Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Os Concellos do Xeodestino Ría de Muros-Noia acordan un plan de acción conxunto de apoio ao sector turístico

Terraza do Ancoradoiro-Foto-Guia Repsol
Unha terraza do Ancoradoiro-Foto-Guia Repsol
Os Concellos do Xeodestino Ría de Muros-Noia acordan un plan de acción conxunto de apoio ao sector turístico

Bo exemplo dan os alcaldes/as de Lousame, Muros, Noia, Outes e Porto do Son, que a través da ARD Ría de Muros Noia, veñen de anunciar un plan conxunto para axudar ao sector turístico no proceso de “desescalada”. Teresa Villaverde, alcaldesa de Lousame e presidenta da ARD Ría de Muros Noia, Inés Monteagudo, alcaldesa de Muros, Santiago Freire, alcalde de Noia, Manuel González, alcalde de Outes e Luís Oujo, alcalde de Porto do Son.

Ampliar as terrazas

Entre as medidas de flexibilización das condicións para a instalación de terrazas, consideran unha vía de acción preferente a ampliación da superficie das mesmas, cando sexa posible, como medida para contrarrestar o impacto da limitación de aforos que, de xeito xenérico, contempla o plan de desescalada anunciado polo Goberno de España e que establece un limite de aforo do 30% e que entrará en vigor na fase 1 do calendario de desescalada, presumiblemente na segunda quincena de maio.

Asesoramento

Outra medida é un servizo de asesoramento para a implantación dos manuais de boas prácticas de seguridade que o Instituto para a Calidade Turística de España e a Xunta de Galicia se comprometeron a publicar a mediados do mes que ven. A finalidade desta acción é dobre: por unha banda acompañar aos empresarios e profesionais do turismo e a hostelería para que este proceso de implantación de medidas de seguridade resulte o mais fácil e o menos gravoso posible e, por outra, intentar que a maior cantidade de establecementos do xeodestino incorporen boas prácticas na protección ante o coronavirus.

Campaña de comunicación

A terceira das medidas acordadas é o lanzamento dunha campaña de comunicación interna no xeodestino para informar aos veciños e aos visitantes sobre a aplicación de protocolos de seguridade nos establecementos e servizos turísticos, así como nas instalacións públicas, para transmitir unha imaxe de seguridade e confianza. Esta campaña, amais de estar presente no espazo publico se despregará en todos os establecementos que incorporen os protocolos oficiais de seguridade.

Novas relacionadas

Comentarios