Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Concello, apicultores e veciñanza únense en Carballo contra a velutina

campanha_trampeo_2020-Avespa Velutina Carballo
Concello, apicultores e veciñanza únense en Carballo contra a velutina

Comezou a campaña contra a velutina no Concello de Carballo, coa captura das primeiras raíñas. Serán 3 meses claves na loita contra esta praga, para a que Concello, apicultores e veciñanza unen forzas pensando en que: “unha raíña menos, un niño menos”.

O ano pasado foron 58 as persoas que colaboraron na acción conxunta, o que permitiu colocar 737 trampas e capturar 12.511 raíñas. De aí que a primeira cousa que se fixera este ano é facer unha reunión con persoas que veñen colaborando ano tras ano co Servizo Municipal de Control de Pragas.

Campana veluntina en Carballo 2020

Kit antivelutina

Para facilitar o traballo, o Concello vén de realizar o reparto de kits antivelutina para emerxencias a todos os servizos municipais susceptibles de ter que utilizalo, como Policía Local, Protección Civil ou Brigada Municipal de Obras, entre outros. O obxectivo é aumentar a protección dos/as traballadores/as, así coma facilitar o traballo dos servizos de seguridade no caso de que se atopen no seu labor diario cunha emerxencia relacionada con picaduras de avespas.

O kit está composto por unha mochila isotérmica rotulada cun bote de insecticida específico e unha bocha autoinxectable de adrenalina. Os responsables dos distintos servizos recibirán previamente, na sede de Protección Civil, unha charla informativa na que participarán o responsable da empresa concesionaria do Servizo Municipal de Control de Pragas e unha farmacéutica.

Datos de contacto e precaucións básicas

As persoas que localicen un niño poden avisar nos teléfonos 012 e 112, ou chamar directamente ao servizo municipal de control de pragas ao 981 754 699. A retirada realizarase de xeito gratuíto nun prazo de 24-48 horas.

Unha vez máis insistimos na conveniencia de extremar as precaucións durante a realización de traballos nos sectores forestal e/ou agrario para evitar picaduras, que o ano pasado foron moi frecuentes. Se é o teu caso toma nota:

  • Antes de empezar a traballar, realizar un recoñecemento da parcela para comprobar que non existen niños. É frecuente que aparezan entre as silveiras.
  • Se atopas un niño de velutina non te achegues nin lle toques, porque se sentirán atacadas. Chama ao 012 ou ao 112 para que acudamos a retiralo.
  • No caso dun ataque fuxe o máis rápido posible e intenta refuxiarte nalgún lugar pechado coma o coche, protexe a cara e a parte de atrás do pescozo (teñen tendencia a picar nesa parte do corpo) e non fagas movementos bruscos. Se a atacada é outra persoa non te achegues, chama rapidamente ao 112. E se es alérxico procura levar sempre contigo a medicación precisa.

Novas relacionadas

Comentarios