Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Concha Millán, do CIM de Cee: "Cando eu comecei non había practicamente nada de igualdade"

O CIM, que estivo activo tanto presencialmente como telematicamente durante o confinamento, tivo que mediar tres casos de violencia de xénero, dous derivados do 016 e outro derivado da policía local.
No que vai de ano, 10 novas usuarias sumáronse ao CIM de Cee por violencia de xénero.
No que vai de ano, 10 novas usuarias sumáronse ao CIM de Cee por violencia de xénero.
Concha Millán, do CIM de Cee: "Cando eu comecei non había practicamente nada de igualdade"

A semana pasada rematabámola falando e reflexionando sobre a violencia de xénero durante o confinamento con Patricia Vaquero, socióloga especializada en xénero, e representantes dos grupos feministas da Costa da Morte. Como ben comentamos en varios faladoiros, o Covid-19 trouxo a flote moitas das problemáticas que por desgraza xa estaban presentes no día a día de moitas mulleres e, como era de esperar, na violencia de xénero non ía ser menos.

Concha Millán, directora do Centro de Información á Muller de Cee e psicóloga no mesmo, é unha desas persoas que tivo que traballar e afrontar de primeira man con isto durante o confinamento. O CIM, que estivo activo tanto presencialmente como telematicamente durante o confinamento, tivo que mediar tres casos de violencia de xénero, dous derivados do 016 e outro derivado da policía local. Todo isto, no medio dunha situación totalmente excepcional.

“Foi bastante difícil actuar porque foron xusto ao principio. Estábamos en confinamento, todo practicamente con teletraballo e era moi difícil organizar, pero finalmente conseguimos ofrecerlles toda a atención que necesitaron, solicitaron os recursos de forma rápida tamén e conseguimos solucionar os tres casos”, afirma Millán.

Con estes tres últimos casos, xa suman polo menos dez novas usuarias do CIM de Cee por violencia de xénero no que vai de ano, chegando a un total de 25. Ben é certo que, tal e como comenta Millán, “algunhas son do ano pasado, porque teñen o seguimento ao estar cobrando recursos, teñen atención psicolóxica... Despois tamén hai moitas mulleres que seguen coa sintomatoloxía da violencia de xénero un ano máis”.

Outro dos factores a destacar desta cifra é que, a pesares de que orixinariamente o CIM de Cee recolle principalmente a zona de Corcubión, Fisterra e Cee, moitas outras mulleres doutras zonas da comarca deciden dirixirse á entidade ceense por non estar no punto de mira na súa vila. Segundo afirma Millán, “ao mellor ven algunha de Muros ou de Muxía, porque elas ás veces non queren ir ao sitio onde pertencen por vergoña a van a outro CIM”.

Axundando ás mulleres dende o 2004

Xa van 16 anos dende que o CIM de Cee abriu as súas portas e durante todo ese tempo, foron moitos os casos que pasaron polas súas mans. Millán recorda con especial agarimo o caso dunha señora de 70 anos que estivo sufrindo violencia durante toda a súa vida e que, cando chegou a xubilación do seu marido, ao pasar máis tempo na casa, a situación empeorou.

“Ela nunca traballou e non tiña información de ningún tipo. Non tiña salario, vivía do que cobraba el, e este dicíalle que os cartos e todo era del e que a ía deixar na rúa sen nada, como fan todos. Ela veu ao CIM, informámola e finalmente denunciouno. Disto xa hai seis ou sete anos, e cambioulle a vida totalmente. Ela di que comezou a vivir dende o mesmo momento en que se separou del e non para de agradecernos o traballo que fixemos”, explica Millán.

Dende os inicios no 2004, Millán recoñece que houbo un gran avance: “Cando eu comecei non había practicamente nada de igualdade, nin sequera nos centros escolares”. Durante este tempo, segundo indica, o progreso nótase sobre todo nas propias mulleres, que grazas a unha información terminan por tomar a decisión de denunciar.

Mais, por outro lado, lamenta que está a haber un retroceso nos adolescentes nestes últimos anos. “Hai moitos comentarios machistas, moito control a través das redes, e iso hai que cortalo”, afirma Millán, quen tamén é consciente da dificultade de atallar este tipo de conductas. Proba disto é nos últimos 3 anos, o CIM de Cee pasou de ter usuarias a partir de 25 anos por norma xeral, a comezar a recibir mulleres de 18, 19 ou 20 anos.

Está claro que o camiño por percorrer aínda é moi longo. Segundo a propia experiencia de Millán, moitas mulleres que están a sufrir violencia de xénero, seguen sen recoñecela, normalizando certas actitudes polas que deben aguantar. Ademais, segue a haber moito machismo, xa non só por parte dos homes, senón tamén por parte de mulleres.

Nestes casos, Millán fai fincapé na educación, vital para poder crecer como sociedade e poder alcanzar a igualdade real. “Nós facemos moitísimas actividades, pero se logo na casa non se segue traballado o que é a igualdade, non facemos nada. A concienciación da igualdade non xorde dun día para outro, ten que vir dende o berce”, afirma Millán.

Se o preciosas, acude ao CIM

O CIM de Cee, situado no segundo andar do concello, acolle a todas as mulleres que o precisen, sexan ou non da zona. Grazas a unha última modificación no decreto de funcións, teñen potestade para atender a calquera muller de toda Galicia.

Para todas aquelas que o requiran, teñen á súa disposición a unha avogada e unha psicóloga que lles informará e asesorará sobre calquera tema. “Asesoramos xuridicamente, tramitamos avogados de oficio, temos atención psicolóxica... Poden vir a preguntar para informarse de calquera tipo de dúbidas. Tamén dispoñemos dunha serie de recursos que poden solicitar para que elas inicien unha nova vida. E, o máis importante, van a estar acompañadas dende o primeiro momento”, declara Millán.

Comentarios