Venres. 19.04.2024
El tiempo

Un informe recolle os testemuños e as consecuencias dos infinitos cortes de luz na comarca de Fisterra

A Anchoa de Fisterra sufriu numerosos cortes de luz
A Anchoa de Fisterra sufriu numerosos cortes de luz
Un informe recolle os testemuños e as consecuencias dos infinitos cortes de luz na comarca de Fisterra

Como xa falábamos o venres pasado, o Concello de Fisterra vén de elevar as queixas dos seus veciños polos cortes de luz á Xunta e a INEGA nunha carta que levaba adxunta un informe de incidencias elaborado pola empresa de electricidade encargada do mantemento eléctrico do Concello, Aralumen. Ademais, dito informe incorporaba tamén diferentes testemuños dos veciños afectados.

"Estou dende o onte sábado ás 21:00 da noite e de momento sigue sin vir (domingo 10 da mañá). Eu non podo nin almozar, porque teño todo eléctrico como a maioria dos pisos novos". Así relata un dos testemuños que recolle o informe. "Estivemos ata 13 horas ininterrumpidas sen luz... Tamén varios días con cortes intermitentes, como en todos inviernos desde que teño uso de razón. Aféctame no día a día da convivencia e benestar, aféctame tamén na vivienda de uso turístico xa que na casa a teño todo eléctrico e afecta tamén á Residencia de Maiores e menores de Fisterra...", relata outro.

"Temos unha oficina na que é imprescindible o ordenador para poder traballar, e con estes cortes intermitentes perdemos o traballo a cada momento que levamos feito; ademais da imposibilidade de atender xente. Por outro lado, no noso fogar temos un neno de 28 meses e tendo  todo eléctrico, estamos continuamente sen auga quente, nin posibilidade de facer comida, lavar ou secar roupa, saír co coche do garaxe para ir recoller o neno á escoliña, etc...", comenta un terceiro dos máis de 75 testemuños veciñais recollidos no informe.

Para recollelos, o pasado 22 de decembro a empresa Aralumen comezou unha campaña por redes sociais na que animaba á xente a contar de que maneira se viron afectados polos cortes de luz durante o mes de decembro. Dende esa data, recibiu decenas de comentarios de usuarios, tanto particulares como empresas, denunciando os danos e molestias ocasionados.

Segundo comenta Marcelino González, xerente da empresa Aralumen, “a raíz de todos estes fallos que estivo habendo durante a época de novembro e decembro, como nós traballamos en temas de electricidade, os nosos clientes chamábannos seguido para consultar porque estaban moi preocupados. Todos os que teñen negocios tiveron moitos problemas nas súa actividade diaria. Entón, comezamos a tomar nota de todo, falamos co Concello de Fisterra e saíu a idea de facer unha reclamación a Industria, porque son os únicos que lle poden dicir algo a Fenosa”, explica o fisterrán.

O informe tamén detalla varias deficiencias detectadas na rede de distribución eléctrica no Concello de Fisterra, como foron cables descolgados dos tensores e suxeicións, transformadores, tensores, postes de formigón e conectores en mal estado. Deficiencias que, segundo comentan no escrito, traen como consecuencia multitudes de avarías na rede.

González cre que con esta acción poden chegar a crear algunha reacción por parte de Fenosa e que por fin actúen pola mellora das infraestruturas da zona. “Entendo que facendo unha reclamación amosando a preocupación de todos os negocios da zona, Fenosa ten que facer algo. É algo real, que está aí e que cada ano vai a peor, non é que sexa unha cousa puntual”, indica.

Mais, se isto non fose suficiente, González explica que o seguinte paso sería realizar unha recollida de firmas. “Nunha primeira proposta imos intentalo así, e esperamos que Fenosa atenda á reclamación e que, polo menos, comece a botar un ollo a como están as liñas nesta zona”, apunta o fisterrán.

Eloy Boullosa, xerente do hotel Costa da Morte, foi outro dos afectados polos cortes de luz.

A finais do ano, González estivo en Industria precisamente informándose dos procesos que tiñan executar e sobre a quen se tiñan que dirixir para facer a reclamación. E, a pesar de que xa están pechados os comentarios para esta primeira reclamación, ten pensado realizar un post proximamente no que facilitarán a información debida para quen queira reclamar pola súa conta.

Para González, un dos problemas que ve é a desinformación xeneralizada na zona, xa que a xente descoñece as opcións que ten. “Se teño un problema no meu negocio pero simplemente quéixome e protesto... Creo que o ideal é ir a Industria e presentar unha queixa formal cos danos que tiven. E iso realmente chega, porque ao final Fenosa ten que responder ante iso”, afirma o fisterrán.

Neste sentido, González indica que bota en falta quizais a figura de “Xestor enerxético”, unha persoa á que a xente poida acudir ante algunha dúbida enerxética, para reclamar ou para aforrar, do mesmo xeito que se podería facer nunha xestoría con temas de contabilidade, por exemplo. Figura á que están intentando chegar en Aralumen: “Queremos conseguir iso, que a xente poida vir, resolverlle as dúbidas, intentar aforrar na factura e que teñan ese soporte aí, que non teñan que desprazarse ao mellor ata Coruña ou Santiago para facer unha xestión que pode ser moi sinxela e que xa podemos facerlla nós na oficina”, explica o fisterrán.

Comentarios