrigatorios de acordo coa normativa vixente e adoptar as medidas de seguridade, hixiene e salubridade establecidas con carácter xeral, ou especificadas na declaración responsable, na licenza municipal ou na autorización autonómica cando sexa exixible, mantendo en todo momento os establecementos abertos ao público en perfecto estado de funcionamento,
  • e) Permitir a entrada ao público, agás nos casos establecidos por lei ou por regulamento, en particular os derivados do lexítimo exercicio do dereito de admisión,
  • f) Respectar a capacidade máxima e absterse de vender entradas e abonos nun número que a exceda,
  • g) Non cobrar polas entradas un prezo superior ao que se anunciou na correspondente publicidade e comunicar ou denunciar a súa revenda,
  • h) Cumprir os horarios de apertura e peche dos establecementos abertos ao público e os de inicio e finalización dos espectáculos públicos e das actividades recreativas, i) Establecer os servizos de vixilancia e seguridade cando estes sexan obrigatorios conforme o disposto na lexislación vixente de seguridade privada e cumprir o disposto na presente lei e na normativa autonómica en materia de servizos de control de acceso, no caso de dispor de tales servizos,
  • j) Informar o persoal de control de acceso e o de servizos de vixilancia e seguridade sobre as funcións e as obrigas que lles atribúe a normativa específica,
  • k) Velar pola adecuada conservación dos espazos que se poidan ver afectados polos espectáculos públicos ou polas actividades recreativas e cumprir a normativa en materia de protección do ambiente,
  • l) Comunicar ás administracións competentes as modificacións non substanciais nos termos previstos na Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, m) Facilitar o acceso ás forzas e aos corpos de seguridade, aos servizos de protección civil, aos servizos de sanidade, aos/ás axentes da autoridade, ao persoal funcionario, así como ás entidades de certificación de conformidade municipal (Eccom) que desenvolvan actuacións de certificación, verificación, inspección e control nos termos establecidos na Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia,
  • n) Permitir e facilitar as inspeccións que acorden as autoridades e realizar as inspeccións periódicas que sexan obrigatorias de acordo coa normativa vixente,
  • o) Ter á disposición dos axentes da autoridade e dos servizos de inspección, nos establecementos abertos ao público, toda a documentación que se estableza regulamentariamente,
  • p) Cumprir a normativa vixente sobre accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas, sobre seguridade e prevención de riscos laborais e sobre propiedade intelectual e demais normativa que sexa aplicable,
  • q) Colocar nun lugar visible e perfectamente lexible a información ao público regulada no artigo 19. Nos establecementos abertos ao público deberase dispor nun lugar visible ao público e perfectamente lexible, nos dous idiomas oficiais de Galicia, a seguinte información: a) Número de teléfono, número de fax, enderezo postal ou correo electrónico para efectos de reclamacións ou peticións de información;b) Horario de apertura e peche. c) Copia da licenza municipal de apertura, no caso de que esta sexa exixible. d) Capacidade máxima. e) Existencia de follas de reclamación. f) Limitacións de entrada e prohibición de consumo de alcohol e tabaco a persoas menores de idade, de conformidade coa lexislación vixente. g) Condicións de admisión determinadas de acordo co previsto no artigo 13, no caso de existiren. h) Normas particulares ou instrucións elaboradas polo titular do establecemento para o normal desenvolvemento do espectáculo ou actividade),
  • r) Responder dos danos e perdas que se poidan producir como consecuencia das características do establecemento aberto ao público ou da organización e desenvolvemento do espectáculo ou actividade, así como de constituír as garantías e concertar e manter vixentes os correspondentes contratos de seguro exixidos pola presente lei.
 

Novas relacionadas

https://quepasanacosta.gal/os-7-seguros-podes-necesitar-para-organizar-un-evento-coa-nova-lei-de-espectaculos/ https://quepasanacosta.gal/como-afecta-a-nova-lei-de-espectaculos-publicos-as-verbenas-populares/ Fonte
  • Redacción de QPC ([email protected]).
  • Información Lei 10/2017 de espectáculos públicos e actividades recreativas, e aclaracións de diferentes técnicos ao respecto.

Comentarios