Venres. 29.03.2024
El tiempo

As confrarías consideran ridícula a proposta da Xunta de excluír da extracción da mexilla só 50 dos 1.700 km da costa atlántican galega

  • Na Costa da Morte as únicas zonas que quedarían excluídas da extracción de mexilla serían na zona da Barca (Muxía) e na zona do Roncudo.
Zonas de extraccion da mexilla propostas de exlusion
Proposta da Xunta para establecer as Zonas de exclusión de extracciónda da mexilla na provincia da Coruña
As confrarías consideran ridícula a proposta da Xunta de excluír da extracción da mexilla só 50 dos 1.700 km da costa atlántican galega

Non houbo acordo. Esta tarde reuníanse as confrarías da provincia da Coruña en Muxía, e as de Pontevedra no sur do país, para analizar a proposta da Xunta de Galicia para mediar entre confrarías (nomeadamente percebeir@s) e bateeiros. Todo nun momento de “alta tensión como se comprobaba esta semana en lugares como Muxía ou Coruña.

Un problema que leva máis dun ano enriba da mesa pero a Consellería do Mar leva estirando ante a presión do lobby bateeiro, o único absolutamente libre de ir onde queira a extraer a súa semente, sen necesidade de facer un control de peso nin de número de traballadores.

Hoxe, a Xunta propuña un acordo que incluía, para os bateeiros, a prórroga excepcional de extracción da cría do mexillón durante o mes de xuño (xa o mes de maio foi ampliado este ano), ademais de outras medidas extraordinarias xa postas en marcha este ano como son a opción de ampliar en 50 máis o número de cordas colectoras de mexilla en cada batea e a posibilidade extraela no interior dos espazos portuarios.

A única proposta pensada para para as confrarías é a exclusión da extracción de mexilla en 16 zonas que suman un total de 50 dos 1.673 quilómetros das costas da Coruña e Pontevedra e que son sensibles para a extracción de percebe. Na Costa da Morte as únicas zonas que quedarían excluídas da extracción de mexilla serían na zona da Barca (Muxía) e na zona do Roncudo.

Reunion das confrarias en Muxia

A reunión celebrada en Muxía deixou clara a rotunda posición das confrarías, rexeitando a “ridícula” proposta da Xunta. Estiveron presentes Ferrol, Mera, Lorbé, Sada, Ares, Caión, Aguiño, Corme, Laxe, Camelle e Muxía, ademais do Presidente da Federación Galega e o da Coruña.

”A proposta da Conselleira foi feita para saír do paso”, responden con rotundidade, deixando claro que cada pósito vai preparar un mapeo da súa costa sinalando que zonas teñen que ser excluídas da mexilla, para unificalas nun documento que poderá saír da posible reunión que terán o vindeiro venres en Santiago coas Federacións de toda Galicia.

O patron maior de Camelle na reunion de confrarias en Muxia
O patron maior de Camelle na reunión

Agradecemento político

Precisamente o presidente dos Percebeiros de Muxía, Toñico Haz, facía entrega a carta de agradecimiento á representante do PP local, Sandra Vilela, en agradecemento pola súa disposición de colaboración, como fixo tamén co alcalde, o socialista Iago Toba, e como fará este mércores coa representante do BNG.

Novas relacionadas

Comentarios