Venres. 29.03.2024
El tiempo

Condenado a dous anos e medio de cárcere o secretario do Concello de Fisterra por malversación

Jose Ramón L.F. Secretario de Fisterra
José Ramón Lema Fuentes, segundo pola dereita, nun pleno no Concello de Fisterra
Condenado a dous anos e medio de cárcere o secretario do Concello de Fisterra por malversación

Agora si é oficial. A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña, de acordo co veredicto do Tribunal do Xurado, vén de condenar ao secretario do Concello de Fisterra a dous anos e medio de cárcere como “autor dun delito continuado de falsidade en documento oficial realizado por funcionario público, en concurso cun delito continuado de malversación de fondos públicos”.

José Ramón Lema Fuentes, que fóra detido en 2013 tamén foi inhabilitado para o desempeño de emprego ou cargo público relacionado coa función de secretario, interventor ou calquera outra que teña como fin o manexo de caudais pertencentes a unha administración pública durante tres anos. Tamén deberá pagar ao Concello de Fisterra 23.690 euros, en concepto de responsabilidade civil.

Eran 6 os anos de cárcere que pedía a Fiscalía pero a Audiencia tivo en conta as atenuantes de dilacións indebidas e de reparación do dano.

Os feitos remóntanse entre xaneiro de 2011 e decembro de 2012, cando segundo o Xulgado, “o acusado concibiu a idea de detraer cartos das arcas municipais, aproveitando as facultades de disposición inherentes ao seu cargo”. Para iso, “manipulou e alterou as súas propias nóminas e as ordes de pago das mesmas”, argumentando que se trataban de "horas extras". Esas alteracións dos documentos realizáronse, segundo consta na resolución, “de forma groseira e basta”, polo que eran “perfectamente apreciables por calquera”.

Novas relacionadas

Comentarios