Imprimir

O coronavirus tamén é cousa nosa

que pasa na costa | 23 de marzo de 2020

Desinfectando o coronavirus en Camariñas
Desinfectando o coronavirus en Camariñas
  • Confirmados  unha vintena de positivos por COVID-19 na Costa da Morte.

Parecía que o COVID-19 non quería entrar. Pero xa está aquí. Sen ánimo de alarmar, nin de que cunda o pánico, cómpre manter informada á poboación da bisbarra, tendo en conta ademais o complicado que está sendo conseguir información a nivel municipal, como denunciaba mesmo o alcalde de Santa Comba.

Pero para manternos alerta e para sabermos que non estamos illados desta crise sanitaria mundial; para que manteñamos as medidas de confinamento impostas polo goberno e gardemos a corentena; para decatarnos que non podemos facer vida normal, cómpre contar que xa son, por agora e que saibamos, 20 os positivos confirmados por coronavirus na zona da Costa da Morte que cubre QPC.

Falamos de 6 casos en Fisterra (4 na vila, un en Vigo e un en Sardiñeiro), 1 en Cee, 6 en Santa Comba, 2 en Carballo, 2 en Muxía (Merexo), 1 en Malpica, 2 en Camariñas (Arou).

A meirande parte están illados nas súas casas, se ben hai 3 hospitalizados no HVdX de Cee, 3 no CHUAC da Coruña e un no Hospital Clínico de Santiago.

Cómpre sinalar que son casos importados, a través de viaxes do IMSERSO, deportivos… Pero que tamén son veciños da comarca, polo que tamén cómpre pedir respecto.

Semana clave

Estes días estamos recibindo ademais a preocupación de varios profesionais sanitarios do grupo de atención primaria, “ao observar relaxación a raiz da pandemia”. Por iso queren lembrar que “o pico de contaxio empeza dous días antes de presentar os síntomas”. Por iso piden, que nesta semana clave para ver a evolución do virus en Galicia e España, que a xente non se confíe e cumpra as corentena, evite ir ao centro sanitario (xa que é un posible foco de contaxio), que garde a distancia mínima (2 metros) con todo o mundo; e que aumente a frecuencia e tecnica da hixiene de mans.

Desinfección tamén nas parroquias

Mentres, os concellos apuran a desinfección de todas os espazos públicos, tanto das vilas como das parroquias.

Desinfectando en Laxe

Novas novas do Coronavirus

Máis novas do Coronavirus

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/costa-da-morte/coronavirus-tamen-cousa-nosa/20200323211837118531.html


© 2020 que pasa na costa

COPYRIGHT 2019 QUE PASA NA COSTA

Banner xunta axudas copia