Imprimir

Consternación e repulsa ante o novo caso de violencia machista de Vimianzo 

que pasa na costa | 15 de maio de 2019

Concentración en Vimianzo ante o acto de violencia machista
Concentración en Vimianzo ante o acto de violencia machista
  • Última hora [Xoves 16 - 14:00]: Segundo informa o alcalde de Vimianzo, a vítima "evoluciona favorablemente con mellores expectativas ca onte. Reacciona a estímulos e ten consciencia. A familia é optimista pero con moita cautela".
     
  • Apareceu, autolesionado pero vivo, o suposto autor do delito na praia dos Muíños. A vítima, continúa “estable dentro da gravidade”, segundo o alcalde da vila.

Consternación e repulsa contra o acto, pero tamén mareas de apoio para a familia. Así foron as concentracións celebradas esta tarde de mércores 15 de maio, que quedará marcado en negro na Costa da Morte tralo intento de asasinato machista acontecido en Vimianzo. Javier M., de 41 anos, apuñabala 3 veces a súa ex parella diante da súa oficina de Unións Agrarias, e escapaba.

Ao longo do día, mentres a vítima, Monste López, xogábase a vida no quirófano, a Garda Civil estivo na súa procura, mesmo con helicópteros, por toda a comarca. Era atopado, dentro da súa furgoneta situada na Praia dos Muíños, arredor das 20:00h, ao mesmo tempo que centos de veciños se manifestaban na praza do Concello vimiancés.
Aparecía vivo, autolesionado, pero vivo, e era trasladado ao Hospital Virxe da Xunqueira de Cee, custodiado polos axentes, antes de ser posto a disposición xudicial.

Segundo informaba o propio alcalde vimiancés, Manuel Antelo, durante a concentración, e despois de ler un manifesto semellante ao que lía no pleno extraordinario convocado este mediodía, a vítima atópase en estado “estable dentro da gravidade”, despois de saír de quirófano. Segundo fontes municipais está “Sedada á espera de saber se hai secuelas”, pero esperan que saia con vida.

Foi un día complicado en Vimianzo, pero os seus representantes políticos demostraron estar por riba das cores, e demostraron unha unidade fundamental para facer fronte á violencia machista.

Concentracion en Vimianzo ante o acto de violencia machista 2

Máis concentracións

A primeira hora da tarde, o alumnado do CEIP San Vivenzo concentrábase ás porta dos Concello. Os compañeiros e compañeiras das fillas da vítima quixeron amosar con esta sentida homenaxe o seu apoio á familia. "Nin unha máis, nin unha menos", leron os pequenos alumnos despois de recoñece que "cando toca de preto, síntese máis".

Concentracion de Unions Agrarias Santiago en apoio a Monste

Esta mesma tarde, ás 19:00h, os compañeiras de Unións Agrarias de Santiago concentrábanse ás portas da súa oficina en repulsa da #violenciamachista e ofrecendo o seu ánimo á vítima e a toda a familia.

Paralelamente, en Cee, a Organización Feminista Buserana organizaba outra concentración, ás 20:30h, para a comarca de Fisterra. Baixo o lema O machismo mata", medio centenar de persoas tamén se achegaron á praia 8 de Marzo.

Concentracion en Cee ante o acto de violencia machista de Vimianzo-Foto-Rafa QuintansConcentracion en Cee ante o acto de violencia machista de Vimianzo-Foto-Rafa Quintans 2
Concentración en Cee ante o acto de violencia machista de Vimianzo-Fotos de Rafa Quintáns

Mañá continúan as citas, por exemplo en Laxe, onde o Concello convoca unha concentración ás 12:00h diante do Concello.

Ademais, ducias de entidades da zona enviaron comunicados de respulsa ao acto e de apoio á familia, e os actos de campaña foron anulados por todos os partidos.

Novas relacionadas

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/vimianzo/concentracions-repulsa-ao-caso-violencia-machista-vimianzo/20190515211624109735.html


© 2019 que pasa na costa

COPYRIGHT 2019 QUE PASA NA COSTA