Xoves. 18.04.2024
El tiempo

Corcubión foi de viaxe polos Faros da Costa da Morte guiados por Manuel Vilar

Corcubión foi de viaxe polos Faros da Costa da Morte guiados por Manuel Vilar
Incansable Manuel Vilar espallando a lenda da Costa da Morte polo mundo. O investigador muxián realizaba onte a terceira presentación, tralas de Baio e Vimianzo do DVD "Faros da Costa da Morte", realizado dende o Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte coa colaboración da Deputación. A cita, destinada a dar a coñecer os faros na comarca de Fisterra, tiña lugar na Terraza do Hotel El Hórreo, e unha ducia de veciños achegáronse a coñecelo. Por Muxía parece que tamén terán a súa oportunidade de dar un paseo con Vilar. O DVD completa o libro que escribiran o propio Vilar e Xosé María Lema Suárez, outro dos pesos pesados do eido cultural costeiro, e que tamén participa como guionista no DVD. A sesión serviu, ademais de para coñecer os nosos faros dende as Sisargas ata Louro, para facer un intenso debate sobre a necesidade de abrir os faros como reclamo turístico.

Travesía histórica

Montamos na gamela de Manuel e percorremos unha fermosa travesía pola historia dos faros. E como non, comezando polo primeiro faro coñecido, a Torre da Illa do Faro, ben documentada gracias a Asterix e Obelix. Continuamos pola Torre de Hércules, o faro máis antigo en funcionamento, datado do século II, e levantado nin polos fenicios, nin polos romanos, "polos canteiros", como di un verso dun poeta galego. Avanzamos xa canda os ingleses, que foron os verdadeiros artífices (xunto ao corcubionés Plácido Castro Rovas) da sinalización da costa aló polos séculos XVI e XVII. Daquela xa había máis faron no Canle da Mancha que en toda a península.

Da importancia de Finisterre na navegación

Fantásticas as diapositivas que presentou Vilar para ir presentando a relevancia histórica do Cabo Fisterra na historia da navegación. Se ben hai cartas náuticas onde xa se fala do Finibusterre como zona de paso de buques. E curiosa unha carta náutica do 1.600, onde o Cabo Fisterra semella realmente a fin do mundo faceno unha esquina tremenda. De aí que en publicacións de todo o mundo, sobre todo británicas e estadounidenses, xa no sec.XIX, fixeran referencias continuas á zona, falando de "Near Finisterre" para calquera naufraxio ocorrido nas augas do Atlántico mesmo ata as Azores. "Que foi do Marconi?", foi outra das cuestións que se preguntaba Vilar, sen entender como pode estar completamente abandonado un punto tan simbólico da nosa xeografía.

Creando o selo "Costa da Morte"

Segundo Vilar non foi ata o século XX cando se comeza a falar de Costa da Morte. A serie de naufraxios ocorridos nas nosas augas provocou que dentro do país se xenerase unha especie de lenda a comezos de século que pouco a pouco foi queda arraigada ata os nosos días. A sesión tamén incluíu un pequeno debate sobre de onde a onde abrangue a Costa da Morte, pero parece que este é un debate sen saída...

Cómpre abrir os faros ao público?

Saíu a debate esta cuestión unha vez máis, lembrando a excursión organizada por Vilar no marco do Foro Costa da Morte, e na que os participantes non puideron subir a ver as lentes. O poder visitar ou non o propio faro depende a día de hoxe do Convenio Colectivo dos torreiros. E sen necesidade de meternos a obrigalos a atender ao público, a Autoridade Portuaria, incompetente para controlar as visitas, debería facer algo para aproveitar turísticamente o tirón dos faros, como fan polo outro Finisterre. "O que non pode ser é que subir ou non ao faro dependa da bondade dun torreiro", sentencia Vilar. Outras entidades como a Neria tamén poderían facer máis para encher de contidos históricos puntos de interese, como pode ser o Faro Fisterra, que segundo o propio Vilar "dá pena entrar e ver todas as paredes baleiras".

Novas relacionadas

Máis novas

Fonte

Comentarios